20071228mumbai the economic times benazir killed

Paquistán

Apartados xeográficos Ásia ARQUIVO
Idiomas Galego

 Benazir asasinada; clic para aumentar
As eleccións do próximo 8 de xaneiro estarán marcadas pola ausencia de Bhutto e pola imperiosa necesidade de Musharraf e da súa casta militar afín de conservar determinadas cotas de poder. Se ben é certo que un aliado estratéxico para Occidente como Paquistán está en real perigo de caer no caos e na desintegración, este escenario está en gran medida propiciado polos errados cálculos xeopolíticos de Washington. (Foto: Mumbai, 28/12/2007. Un cidadán indio le no xornal a noticia do asasinato de Benazir Bhutto o 27 de decembro en Rawalpindi).
 

Qué futuro lle espera a Paquistán tralo asasinato de Benazir Bhutto? Era Bhuto o verdadeiro factor de poder que puidera propiciar unha democratización no país? As tensións internas e o risco de inestabilidade manifestados ao longo do 2007 espertan pésimos augurios para o novo ano, calendario marcado polas eleccións lexislativas previstas para o próximo 8 de xaneiro.

Este convulso escenario obrigará a radicais cambios de prioridades e estratexias internas e externas, especialmente para Washington, de cara a garantir a evolución do futuro político paquistaní.

Desde o golpe militar do xeneral Pervez Musharraf en outubro de 1998 e, especialmente, tralo 11-S de 2001 e a posterior guerra de Afganistán contra os talibáns, a idea concibida polo propio Musharraf, os militares e a elite paquistanís de cara a EEUU e Occidente centrábase na necesidade de preservar a estabilidade e integridade territorial e política do único país musulmán con armamento nuclear recoñecido.

Esta idea suporía preservar a Musharraf no poder e incrementar a cooperación política e militar occidental coa elite gobernante, a fin de evitar que os grupos islamitas, algúns deles presuntamente infiltrados nas Forzas Armadas, cobraran forza e lograran propiciar unha rebelión popular que acabara coa estabilidade do país.

Nos derradeiros anos, diversos disidentes e analistas paquistanís no exilio criticaron esta idea como unha estratexia elaborada polo propio Musharraf e a casta militar no poder co consentimento occidental, a fin de preservar os seus intereses, incluso minando calquera intento de real democratización.

Sen restar importancia a esta idea, cuxa preeminencia pode descifrar varias das claves que se ocultan detrás do asasinato de Bhutto, o escenario político paquistaní se amplía cunha serie de variables que determinarán o futuro deste país de pouco mais de 150 millóns de habitantes. O reto islamita é tan certo como os intereses de diversos grupos tanto no poder como no exilio, persuadidos pola idea de iniciar unha etapa post-Musharraf.

Así, na fronteira afgano-paquistaní resulta clara a falta de autoridade política e militar por parte do goberno de Islamabad, diluída nunha serie de grupos étnicos e tribais, varios deles de inspiración islamita, probablemente apoiados por elementos pertencentes aos talibáns afgáns e grupos yihadistas simpatizantes coa ideoloxía de Al Qaeda.

Con este panorama, no 2007 Paquistán viviu momentos de convulsión que realmente ameazaron coa caída do goberno de Musharraf. O pulso político co presidente do Tribunal Constitucional, Mohammed Chaudry, deu paso á feroz represión militar contra os islamitas na Mesquita Vermella, sucesos que incrementaron a vaga de atentados terroristas no país.

Cun Musharraf que comezaba a caer en desgracia e verse como un elemento incómodo para Occidente, a vaga de atentados terroristas e a cada vez maior presión estadounidense para propiciar un cambio de goberno permitiron enxalzar a figura de lideres políticos no exilio como Benazir Bhutto e o ex primeiro ministro Nawaz Sharif, precisamente deposto por Musharraf no golpe de 1998.

Ambos, Bhutto e Sharif, son constantemente sinalados pola xustiza paquistaní a tenor dos anteriores cargos de corrupción que empanan, dalgún xeito, a pretendida aureola democratizadora que en Occidente lles atribúen. Paralelamente, ambos tamén posuían poderosos inimigos dentro da casta militar paquistaní e os grupos islamitas.

Herdeira dunha poderosa dinastía política en Paquistán, Bhutto converteuse en 1988 na primeira muller en acceder ao cargo de primeira ministra nun país musulmán, no marco dun proceso de transición democrática tras anos de gobernos militares. Este ascendente serviulle a Bhutto para constituírse na carta principal de Washington destinada a impulsar un Paquistán post-Musharraf, dentro dun espectro político que outorgara un medio de contención, con visos democráticos, de cara á casta militar e os grupos islamitas.

Así, Washington esperaba converter a Bhutto nunha reproducción en Islamabad do presidente afgán pro-occidental, Ahmed Karzai. Horas antes de sufrir o mortal atentado, Bhutto e Karzai reuníranse en Kabul.

As eleccións do próximo 8 de xaneiro estarán marcadas pola ausencia de Bhutto e pola imperiosa necesidade de Musharraf e da súa casta militar afín de conservar determinadas cotas de poder. Se ben é certo que un aliado estratéxico para Occidente como Paquistán está en real perigo de caer no caos e na desintegración, este escenario está en gran medida propiciado polos errados cálculos xeopolíticos de Washington.

Todo isto confirma cómo Asia Central e meridional, con actores clave como Paquistán, Afganistán, India e China, así como o terrorismo islamita, constitúe unha das rexións máis turbulentas para a seguridade internacional.