Estantería chea de mangas como D.Gray-man ou The Heroic Legend of Arslan, exemplos do éxito global da narrativa gráfica xaponesa.

O poder brando (II): O imperio cultural de Xapón

Nesta serie afondaremos no concepto de soft power ou poder brando. Exploraremos como os Estados empregan políticas culturais e comunicativas para construír unha imaxe positiva e gañar influencia nas relacións internacionais. Casos reais axudaranos a entender como este tipo de poder brando converteuse nunha estratexia global nos nosos tempos
Apartados xeográficos Ásia

Hai apenas uns anos, buscar un restaurante de sushi na miña cidade era unha tarefa difícil. Había que saber onde ir, e a oferta era bastante limitada, mais, hoxe atópome cun local deste tipo en cada esquina. Neste momento, son moitas as cafeterías que nos ofrecen matcha latte, e mesmo os famosos mochis xa non son algo tan exótico e podemos atopalos nos supermercados do noso barrio.

Este fenómeno non se limita á gastronomía; na maioría das librarías é igual de común ver mangas como best sellers occidentais. Ademais, puidemos observar cómo cada vez hai máis interese por aprender a súa lingua e as súas tradicións. Hoxe, son moitos os mozos que se apuntan a clases de xaponés, practican judo ou incorporan elementos típicos da cultura xaponesa no seu día a día, dende a forma de vestir e a estética kawaii ata as famosas rutinas de skincare xaponés.

Xapón instalouse nas nosas rúas. Fíxoo dun xeito natural, silencioso e profundo. Pero isto non é unha simple casualidade. O que estamos a vivir hoxe é o resultado de anos marcados por unha estratexia tan sutil como eficaz: o uso do soft power ou poder brando.

Despois da Segunda Guerra Mundial (1945), Xapón converteuse nun país destrozado e arruinado económica e moralmente. Tras renderse e aceptar a Declaración de Potsdam (1945), quedou ocupado polos Estados Unidos, e foi por este motivo que o país se viu envolto nun proceso de desmilitarización.

Xapón xa non podía exercer o seu poder militar como no pasado, polo que tivo que reconstruír a súa imaxe internacional. Así foi como decidiu apostar pola cultura, materializándose na música, gastronomía, tecnoloxía, o manga ou o anime.

Os anos da posguerra estiveron marcados por moitos cambios dentro do país e nas súas relacións co exterior, tanto a nivel social como cultural, entre eles, un rápido crecemento da clase media, o papel crecente de Xapón como exportador cultural con gran influencia sobre países dos que antes dependía, coma os Estados Unidos, e a internacionalización da cultura xaponesa.

A década dos 70 e 80 foi unha etapa importante desta transformación. Durante estes anos, abriuse unha das primeiras grandes fiestras de Xapón a Occidente: o mundo do cine. O 15 de xuño deste mesmo ano, Studio Ghibli celebrou o seu 40º aniversario desde a súa fundación en 1985. Dende hai décadas este estudo de cine de animación xaponés leva á gran pantalla películas que tratan temas específicos da sociedade xaponesa e creando obras de animación tan famosas como O meu veciño Totoro ou A viaxe de Chihiro, cuxo éxito traspasou as fronteiras do propio país e cativou a millóns de espectadores. En certo modo, estas películas móstrannos como se ve Xapón a si mesmo, pero tamén como quere que o perciba o mundo.

image 94
Escena de Mi vecino Totoro (1988), unha das películas máis emblemáticas do Studio Ghibli

Ademais do cine, outras industrias tamén reforzaron a presenza cultural de Xapón a nivel global, como a tecnoloxía, os videoxogos ou a música, entre outras. En España, xa desde os anos 90 comezaron a emitirse na televisión series de animación xaponesas como Doraemon ou Dragon Ball Z (mesmo traducidas ao galego), que, cun grande éxito, foron responsables de entreter xeracións enteiras, introducindo elementos da cultura xaponesa na vida cotiá daqueles nenos.

Outros fenómenos ou personaxes revolucionaron tamén o mundo infantil, como Hello Kitty, unha tenra gatiña xaponesa que se converteu nun icono global. Tampouco podemos esquecer Nintendo, pois a súa influencia no entretemento e na innovación tecnolóxica marcou tamén a infancia de moitas xeracións en todo o mundo, con personaxes icónicos coma Zelda ou Mario Bross.

Tamén gañaron protagonismo nas últimas décadas do século XX marcas xaponesas de grande relevancia como Toyota, Sony ou Panasonic, que axudaron a dar forza á imaxe dun Xapón moderno, tecnolóxico, creativo e de calidade. Non só reforzando o seu prestixio, senón tamén achegando a millóns de persoas á estética, aos valores e ao estilo de vida xaponeses.

image 95
Visitantes posando xunto a personaxes de Hello Kitty na entrada de Sanrio Puroland, un parque temático adicado ao universo de Sanrio en Tokio, Xapón.

Como vemos, Xapón soubo utilizar o soft power con eficacia, chegando a posicionarse en 2024 como o cuarto país do mundo que mellor exerce este tipo de poder. Segundo o ranking «Global Soft Power Index (GSPI), elaborado por Brand Finance. Desde 2011, este modelo innovador no ámbito cultural do Estado, que foi acuñado baixo o nome de Cool Japan, converteuse no foco do goberno para fomentar o desenvolvemento e a influencia da cultura e a creatividade, mellorando así a imaxe que o mundo tiña do país e convertendo a Xapón nun dos países máis modernos e máis conectados coa cultura pop.

Quedaron atrás aqueles duros anos da posguerra, das bombas e da fame, e Xapón demostrou ao mundo a súa capacidade de resiliencia e adaptabilidade, emprendendo un novo camiño de hexemonía cultural a nivel global. Nestes últimos anos, Xapón non precisou conquistar territorios para gañar influencia, porque xa conquistou algo moito máis profundo: os nosos hábitos e os nosos gustos.