O retorno de EEUU

Estados Unidos intenta tirar o máximo proveito da nova imaxe proporcionada polo Presidente Obama desenvolvendo unha actividade diplomática frenética e deixando ás claras que a crise económica non afectará, antes ben ao contrario, á defensa dos seus intereses en todo o mundo, impedindo que outros países aproveiten as súas dificultades para gañar influencia internacional e mesmo abrir portas a cambios substanciais nas regras de xogo. Sen descoidar as liñas de atención tradicional, as principais novidades céntranse na recuperación da atención a aquelas zonas que a administración Bush deixou de lado ao concentrarse na loita contra o terrorismo, na que Obama tamén imprime un novo enfoque.

A primeira mirada diríxese cara o Sueste asiático, en especial a Filipinas, considerado o país “coordinador” das relacións estadounidenses coa ASEAN, dez países con case 600 millóns de consumidores que en 2015 crearán un bloque económico do estilo da UE. En 2008, o comercio de EEUU co sueste asiático reduciuse a un 12%, cinco puntos menos ca en 1993. As vías marítimas desta zona son vitais para o comercio mundial de petróleo, alimentos e manufacturas. A importancia concedida a Filipinas revela un crecente interese por restaurar a presenza militar neste país, que mantivo ata 1992 durante 93 anos.

África sobe puntos no grado de importancia concedida pola administración Obama.  Despois da visita presidencial a Ghana, a secretaria de Estado Hillary Clinton realizou en agosto unha xira por Kenya, Sudáfrica, Angola, Congo, Nixeria, Liberia e Cabo Verde. A ampla delegación estadounidense que participou nesta misión indica o inicio claro e oficial dunha rivalidade estratéxica con China no continente, onde teme o medre dunha influencia que considera unha ameaza para os seus intereses.

E o terceiro foco de atención é América Latina, que hoxe padece dúas convulsións de distinto signo pero onde EEUU emerxe como referente. O papel de Washington na crise hondureña non está de todo explicado. Resulta evidente que non exerce aquí o mesmo tesón diplomático que aplica a outras crises onde ve perigar os seus intereses, pero, ademais, a presenza de dous próximos da Clinton (Lanny Davis e Bennett Ratcliff) como asesores de Micheletti e facendo lobbying en EEUU en contra da recuperación da normalidade institucional, destapa un dobre xogo de difícil encaixe, mesmo no suposto de que responda a diferenzas profundas entre a secretaria de Estado e o propio Obama, quen amosou o seu apoio á iniciativa da OEA. O segundo episodio é Colombia. O anuncio da ampliación da presenza militar estadounidense neste país rememora vellas prácticas e indica que as inercias do pasado son difíciles de abandonar. Se o proxecto vai adiante, será inevitable unha carreira de armamentos na zona e ata un conflito armado entra no posible.

Os métodos en curso para a recuperación de posicións no escenario internacional, procurando gañar terreo a todos cantos pretenden desenvolver dinámicas diferentes en diversos eidos con estratexias propias que, en exercicio dunha soberanía irrenunciable, queren deixar de mirar de reollo a Washington e conducilas en función das súas propias ambicións, revela que Obama segue en período de gracia pero EEUU está ben lonxe aínda de mudar de todo a súa concepción  das relacións internacionais.