ramala retirando propaganda electoral

Pasar páxina

 As Mulleres do Mundo 2005, clic para aumentar
En Iraq desenvólvese unha guerra que contravén o dereito internacional e é moralmente insostible, en Chechenia aválase unha represión xenocida e en Guantánamo mantense un gulag que rifa de forma escandalosa coa defensa dos dereitos humanos, e dende hai décadas postérgase a instauración dun Estado palestino viable. Agora pretendemos ningunear a vitoria de Hamás porque non nos gusta, a pesar de ser o resultado dunhas eleccións democráticas. Gañaron os que non debían e moitos reclaman que nin se fale con eles, que se lle neguen os recursos económicos indispensables para subsistir, etc. Esta conducta ofrece aos radicais un excelente pretexto para alimentar a violencia e facilita a instrumentalización de calquera desacordo con fins políticos. (Foto: Retirada de propaganda electoral na cidade de Ramala tralas eleccións palestinas).
 

As culturas non libran guerras, afirmaba recentemente Hans Küng, o teólogo católico alemán, a propósito da publicación de caricaturas de Mahoma en Europa. E advertía, nunha recente entrevista concedida á Deutsche Welle, que se Occidente segue aplicando unha política que fomenta os resentimentos musulmáns pode producirse unha perigosa escalada.

Non hai xustificación posible para os brotes de violencia da última semana, nin tampouco para os exabruptos do presidente iraniano, Mahmud Ahmadineyad. Son saídas de ton, totalmente fora de lugar, pero a facilidade con que prende a ira no mundo árabe contra a conducta de Occidente, hoxe unha caricatura irresponsable e mañá calquera outra cousa, debería levarnos a unha autoreflexión profunda sobre a nosa corresponsabilidade en todo o acontecido.

En Iraq desenvólvese unha guerra que contravén o dereito internacional e é moralmente insostible, en Chechenia aválase unha represión xenocida e en Guantánamo mantense un gulag que rifa de forma escandalosa coa defensa dos dereitos humanos, e dende hai décadas postérgase a instauración dun Estado palestino viable. Agora pretendemos ningunear a vitoria de Hamás porque non nos gusta, a pesar de ser o resultado dunhas eleccións democráticas. Gañaron os que non debían e moitos reclaman que nin se fale con eles, que se lle neguen os recursos económicos indispensables para subsistir, etc. Esta conducta ofrece aos radicais un excelente pretexto para alimentar a violencia e facilita a instrumentalización de calquera desacordo con fins políticos.

¿Que se precisa? cooperación e coherencia, afirma Küng. Non podemos alarmarnos ante as expresións de violencia no mundo árabe, querendo presentarnos como adalides do pacifismo, cando algunhas das guerras máis violentas que se libran en moitas partes do mundo son responsabilidade de Occidente. Non estamos en condicións de dar leccións, nin de impoñer o noso parecer ao mundo islámico confiando nunha reacción automática de entusiasmo a tantas bondades. Debemos facer por acompañar a súa reflexión cun diálogo respectuoso que desprace os fundamentalismos que proliferan en ambas partes de forma tan elocuente e preocupante. Non basta con pedir calma, pasar páxina e quedarse agardando o seguinte brote.