Artigo publicado na Revista ECO do mes de maio.
PORTADA O PODER SOLIDARIO DO LOCAL 1

O municipalismo solidario en Galicia, un retrato para o novo mandato

O estudo “O poder solidario do local: A cooperación municipalista para o desenvolvemento en Galicia” publicouse no mes de maio do 2021, froito dun traballo conxunto entre o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Coordinadora Galega de ONGD...

No 2019 as promotoras do estudo confiaron en Xose Luis Pastoriza para a realización dunha diagnose histórica e actual arredor da cooperación internacional na administración local de Galicia, ou empregando a propia definición da FEMP “a que realizan os concellos, deputacións, cabildos e consellos insulares, as organizacións supramunicipais (Mancomunidades e Federacións de municipios e provincias) e as entidades supramunicipais especializadas en cooperación (Fondos de Cooperación)”.

O libro final, dunhas 140 páxinas, conta cunha edición moi lixeira, que da case a impresión de libro de bolso, aínda que tamén está dispoñible na rede. O marco teórico, os datos que sobresaen da investigación e o contexto todo que presenta canalízase nun ton pedagóxico que faino de moi sinxela e substanciosa lectura. Nesas coordenadas o autor enmarca desde as primeiras liñas o espírito da época impregnado pola Axenda 2030 e a súa relación coa administración local. O texto emprega unha narrativa que anima a imaxinación e a a ilusión, subliñando as orixes e os sentidos da cooperación internacional, a súa grande pluralidade ideolóxica e a súa historia e caracterización local en Galicia desde os anos 90 do século pasado. Tamén desde as primeiras liñas o texto atópase á procura da xustificación das propostas solidarias cun marco teórico actualizado, que bebe de fontes moi diversas, da economía, a filosofía ou a psicoloxía, que o fan especialmente suxerente.

Despois dos dous primeiros capítulos, máis descritivos e analíticos, o estudo comeza a aterrar no capítulo III, “Década perdida”, analizando unha década despois as conclusións do “Informe Zero da Cooperación municipalista do ano 2009” coa situación actual, concluíndo unha axenda paralizada, filla da reconstrución da cooperación internacional local galega trala crise económica dos anos 10 que ameazou con facela desaparecer (Lei 27/2013, de 27 de diciembre, de racionalización y sostenibilidad de la Administración Local). Así, no retrato do conxunto sobresae a resistencia e institucionalización do Fondo Galego como casa común da cooperación local galega (do que actualmente fan parte 100 Concellos e as Deputacións de A Coruña, Pontevedra e Lugo), xunto á experiencias concretas por parte dalgunha cidade e Deputación á hora de promover convocatorias de proxectos para ONGD´s…

Para ir ao particular, o capítulo IV “Big Bang miudiño” achégase a 9 breves estudos de caso arredor do propio Fondo Galego, as cidades e Deputacións máis implicadas, e casos particulares, como o de Oleiros ou Ames. Aínda que todo é moito, compre apuntar que na media, a administración local galega no seu conxunto achega 0,32€ por habitante ao ano (0,035 do orzamento total da administración local de Galicia), e que no caso dos Concellos, os máis destacadas serían Oleiros 1,52€ por habitante (0,19%) e Lugo 0,89€ por habitante (0,1 %). A grande maioría destas axudas canalízanse por medio de ONGD´s para proxectos que inciden maioritariamente no ámbito das necesidades humanas básicas, aínda que tamén hai algún caso singular de cooperación de Concello a Concello ou por medio de asociacións culturais ou clubs deportivos.

A pesar de que a análise cuantitativa evidencia o escaso peso da cooperación municipalista galega, a súa propia supervivencia amosa unhas raíces a ter presentes para o próximo mandato local. Tirando dese fío, a investigación péchase coa identificación dos Concellos SMART (Solidarioa, Mobilizadores, Activistas, Resilentes e Transparentes), como un canon de boas prácticas, das inmensas posibilidades dun Concello ou Deputación para a súa política internacional…

Por último, cómpre indicar que o estudo saíu con posterioridade á aprobación da Lei galega de acción exterior e cooperación ao desenvolvemento 10/2021 de 9 de marzo, tendo a virtude de non obviar a relación da acción exterior galega coa cooperación internacional. Con todos estes vimbios danse as condicións para que o libro sexa útil para unha nova etapa da acción exterior e a cooperación internacional municipal en Galicia tralas eleccións do 28 de maio.