O polucidio chinés

A contaminación en China reviste niveis de gravidade crecente. Nas últimas semanas emitiuse a primeira alerta vermella a nivel nacional por polución atmosférica. Ducias de cidades do norte do país víronse afectadas. Os avisos dan conta de que ata un 62 por cento das cidades chinesas controladas sofren un alto nivel de contaminación, impoñéndose por todas as partes os plans de emerxencia. Na capital anúnciase a instalación de filtros de aire nas escolas mentres o ministro do ramo, Chen Jining, entoa o mea culpa pola situación pero tamén pola impotencia á hora de propoñer solucións que non poden ter efecto inmediato.

Liñas de investigación Observatório da Política Chinesa
Apartados xeográficos China e o mundo chinês
Idiomas Galego

A contaminación en China reviste niveis de gravidade crecente. Nas últimas semanas emitiuse a primeira alerta vermella a nivel nacional por polución atmosférica. Ducias de cidades do norte do país víronse afectadas. Os avisos dan conta de que ata un 62 por cento das cidades chinesas controladas sofren un alto nivel de contaminación, impoñéndose por todas as partes os plans de emerxencia. Na capital anúnciase a instalación de filtros de aire nas escolas mentres o ministro do ramo, Chen Jining, entoa o mea culpa pola situación pero tamén pola impotencia á hora de propoñer solucións que non poden ter efecto inmediato.

O control ambiental é un dos aspectos avaliados con maior esixencia nas inspeccións centrais dos gobernos locais. A miúdo conclúen destacando os “pobres esforzos” rexistrados a este nivel. Os plans de Beijing con obxectivos detallados en materia de aire, auga e terras contaminadas atopan dificultades na súa implementación. Sanciónase a centos de empresas, moitas delas públicas, e se ditan advertencias pero serve de ben pouco. Pese á prohibición do goberno, algunhas empresas renovan a produción. Cumprir coa redución de emisións ten implicacións económicas e sociais que fan perigar a consecución dos obxectivos de crecemento e estabilidade. É difícil cadralo todo.

Pouca credibilidade

Hai tamén un problema importante de confianza. A discrepancia entre as lecturas oficiais da calidade do aire e a percepción dos cidadáns é moeda común. Tanto que o goberno acaba de anunciar unha maior independencia das axencias de avaliación poñendo fin ás conexións oficiais que agora provocan os conflitos de intereses. Sorprende en todo caso que todo iso non derive na crise política que tantos temen e que á vista da persistencia dun problema tan agudizado podería chegar en calquera momento. 

As autoridades chinesas multiplican as medidas de resposta ante a enorme preocupación social que provoca a polución e os seus efectos na saúde. Desde a creación dunha policía ambiental ao endurecemento das penas en caso de infracción, novos e elevados impostos á contaminación que entrarán en vigor en 2018, controis da densidade demográfica ou alivio da conxestión automobilística figuran en carteira. 

Primeira causa de morte

Estímase que un terzo das mortes en China estarán relacionadas coa polución. O smog é máis perigoso que o tabaco. Pero non ten solución a curto prazo. Achámonos ante as consecuencias dunha estrutura económica cargada de industria pesada, unha combinación enerxética en exceso dependente de combustibles fósiles e estilos de vida nocivos para o medio ambiente. 

A redución do uso de enerxía por unidade de PIB, a redución da proporción de carbón no consumo enerxético e a elevación da cota das enerxías limpas son medidas que van polo bo camiño pero a curto prazo non acougarán a ansiedade da sociedade chinesa.