Barack Obama consegue máis representantes cada día e podería chegar o próximo tres de xuño a sumar os 2.026 delegados que precisa para gañar a carreira demócrata. | |
Obama ten xa a mirada posta nos comicios de novembro. O que queda das primarias, a penas tres eleccións máis, está pasando a segundo plano ante a confirmación da sorprendente vitoria do senador por Illinois. Obama consegue máis representantes cada día e podería chegar o próximo tres de xuño a sumar os 2.026 delegados que precisa para gañar a carreira demócrata. Ese obxectivo está ao alcance da man. Polo momento, gañou 32 das 53 primarias e caucuses, mentres que H. Clinton gañou en 21. Moitos dos antigos partidarios da senadora por Nova Iork mudaron de postura e agora apoian a Obama. Nas enquisas a nivel nacional (e na recadación de diñeiro), Obama tamén amplía a súa vantaxe. Nos seus discursos, nas súas mensaxes, e mesmo na elección dos lugares dos seus últimos actos políticos, afloran indicios claros de que o seu reto é outro.
Este novo contexto sitúa como desafío máis importante para o candidato demócrata o lograr o apoio dos votantes de H. Clinton para poder enfrontarse, con certas garantías de éxito, ao republicano McCain. A fenda aberta entre os candidatos demócratas soamente poderá pecharse garantindo unha derrota digna ao seu rival, que moitos preferían pola súa idoneidade para impoñerse ao candidato republicano. Nesas condicións, os demócratas poderán tirar proveito electoral da caída en picado das expectativas de voto dos seus competidores. Os problemas económicos ou a guerra de Iraq acentúan a impopularidade do goberno de George Bush e McCain ten e terá serias dificultades para desentenderse dese mandato, a pesar dos seus esforzos por ofrecer unha imaxe independente e distanciada do núcleo duro do seu partido. O nivel de desaprobación da xestión de Bush rolda, segundo varias enquisas, o 70 por cento.
Pola contra, a moral entre os demócratas segue estando alta. O entusiasmo amosado polos votantes que concorren ás primarias indica un nivel de mobilización pouco usual. Indubidablemente, nel influíu a dura rivalidade entre os dous candidatos. Obama, que atopa resistencias entre os seguidores de H. Clinton nalgúns estados (Kentucky, Virxinia, etc), ten como reto esencial transformar o capital acumulado nunha oportunidade que evite que eses sufraxios se encamiñen cara a abstención ou, peor aínda, cara os republicanos. A ser posible, antes da convención de agosto. Daquela, saberemos mellor se haberá ou non oportunidades para unha nova política en EEUU. O mundo precisa con urxencia esa mudanza.