O tempo iberoamericano

No limiar da VIII Cimeira Iberoamericana reunímonos en Porto diferentes Institutos de Relacións Internacionais e Estratégicas de todos os países participantes, co obxecto de debatir sobre os problemas vencellados á vertebración do proceso integrador iberoamericano no contexto da globalización: democracia e soberanía, administración da diversidade, seguridade rexional e internacional, etc. Da multitude de temas suscitados, dúas conclusións a destacar. Dunha banda, a necesidade que os países da América Latina perciben de definir con absoluta autonomía as diferentes variables do proxecto integrador, sen tutelaxes, en pé de igualdade, repensando as claves do seu propio presente e futuro. Doutra banda, a convicción profunda de que a integración é o mecanismo idóneo non soamente para a consecución dun maior benestar e progreso material senón igualmente para a consolidación e mellora da cualidade dos sistemas politicos democráticos, para a afirmación dunha nova cultura e conciencia cívica e política capaz de afrontar con garantías os desafios da globalización. Perfectos coñecedores das propias fraxilidades, curiosamente, sendo incondicionais da integración rexional, a maior parte dos participantes ratificaron a importancia de reivindicar a vixencia e mesmo o reforzamento do vello Estado-nación como suxeito indispensable do proceso integrador.

A partir deste encontro de Porto, os Centros participantes constituiranse nunha Rede de información e colaboración co obxecto de compartir e impulsar unha acción reflexiva transnacional. Os contactos irán da man dos encontros dos xefes de Estado, pero tamén procurando ir máis alá da formalidade e timidez que impón a estricta diplomacia.