Palestina: inmune á rebelión árabe?

En setembro de 2011, a Autoridade Nacional Palestina (ANP) ansía declarar oficialmente o seu carácter de Estado soberano e ser admitido pola ONU como un Estado membro. Desde finais de 2010, diversos países latinoamericanos incrementaron a 102 os países do mundo que recoñecen un Estado palestino.

Apartados xeográficos Oriente Médio
Idiomas Galego

En setembro de 2011, a Autoridade Nacional Palestina (ANP) ansía declarar oficialmente o seu carácter de Estado soberano e ser admitido pola ONU como un Estado membro. Desde finais de 2010, diversos países latinoamericanos incrementaron a 102 os países do mundo que recoñecen un Estado palestino. En xaneiro pasado, o presidente ruso Dmtri Medveded viaxou a Cisxordania para ratificar a posición de Moscova a favor dese recoñecemento.

Non obstante, a súbita rebelión popular no Magreb iniciada en xaneiro pasado, e que levou á caída das presidencias autocráticas en Tunisia e Exipto así como á escenificación da actual guerra civil en Libia (con zona de exclusión aérea e posibilidades de ataque exterior incluídos), desviou case absolutamente a atención mundial cara os acontecementos en Palestina.

O actual panorama político palestino reflicte os esforzos por atopar mecanismos de consenso dentro da ANP tanto para impedir unha nova “Intifada” na poboación palestina, rememorando os sucesos de Exipto e Tunisia, e así como para alcanzar espazos de achegamento entre os partidos Al Fatah e Hamas, cuxas diferenzas afondaron unha división xeopolítica entre os territorios de Cisxordania e Gaza desde 2007.

O presidente da ANP, Mahmud Abbas, anunciou unha remodelación do seu gabinete, a fin de afastar a perspectiva dunha rebelión ante o descontento na poboación palestina pola inercia política e a corrupción existente en altos cargos da ANP. O primeiro ministro Salam Fayyad intensifica unha serie de negociacións con Hamas para dar pasos conxuntos na necesidade de integrar un goberno de unidade nacional que permita afrontar con garantías o eventual escenario de recoñecemento oficial dun Estado palestino en Cisxordania e Xerusalén Leste para finais de 2011.

A intransixencia israelí ante este escenario é notoria, principalmente porque tamén observa con inquietude os cambios que suceden no mundo árabe. Consternados ante a caída dun aliado clave como o ex presidente exipcio Hosni Mubarak, o primeiro ministro Benjamín Netanyahu tenta conservar a iniciativa sobre o futuro político palestino, criticando duramente os achegamentos entre Al Fatah e Hamas, e advertindo a EEUU e Europa sobre a posibilidade dunha escalada do conflito.

O temor israelí segue a orientarse na posibilidade de que a declaración unilateral dun Estado palestino considere un marco político e territorial superior ás fronteiras anteriores a 1967, cando tras unha guerra árabe-israelí, Tel Aviv ocupou os territorios de Cisxordania, Gaza e Xerusalén Leste. Pola súa banda, a ANP amosa unha gran preocupación ante a tibiedade de EEUU e Europa para recoñecer a lexitimidade dese Estado palestino.

Con isto, non existen síntomas claros de influencia da rebelión popular no Magreb no contexto palestino, a pesar da persistencia dunha fragmentación do seu tecido político, do descontento popular e a crise económica, da intransixencia israelí e a incomprensión e apatía internacional. O 2011 pode ser un ano histórico para Palestina, pero a necesidade occidental por estabilizar o novo Oriente Próximo sacudido pola rebelión árabe pode demorar os esforzos para unha pacificación en Palestina e a proclamación lexítima do seu Estado.