China recibe este sete de febreiro o Ano da Rata, no que ten concentradas mil esperanzas para asombrar ao mundo cunhas Olimpíadas espectaculares que transmitan esa mensaxe de modernidade e de desenvolvemento na que ven insistindo nas últimas tres décadas. Alén dos aspectos estritamente olímpicos e relacionados coas infraestruturas e a organización de tan importante evento, tres son as preocupacións centrais do goberno chinés. Unha ten que ver co entorno rexional e a necesidade de garantir a paz e a estabilidade nunha zona que nos últimos anos collera unha deriva especialmente preocupante en tres aspectos sensibles: as relacións con Xapón, o litixio nuclear coreano e as tensións con Taiwán. A habilidade diplomática de Pequín e certa fortuna permitiron que novos rumbos emerxeran na península coreana e no liderado nipón e, por último, todo parece indicar que Taiwán, a raíz dos resultados das eleccións lexislativas do pasado 12 de xaneiro, quer deixar atrás a dinámica de enfrontamento co continente, prognóstico que podería confirmarse nas decisivas eleccións presidenciais do vindeiro 22 de marzo.
En segundo lugar, a situación socioeconómica interna na que se advirten signos de preocupación como o repunte da inflación, as tensións relacionadas co iuán, a moeda chinesa, e as garantías dos produtos orientados cara a exportación que tanto danaron a súa imaxe durante o pasado ano. China habilitou baterías de medidas para facer fronte a estes riscos e multiplicou o diálogo cos seus principais socios comerciais. Con seguridade, seguirá crecendo en 2008 a un ritmo similar ao dos últimos anos e as autoridades terán serias dificultades para meter en cintura aos poderes territoriais que aínda recean do novo modelo de desenvolvemento que preconiza o poder central. A harmonía debe presidir a evolución chinesa a todos os niveis, pero non será doado pasar das palabras aos feitos e as numerosas tensións que habitan no xigante, unhas visibles e outras máis ocultas, relacionadas cos desequilibrios económicos e as desigualdades sociais pero tamén coa disidencia política, poderían emerxer, pese aos esforzos por controlalas e reprimilas. Con todo, a capacidade que aínda conserva o Estado en todas as ordes ofrece unha ampla marxa de manobra que non pode desprezarse.
Neste último aspecto é onde as dificultades do liderado chinés poden ser máis plausibles. As alargadas sombras en materia de dereitos humanos van pesar o seu nesta Olimpíada, que dificilmente poderá ser reducida a un evento deportivo, ao igual que unha concepción da diplomacia que prima por riba de todo a soberanía nacional e descarta calquera tipo de intervencionismo, baseado ou non en razóns humanitarias, ou unhas relacións económicas singulares que se distancian das esixencias habituais nos comportamentos dos Estados occidentais e dos organismos internacionais que comandan. Cabe imaxinar que estes aspectos, internos e externos, collerán pulo na axenda mediática nos próximos meses e obrigarán a China a dar explicacións que, en moitos aspectos, dificilmente serán de recibo en boa parte da comunidade internacional. Medidas cosméticas aparte orientadas a neutralizar as críticas máis virulentas, non cabe imaxinar grandes mudanzas no comportamento político chinés. As Olimpíadas serán o escaparate da nova China, das súas virtudes e os seus defectos.