Os indíxenas retan ao goberno cun referendo

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Idiomas Galego

Un sarampelo de referendos recorre o mapa de Ecuador, dende que o 21 de xaneiro a mobilización popular derrocara ao Presidente Jamil Mahuad. A CONAIE (Confederación Nacional Indíxena do Ecuador) ven impulsar a celebración dun plebiscito no que se revoque o mandato dos parlamentarios e da Corte Suprema de xustiza. Planifican findar a tarefa inacabada do 21-E. Daquela, só rodara a cabeza máxima do executivo, agora abandonan a vía revolucionaria para encarreirarse na estrictamente constitucional. Sen mudar un ápice os seus obxectivos persiguen tumbar ao lexislativo e ao xudicial.

A decisión da Conaie de recoller millón e medio de sinaturas, o triple do que se precisa legalmente para promover iniciativas populares, para desautorizar aos poderes lexislativo e xudicial ven de subir a temperatura do doente Estado do Ecuador.

Se ate agora eran as provincias ás que se lanzaron a unha sempre exitosa carreira de consultas para demandar a descentralización e unha maior autonomía. A irrupción a consulta promovida polo movemento indíxena ven de sacudir a vida política.

O presidente da Conaie, Antonio Vargas, unha vez superada a fase de confrontación interna, na que certos sectores cuestionaron a súa opacidade e hermetismo durante as accións que propiciaron a caída de Mahuad, lanzouse, cun anovado discurso retador, a conquistar o mesmos obxectivos que fracasaron na intentona de xaneiro, engadindo a petición de amnistía para os militares e policías estiveron a carón dos indíxenas o día no que caeu o presidente. Están decididos a someter a consulta popular cuestións coma a moratoria por dúas décadas da débeda externa, a suspensión das privatizacións nos sectores estratéxicos do petróleo, auga, as telecomunicacións, a electricidade e a sanidade. Tamén queren vincular a continuidade do presidente Gustavo Noboa a devolución dos depósitos bancarios conxelados hai un ano e a ruptura da dolarización.

O discurso de Vargas é duro, non pretende temperar gaitas. "…Os pobos do Ecuador e os militares patriotas levantámonos o 21 de xaneiro na percura dun cambio profundo no noso país, para erradicar a corrupción e a impunidade dos poderosos, reactivar a producción, controlar a inflación e a especulación e redistribuír máis a riqueza entre todos os ecuatorianos, e rescatar a democracia secuestrada polos partidos políticos e os grupos de poder para que a exerza ao pobo… a traizón da cúpula militar frustrou temporalmente este proceso…a consulta popular faise porque o pobo está indignado con todos os políticos, aínda máis cos deputados que non teñen feito nada…".

Baixo esta perspectiva distante e crítica coa clase política defenden a reducción do número de deputados de 123 a 42, nos que estarían integrados representantes do paralelo e autoproclamado parlamento popular. Teñen en fronte a todos os políticos, mesmo aos deputados populares dos movementos de esquerda, pero avanzan a piñón fixo, sen ollar para os que están nas beiras do seu camiño.

A pugna institucional líbrase agora nos subterráneos labirintos legais. O Tribunal Supremo Electoral asevera que non autorizará ningún plebiscito que teña por finalidade violar preceptos da Constitución. Amparándose nos artigos 104, 105 e 283 aseguran que só o presidente pode convocar referendos para modificar a constitución. Dende o movemento indíxena retrucan que coñecen ben as limitacións legais, mais argumentan que só pretenden a revogación dos cargos electos, cousa que si ten encaixe constitucional.

Salvador Quishpe líder indíxena e presidente de Ecuaraní sentencia: "No Ecuador durante máis de 170 anos ten gobernado un grupo minoritario de privilexiados, que non representan máis que ao seu propio grupo social e económico…hai que lembrarlles que a democracia é a participación do pobo no goberno".