Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario, o 14 de maio do 2024
Lai Ching-te na Wikimedia, agosto 2023

Os estreitos de Taiwán

Lai Ching-te asumiu a presidencia taiwanesa este 20 de Maio. O cambio no liderado amosa un dobre signo de continuidade: do seu partido, o soberanista Minjindang ou Partido Democrático Progresista, á fronte do Estado e tamén da política aplicada nos últimos oito anos, durante o mandato de Tsai Ing-wen. Non obstante, hai unha mudanza destacada: Lai non contará co referendo automático do Parlamento ao perder a maioría absoluta nos comicios do pasado 13 de xaneiro. O entendemento da oposición unionista (KMT, PPT), que tampouco será automático senón que deberán traballalo e arduamente, ameaza con complicar e moito a súa acción de goberno.

China continental vai observar moi de perto a política de Lai, a quen considera un firme partidario da independencia da illa, máis radical nisto que Tsai. Sen embargo, cabe esperar prudencia nos primeiros xestos de Lai. Onde si cabe agardar maior decisión é no estreitamento dos vencellos cos EUA. A súa vicepresidenta Hsiao Bi-khim é, neste sentido, unha garantía de fluidez nesa relación bilateral que avanzará a paso decidido no eido comercial, tecnolóxico e tamén na defensa.

Nestas semanas previas á toma de posesión, Beijing promove xestos de distensión que pacta coa oposición, nomeadamente o KMT, levantando prohibicións comerciais, recuperando parcialmente o turismo e, sobre todo, tendendo pontes con algúns sectores da sociedade taiwanesa, dende militares veteranos ata xuvenís, para ir trazando con eles políticas afíns. A provincia de Fujian, situada en fronte da illa, ten sinalada como tarefa principal erixirse como polo de atración, multiplicando as políticas preferenciais cara Taiwán. É probable igualmente que China siga achicando o espazo internacional de Taipéi.

Esas políticas, polo xeral máis suaves ou matizadas, asentan naquela perda de maioría absoluta do soberanismo que lle brinda un maior espazo de actuación pero non impedirá a persistencia de exhibicións de musculatura militar a modo de aviso ou reacción ante decisións que interprete como de signo soberanista, moi especialmente no eido da seguridade e a defensa pero tamén no político. Non haberá diálogo directo entre China e Lai.

As conversas entre EUA e China teñen en Taiwán un obstáculo difícil de salvar. Se o propósito último é estabilizar as relacións, como se sinalou na última visita do secretario de Estado Blinken a Beijing entre o 24 e 26 de abril, isto é materialmente imposible sen encarreirar este contencioso adoptando medidas de desescalada. Tamén son improbables, e non só polo ano electoral en EUA senón porque demócratas e republicanos comparten o rexeitamento de plano á reunificación de Taiwán co continente. Mesmo Biden chegou a dar mostras de abandono da tradicional “ambigüidade estratéxica” de Washington ao asegurar que defendería Taiwán no caso dun ataque do exército chinés.

Cabe lembrar que Taiwán está estratexicamente situado, aquelando ao Exército Popular de Liberación chinés dentro da primeira cadea de illas, evitando que represente unha ameaza substancial ás bases militares estadounidenses, na actualidade en proceso de reactivación e expansión. Dende a súa chegada ao poder en 2021, a política da administración do presidente dos Estados Unidos Joe Biden en Taiwán primou a suma do apoio colectivo dos aliados e socios estadounidenses. Esta estratexia, dos Estados Unidos máis os seus aliados, socios e Taiwán, marca un cambio con respecto ás administracións anteriores que trataran a seguridade de Taiwán principalmente como unha cuestión bilateral. Gane quen gane en novembro, cabe agardar que Taiwán estea máis presente nas iniciativas institucionais lideradas polos EUA e seguirá retorcendo este asunto no nariz da China en tanto esta non baixe a cabeza.

Agardan, pois, momentos de cambio e augas axitadas nos próximos catro anos na rexión. As prioridades de uns e outros insinúan certa firmeza nos marcos do problema de Taiwán. Non obstante, a debilidade do goberno de Lai, que tratará de compensar cun achegamento mais intenso a Washington, terá o contrapeso do impulso do achegamento de Beijing aos unionistas. Ese marco terá como consecuencia inmediata o acentuar a división política na illa.

Evitar que a axenda política da illa se resuma no triángulo cos EUA e China continental debera ser unha preocupación compartida polos partidos e a sociedade taiwanesa. Esa cuestión do futuro estatus de Taipéi lastra outras cuestións que preocupan á xente común. Días atrás, por exemplo, estatísticas oficiais sobre a distribución da riqueza en Taiwán, destacaban que o 20% da poboación máis rica da illa posúe un patrimonio que supera os 50 millóns de NDT (aprox. 1,56 millóns de dólares), mentres que o 20% máis pobre ten só 770.000 NDT (aprox. 24 mil dólares), sendo un novo récord histórico cunha diferenza de 67 veces. Non todo se estreita en Taiwán.