Os beneficiarios do neoliberalismo

A reforma económica formulaba unha procura da eficiencia. En realidade, ollamos como prexudica os consumidores e beneficia a oligarquías cada vez máis íntimas.

A "reforma económica" que tornou obrigatoria no mundo enteiro apresentouse como a única maneira racional de actuar para correxir a "rixidez" do sistema anterior. Había que libertar as enerxías esganadas polo Estado e deixar que as forzas do mercado decidisen, pois así habería competencia e escolla. E para ter esa liberdade, competencia e productividade que tan desexábeis eran, había que privatizar todo, os servizos públicos tamén, pois que só o sector privado podía garantir o funcionamento dinámico dos países.

O resultado desa teoría foi, como cabía esperar, que os países pobres quedaron moitísimo más empobrecidos e que os ricos se están empobrecendo máis cada vez. Todo quedou incerto, inseguro e vacilante, sumido nunha desorientación fácil de utilizar por quen teña o poder.

É certo que se os bens públicos quedan en mans dun Estado centralizador que quera controlalo todo, o resultado pode ser mediocre e pouco dinámico, pero iso non se pode correxir entregándolle eses bens ao sector privado. A empresa privada ten sempre unha vida limitada e non pode oferecer a continuidade que se precisa no sector público. E a finalidade da empresa privada é facer gañancias para ela propia e para os seus accionistas se os ten; polo tanto, non se pode concentrar en servir ao público.

A privatización dos servizos públicos impúxose invocando a liberdade e a eficiencia, e alegando que se aforraba moito gasto innecesario que viña da falta de productividade do ríxido sistema anterior. Na práctica, nada diso funcionou e todo quedou desmantelado para nada, porque non foi sustituido por algo mellor. Como consecuencia, o mais probábel é que dentro de pouco os países desenvolvidos non teñan suministro continuo de auga nen de electricidade e que nese espazo público polo que voan os avións empece a haber catástrofes causadas pola privatización dos sistemas de control aéreo.

¿Quén se beneficia desas privatizacións desacertadas que rematan costando a todos moitos mais cartos que o de antes (como xa están costando os apagóns que empeza a haber)? Está claro que os grandes enriquecidos son os directores dos grandes consorcios, que poden facer en pouco tempo e con pouco traballo moitísimo diñeiro para eles propios. Pero para o que sirve sobre todo ese novo sistema é para estabelecer un circuito de enriquecidos que logo apoian a determinados políticos que logo apoian a eses mesmos enriquecidos, có que se crea unha oligarquía cada vez máis pequena e máis íntima que ten todo o poder.

Para sair da desorientación que creou ese sistema que parece económico pero que é político de fondo habería que decidir cómo terían que funcionar o sector público e o privado, cál tería que ser o papel do Estado e a quen terían que corresponder a distintas responsabilidades. Son cuestións nas que hai moito que debater e aclarar.