O ouro de Chávez

A decisión do presidente venezolano Hugo Chávez de transferir as reservas internacionais venezolanas en ouro, eventualmente a economías emerxentes como China, Brasil e Rusia, retirándoas de EE.UU e Europa, supón unha medida probablemente de carácter conxuntural, deseñada baixo perspectivas xeopolíticas e, incluso, electorais, de cara aos comicios presidenciais de 2012.

Segundo o presidente venezolano, o seu país posúe reservas internacionais en ouro valoradas en US$ 11.000 millóns, repartidas en bancos en EE.UU, Gran Bretaña, Canadá e Francia, e que serán agora transferidas ao Banco Central de Venezuela (BCV). Mentres anunciaba esta transferencia de reservas, aducindo como razón principal a crise financeira en EE.UU e as incertezas sobre o futuro do euro, Chávez tamén decidía a nacionalización da industria aurífera, aproveitando os máximos históricos no prezo internacional do ouro, coa finalidade de aumentar as reservas e os ingresos fiscais.

Tendo en conta os elevados prezos internacionais do ouro, a medida de Chávez oriéntase a elevar as reservas venezolanas. Así, informou que Venezuela conta con US$ 29.000 millóns, das que US$ 18.349 millóns están en ouro. Venezuela é o primeiro país latinoamericano en reservas de ouro e o 15º a nivel mundial.

Chávez anunciou a creación dun fondo de reservas que achegaríase aos US$ 20.000 millóns, habida conta que coa nacionalización da industria aurífera se aumentará a exploración e explotación na estratéxica rexión de Guayana, ao sueste do país, igualmente rica noutros minerais como ferro, bauxita e diamantes e onde empresas chinesas, rusas, brasileiras e iranianas veñen traballando conxuntamente coa empresa estatal Corporación Venezolana de Guayana (CVG).

A transición ao socialismo

Aproveitando a Lei Habilitante outorgada en decembro pasado durante a lexislatura da anterior Asemblea Nacional (2005-2010), que lle permite gobernar por decreto ata o 2012 en diversos ámbitos considerados como “estratéxicos”, o goberno de Chávez igualmente anunciou a Lei de Custes e Prezos Xustos, que entrará en vigor en outubro próximo. Esta lei de prezos regulados en ámbitos prioritarios como alimentación, vivenda, téxtil, saúde e educación, foi elaborada por unha mesa de discusión conformada polo goberno e empresarios, e estará orientada “a confrontar aos sectores especulativos e garantir a transición ao socialismo”, en palabras do vicepresidente executivo Elías Jaua.

Non obstante, esta medida pode confrontar maiores tensións de cara á opinión pública venezolana e outros sectores produtivos, nun país cos niveis de inflación máis elevados de América Latina (calculados entre 20 e 30%), onde tamén se presentan importantes casos de escaseza de produtos básicos. En medios oficiais e adeptos ao goberno de Chávez, asegúrase que a especulación e a escaseza son ferramentas “golpistas” deseñadas pola oposición e os seus aliados externos, para deslexitimar o proceso revolucionario de Chávez e provocar a súa derrota electoral en 2012.

Precisamente, diversos medios informan que o goberno de Chávez está preparando un novo Plan Económico Estratéxico 2013-2019, de cara ao próximo período presidencial onde Chávez busca unha nova reelección, concibido para consolidar o modelo económico socialista. Mentres anunciaba as novas medidas económicas, Chávez tamén informou que o seu goberno está xestionando un crédito de US$ 4.000 millóns con Rusia para a compra de armamentos.

Unha medida efectiva?

Aproveitando as incertezas da economía global, en especial ante a crise en EE.UU e Europa, Chávez estaría persuadido a deseñar minuciosamente toda serie de estratexias económicas en clave política e electoral, ante a inminencia dos comicios presidenciais de 2012. Unha perspectiva que cobra validez ante o cúmulo de rumores e incertezas sobre o futuro político venezolano espallados unha vez se coñeceran os problemas de saúde de Chávez, aspecto que motiva constantes viaxes a Cuba para tratarse.

A eventual transferencia de reservas de ouro venezolanas a China, Brasil e Rusia foi denunciada a mediados de agosto pola oposición venezolana. Por tanto, Chávez saíu ao paso anunciando unhas medidas que igualmente corresponde coa súa visión de alterar a dependencia da economía venezolana dos mercados estadounidense e europeo cara novos mercados emerxentes.

Por citar un exemplo, Venezuela ten actualmente US$ 30.000 millóns en créditos con China, que se financian a través do subministro petroleiro. Precisamente, estes tres países son estratéxicos socios económicos de Chávez, aínda que esta decisión de transferencia de reservas abre unha paréntese de incerteza sobre a solidez de economías igualmente dependentes dos mercados estadounidense e europeo, así como da volatilidade dos mercados internacionais.

Non obstante, Chávez tamén pondera as perspectivas xeopolíticas desta medida: a transferencia de reservas venezolanas de ouro pode ser, igualmente, unha alternativa para consolidar a estes socios e amortecer certo baixo perfil internacional de Chávez, tomando en conta que xa non só pode contar co peso do petróleo como activo principal para captar novos socios.

Dentro deste nivel de incerteza sobre a efectividade da medida, o presidente venezolano pode non estar só nesta visión de transferencia de recursos, xa que outros países, especialmente dentro da ALBA, poden seguir o exemplo venezolano. A nacionalización da industria aurífera probablemente estaría orientada a incrementar os ingresos fiscais venezolanos, coa mira posta no gasto público que xerará a próxima campaña electoral presidencial 2012.

Así, Chávez elabora unha estratexia política claramente orientada a consolidar a súa reelección en 2012, sabendo que o “chavismo” xa non posúe a maioría absoluta na actual Asemblea Nacional que lexislará ata 2015, e que a oposición política, aínda desunida, acelera os seus esforzos por renovarse para confrontar electoralmente co mandatario venezolano o próximo ano.