Oçalam, cabeza de turco

O Consello da Unión Europea ven de ratificar no Cumio de Helsinki a estratexia de ampliación deseñada pola Comisión. Mentres avanzan as conversas cara o horizonte do 1º de xaneiro do 2003 con Polonia, Hungría, Eslovenia, Estonia, R. Checa e Chipre, abríronse as negociacións con Bulgaria, Romanía, Eslovaquia, Letonia, Lituania e Malta. Ao tempo consagrouse a Turquía como candidata á adhesión. A Europa Unida avanza cara o Leste e na foto dos mandatarios contou tamén coa presencia do primeiro ministro turco Bulent Ecevit. O líder kurdo Abdalá Oçalam converterase nos próximos meses na moeda de cambio para pagar a comprensión europea.

Segundo as previsións do Consello , a UE do futuro contará con 28 membros ao incorporar a Turquía como candidata á adhesión. Nesta decisión desempeñou un importante papel o flamante Señor PESC, Javier Solana. Mentres, as apoucadas reformas internas propostas polo Presidente da Comisión , Prodi, quedaron sobre a mesa e só se aceptou unha tímida referencia a unha posible nova ampliación que foi considerada practicamente inviable pola maioría dos dirixentes dos estados membros.

O importante papel desempeñado por Turquía na estratexia militar da OTAN durante os anos da "guerra fría" e na década final do século foi recompensada. As reservas dalgúns dirixentes quedaron finalmente esquecidas ante a confirmación desta estratexia militar e a conversión de Turquía no camiño polo que transcorreran as veas que alimentarán as necesidades enerxéticas europeas co petróleo e o gas do Caspio azerí.

A cuestión moral quedou nun segundo termo, eso si co compromiso de Ecevit de facer todo o posible por suprimir a pena de morte no seu país e de chegar a entenderse co histórico inimigo grego nas múltiples disputas polas illas do Exeo. A cabeza do dirixente kurdo vaise converter na "cabeza de turco" que amosará ao mundo a conversión de Turquía nun país civilizado e a conmutación da pena de morte á que está condenado nun acto de lexitimación internacional da vontade democrática do goberno de Ankara. Unha vez máis a nación kurda será víctima dos xogo económico e militar das potencias e os seus dereitos democráticos ignorados.