¿Parlamento de cartón?

Rematou o primeiro periodo de sesións da nova lexislatura do macro Parlamento chinés. A partir de agora e ata o próximo ano, será o seu Comité Permanente, formado por menos de 200 deputados dun total de case tres mil, quen asumirá o labor lexislativo diario. Polas características da vida política chinesa, a loita parlamentaria está excluída, se ben, ademáis do Partido Comunista, entre os deputados do Comité Permanente están representados os chamados “oito partidos democráticos” que asumen o papel de co-partícipes no poder.

A reunión do Parlamento chinés culmina o proceso iniciado en setembro pasado coa celebración do XV Congreso do Partido Comunista. As principais decisións da Asemblea Popular Nacional, en especial as relativas ós postos de maior responsabilidade, foron adoptadas na reunión que o novo Comité Central celebrou a finais do pasado mes de febreiro. A principal carencia da institución lexislativa chinesa radica precisamente nese predominio da concepción instrumental e na ausencia de autonomía real e suficiente, unha autonomía que o anterior presidente do Parlamento, Qiao Shi, quería ampliar e consolidar.

Tal e como se agardaba, o Parlamento aprobou as principais liñas de actuación política para os próximos anos. No ámbito interno e político, a consigna será a primacía da estabilidade evitando entrar en toda cuestión que poida dividir á cúpula dirixente. Li Peng atará en corto o Lexislativo e resaltará a súa fidelidade sen fisuras ó proxecto de modernización sen cambio político. No ámbito económico, Zhu Rongji, o novo primeiro ministro, deberá afrontar as maiores dificultades. Alén da reestructuración das empresas estatais, deberá establecer o marco global dun novo sistema económico e social a escala estatal, unificando os experimentos levados a cabo nos últimos anos en diferentes zonas do país. As presas que parecen existir para liquidar boa parte do entramado empresarial estatal contrastan coa imprecisión e ambigüidade dun modelo social susceptible de prestar a cobertura indispensable para amortiguar a conflictividade laboral que este salto cualitativo da reforma pode producir.

No plano exterior, a prioridade centrarase en Taiwán. O 20 de decembro de 1999, Portugal devolverá Macau e soamente Formosa faltará á gran cita histórica da unificación da nación chinesa. Qian Qichen, ex-ministro de asuntos exteriores, será o responsable de impulsar iniciativas políticas máis audaces que permitan modificar o enrarecido clima existente entre Beijing e Taipei. Os dirixentes continentais están moi preocupados tanto polo ascenso electoral do Partido Democrático, formalmente partidario da independencia, como pola opinión das novas xeracións de taiwaneses que cada vez son máis reacios a entrar nun proceso de diálogo que conduza á unificación co continente.

Os próximos anos serán decisivos para China. A reforma das empresas estatais implica non soamente alteracións económicas senón tamén sociais. Estas empresas, que proporcionan emprego a un 70% da poboación urbana asalariada, funcionan como auténticos micro-estados. A empresa é o epicentro da vida cidadá. Responsabilizase de todo: da ocupación, paga as pensións dos xubilados, presta a asistencia sanitaria, organiza a educación -mesmo a universitaria nas máis grandes-, constrúe e mantén as vivendas dos seus empregados, asegura unha rede bancaria propia, cuida da seguridade interior, etc. A liquidación desta concepción implica construir sistemas alternativos para xestionar esas necesidades e orientar ocupacionalmente á poboación laboral excedente.

Por conseguinte, China está perante un momento decisivo e moi delicado dese proceso de reforma encetado hai xa dúas décadas. No fundamental, o futuro xogarase nos próximos tres anos, período no que ademais os principais dirixentes do país, todos de idade avanzada, deberán preparar os seus respectivos relevos.

Acceso ao artigo orixinal no repositorio web 1998-2012