¿Estar no mundo? Claro que si. Ninguén o discute a estas alturas. O que si se debate, en especial nas sociedades periféricas, é como estar, é dicir, que se debe priorizar para non quedar illado. É o propio unha fronteira a salvar ou debe ser o trampolín que nos catapulte cara o exterior? Cabería dicir que debe haber un pouco de cada cousa, pero a actitude de tirar pedras contra o noso tellado é a máis errada que se pode adoptar. Galicia debe estar no mundo apoiándose nas súas marcas de excelencia diferencial e suavizando, asimilando e construíndo as pontes precisas para comunicar mellor as nosas potencialidades a todos os niveis. As nosas riquezas (do mexillón ao granito), os nosos recursos (agro gandeiros, forestais, turísticos, etc) son recoñecibles internacionalmente.
Pero non todo é material. Contamos con recursos humanos de gran valor, cunha diáspora (non soamente empresarial, nin esta é necesariamente a máis valiosa de todas) que nos proxecta en mil espazos territoriais e sectoriais cun nivel de identidade que xa quixeran para si moitos dos nosos concidadáns residentes na Galicia física. Lévase anos falando disto e facendo pouco, mesmo estragando o pouco que se fixo ben, para converter ese poder nunha variable activa e estratéxica. O magma que debe unirnos é a creatividade e non a dependencia e no primeiro é onde se debe poñer o acento. A diáspora non é só un problema de máis dereitos.
E por último cómpre atender ao capital político. Unha mostra foi esa atención lograda das autoridades chinesas para explorar o funcionamento das autonomías en España tomando como base o caso galego. A cuestión das nacionalidades na China non é un tema menor. E o goberno sabe que non é imaxinable a modernización do Estado sen abordar este asunto e eu diría que sen arbitrar outra concepción da xestión pública que reforce un autogoberno amplo e potencie a lealdade institucional. De non ser así, o máis probable é que os problemas nacionais sigan crecendo. O autogoberno converteuse así nunha vantaxe comparativa que situará a Galicia directamente no cume do poder político chinés. E esa porta pode abrir moitas outras.
Estar no mundo tamén debe implicar outra dimensión. As portas de Galicia deben estar abertas á recepción do mundo exterior, ao aire fresco que chega de fóra, absorbendo canto resulte beneficioso e comprometéndose e implicándose coa súa evolución global. Iso tamén é estar no mundo de forma proactiva.