Os impactos económicos da invasión rusa síntense arredor de todo o globo

O mundo en guerra: Os intereses galegos en Ucraína

O recente estourido do conflito bélico en Ucraína semella ter collido desprevido a gran parte do espectro occidental. Nun mundo cada vez máis líquido e en constante mudanza, a ameaza dunha escalada da guerra a outros niveis acende todas as alertas globais.
Liñas de investigación Paradiplomácia Economia
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Palabras chave Galicia internacional
Idiomas Galego

O recente estourido do conflito bélico en Ucraína semella ter collido desprevido a gran parte do espectro occidental. Nun mundo cada vez máis líquido e en constante mudanza, a ameaza dunha escalada da guerra a outros niveis acende todas as alertas globais.

Ao mesmo tempo, nun contexto xeopolítico como actual non acaba de estar totalmente claro cal é o papel a xogar en termos de defensa por parte das nacións sen estado e dos territorios a nivel rexional. Pero o que si parece claro é que algúns destes territorios son precisamente centro das loitas. En calquera caso, mentres o tempo e a historia dilucidan estas disquisicións, o que si é posible subliñar é o posible impacto económico que esta guerra pode carrexar a Comunidades Autónomas como a galega.

Con datos de 2021, 153 empresas galegas exportaron mercadorías a Ucraína por valor de 109,2 millóns de euros. Os principais produtos comercializados foron os automóbiles (arredor do 44% do total, con presenza destacada do grupo Stellantis), o peixe conxelado (23%) e os produtos da industria química (case o 14%). Mentres, o valor das exportacións galegas a Rusia achegábase aos 240 millóns de euros, con presenza destacada do sector téxtil (12,5% do total), e novamente dos produtos da industria química (tamén preto do 12,5%). 

Mais a balanza comercial galega con estes dous países é negativa, xa que as importacións supuxeron un total de 130 millóns de euros no caso ucraíno e de 279 millóns no dos rusos. En canto ao primeiro dos países, as mercadorías adquiridas foron fundamentalmente aceite de xirasol (preto do 58% do total), e millo (31,5%). Do lado ruso, as compras galegas foron fundamentalmente de combustibles fósiles en forma de pretróleo (66,3%) e carbón (6,1%). Ademais, na relación con estes países destaca a presenza de empresas doutros sectores como a fabricación de maquinaria, o aluminio, así como o acceso a materias primas necesarias para a construción de vehículos.

Que cabe agardar con estes valores para a economía galega? 

En primeiro lugar, o volume das operacións comerciais con estes dous países non reflicte que se trate dos principais socios comerciais de Galicia. As exportacións a Rusia representan algo menos do 1% do total galego, e algo menos do 0,4% no caso ucraíno. Porén, o actual escenario de inestabilidade si apunta cara unha alza dos prezos que afectarán, entre outros, aos combustibles e aos cereais, o que provocaría un efecto arrastre a múltiples sectores. En concreto, Ucraína produce algo máis da sétima parte de produción mundial de millo e conta con recursos da minaría clave para a fabricación industrial. Por este último motivo determinadas industrias como a do automóbil e a fabricación mecánica veranse na obriga de procurar novos provedores. 

Non obstante as anteriores previsións, os conflitos bélicos poden ter duracións e consecuencias impredicibles. Será entón o propio devir da guerra o que marque o verdadeiro impacto a nivel económico. Mais a historia está aínda por escribir. Oxalá que esta apunte cara o cese da violencia…