Se o ano 2011 deixou a todos a rotunda mensaxe de que o mundo precisa cambios profundos, non semella claro que estes vaian a abordarse en 2012.
Ao longo de 2011, a crise de débeda da zona euro converteuse na maior ameaza para a economía mundial, segundo a OCDE. O prognóstico para 2012 é dun crecemento do 3,4 por cento, que se reduciría a un 0,2 no caso da zona euro. As grandes economías están perdendo impulso e o fin da crise da zona euro non semella previsible de momento. Poucos días despois de que os líderes europeos celebraran un cumio “decisivo” para acordar reformas do Tratado da UE, axencias de cualificación e organismos financeiros multilaterais viñan a lembrar que a eurozona seguía ameazada.
En Estados Unidos, o goberno de Obama encara un 2012 marcado polas eleccións presidenciais de novembro aventurándose un incremento inevitable das tensións entre demócratas e republicanos arredor da situación socioeconómica e da orientación da política exterior. Ambas as dúas formacións proseguirán a súa andaina ritual de costas a movementos como Ocupa Wall Street, reveladores de que a desigualdade económica e a avaricia corporativa xeran un repudio crecente ata na propia sociedade estadounidense.
Noutra zona especialmente convulsa, o Norte de África e Oriente Medio, non se descarta un incremento da inestabilidade política e disturbios civís, que poden estenderse por países como Marrocos, Alxeria ou Siria, entre outros. Os países árabes principalmente afectados polas revoltas (Tunisia, Exipto, Libia, Iemen…) proseguen as súas reformas baixo a atenta mirada dunha sociedade civil que non quer ser traizoada polos poderes fácticos que aspiran a que nada substancial mude. As maiores incógnitas afectan a Siria e Irán, cunhas tensións con Occidente que tenden a agravarse.
A vitalidade emana dos BRICS
Os países emerxentes, por outra banda, acentúan o proceso de aproximación gradual ao centro do escenario mundial. A clave dese cambio é o seu peso económico. Coa inclusión de Sudáfrica, os países do BRICS contan co 43 por cento da poboación mundial e acumulan reservas de divisas combinadas por valor de 4,3 billóns de dólares. En 2011, a economía chinesa creceu un 9 por cento respecto ao ano anterior, seguido dun 8 e un 4 para India e Rusia, respectivamente. Brasil ou Sudáfrica están facendo importantes progresos. Segundo o FMI, as economías emerxentes crecerán unha media do 6,4 por cento, fronte ao 1,6 das economías desenvolvidas.
A celebración do XVIII Congreso do Partido Comunista de China (PCCh) será o gran acontecemento político no xigante asiático en 2012. A elección dunha nova cúpula dirixente, con Xi Jinping e Li Keqiang á cabeza, abrirá paso a unha nova xeración de líderes que deberá afrontar os grandes desafíos da presente década. Na orde económica, o crecemento podería substituír á inflación como o asunto prioritario da axenda. Taiwán, que o 14 de xaneiro encara unhas importantes eleccións presidenciais e lexislativas, será outro referente clave do mundo chinés.
Tralas eleccións á Duma de 2011, nas que a Rusia Unida de Vladimir Putin, gañou con menos convicción da esperada, o Kremlin afrontará uns comicios presidenciais precedidos das accións de protesta nas grandes cidades a prol dunhas eleccións limpas. A irrupción de novos proxectos políticos como os liderados polo ex vice primeiro ministro Alexei Kúdrin ou o magnate petroleiro Mijail Projorov engaden expectación a uns comicios que inicialmente presentábanse como un paseo triunfal para Putin.
En América Latina, a creación de novos organismos rexionais (CELAC) evidencia o interese por unha integración autóctona, froito do liderado progresista existente en América do Sur, reafirmado nas vitorias de Ollanta Humala (Perú), Cristina Fernández (Arxentina) ou Daniel Ortega (Nicaragua). A elección de Dilma Roussef e a posible reelección de Chávez en outubro de 2012 consolidan os procesos de cambio na rexión que tamén poderían alcanzar a México. América Latina non quere ser patio traseiro de EEUU nin volver ás ditaduras, afirmando un bloque progresista que aposta por un cambio de tendencia centrado na democratización e na inclusión.
Moitas miradas seguirán atentas a Cuba. Raúl Castro afronta en 2012 o reto de aplicar os 313 liñamentos da política económica e social que conforman o discurso da “actualización do modelo”. Este cambio inclúe a apertura ao sector privado, recorte de empregos estatais, descentralización da agricultura, autonomía empresarial e eliminación de subsidios, entre outras medidas. Unha conferencia nacional do PCC, convocada para o 28 de xaneiro, confrontará expectativas e realidades nunha carreira contra reloxo que deixa a porta aberta a sobresaltos inesperados.
Cando o benestar non é rendible
As desigualdades medran en EEUU e en Europa. O enfoque ultraliberal sobre a regulación económica e financeira levou a unha perda de confianza pública absoluta no sistema financeiro e tamén no propio liderado político, visiblemente ao servizo dos poderes dominantes en demérito das arelas das maiorías sociais. O transo no que se atopan os sistemas políticos e económicos nos países occidentais suxire a necesidade de abordar a actual crise con propostas de alcance estratéxico e innovador. Non obstante, todo vai na dirección contraria, renunciando a establecer límites á especulación ou a promover unha reestruturación económica que non afonde unha inequidade social que presenta visos de ruptura.
A atención á crise económica e os seus efectos está na orixe, por outra banda, dunha nova decepción na loita contra o cambio climático. En Durban (Sudáfrica), salvouse in extremis o único tratado legalmente vinculante do mundo para reducir as emisións contaminantes antes do seu vencemento en 2012. Unha decisión a todas luces insuficiente para asegurar o futuro dos 7.000 millóns de persoas que habitan o planeta.
No global, prosegue a transición (G20) que nos levará a cruzar esa liña divisoria que vai marcando o final dunha era (G7). É o tempo dunha nova orde mundial (BRICS) que imporá a multipolaridade e eclipsará o inmenso poder de outrora das vellas hexemonías.