No mundo de hoxe, onde prima o instantáneo como valor absoluto, o día a día, a mera supervivencia, pesa máis o balance e a aprehensión do cotiá, que os exercicios de prospectiva. | |
Na última década fomos acostumados a vivir ao día. Despois de anos de inmobilismo, onde todo parecía estar determinado e só un podía ser o rumbo da historia e das cousas, pasamos a un escenario hipercambiante, no que as mudanzas se sucedían sen tempo sequera para dixerilas e só a posteriori, ollando cara atrás, atinabamos a comprender o profundo alcance do sucedido. Pasa agora mesmo: quen pense que o euro deixou algo atrás para sempre, pode levarse como sorpresa, por exemplo, a recuperación da lira, como alguén anda a alentar.
No mundo de hoxe, onde prima o instantáneo como valor absoluto, o día a día, a mera supervivencia, pesa máis o balance e a aprehensión do cotiá, que os exercicios de prospectiva. ¡Hai que ter valor para atreverse a predicir algo! Hai uns días, un xornalista da BBC interrogábame sobre a miña visión do mundo en 2050 e que papel podía xogar China daquela. Son de temer realmente estas preguntas. Quen podía imaxinar en 1950 que en 2000 a URSS non existiría? Cincuenta anos é moito tempo e á velocidade en que agora as cousas se suceden, é moito tamén canto pode pasar, e os riscos, aínda utilizando os soportes científicos, por moi rigorosos que sexan, para definir certos trazos, a complexidade é tal, con tantas dimensións contraditorias e tantas variables a medir, que non é doado atinar. Se diso se trata.
Mesmo en tendencias "seguras" como é a propia emerxencia de China, son moitas as cousas que aínda poden tronzar a prosperidade deste inmenso país. Indo todo ben, un informe recente do National Intelligence Council de Estados Unidos, sinala, por exemplo, que se a clase media chinesa podía representar en 2020 o 40 por cento da poboación, algo así coma o dobre de hoxe, a súa proporción estaría aínda moi por debaixo da superpotencia. China podería acadar o PIB de Xapón en 2015 e o de EEUU en 2040. Pero nada está escrito. Quen se atreve a aventurar un ascenso pacífico de China? Tanto por razóns externas como internas, o proceso de modernización do Imperio de Oriente adentrase por territorios nos que a reforma pode escorregar facilmente.
A maiores, cómpre ter en conta que aínda navegamos no turbillón dos acontecementos, que a situación internacional non está de todo asentada, e que as tendencias que hoxe semellan firmes poden mudar de signo en dez-quince anos. Poida que así non sexa na demografía, pero na xeopolítica, o cálculo é máis complexo e o risco de errar moito máis grande.
Rematada a guerra fría, parecía que o poder militar, como factor de primacía na sociedade internacional, perdía significación; hoxe podemos comprobar que a única razón de ser da superpotencia non é outra que un orzamento militar e un abismo tecnolóxico que parte as augas con todos os demais países. India, Brasil, Indonesia, África do Sur, e a propia China, chaman ás portas do mundo desenvolvido para que se lles faga sitio. En períodos históricos anteriores, esas demandas sempre acabaron en guerras con millóns de mortos. EEUU, cunha economía en crise e endebedada, parece estar preparándose para o peor. O mundo cambiou, pero non tanto, e os factores de risco seguen aí para lembrarnos que a gloria nunca pode darse por cantada.
O mundo instantáneo no que vivimos resta credibilidade ao pensamento estratéxico. Pasa algo así coma nas sondaxes electorais. Lense, coméntanse, dannos a sensación de que sabemos algo, pero, a fin de contas, todo vai depender da enquisa final dos electores no mesmo día da votación. Pero a pesar de todo seguimos precisando mapas, anque só sexa para coñecer as tendencias que debemos fortalecer e cales cómpre discriminar.