Perejil e o memorial de agravios

Máis alá da cuestión de a quen pertencen as pedras da illa Perejil/Leila, o valor desta “nube de verán” que fai as delicias dos medios de comunicación nun tempo en que comezan a escasear as noticias, reside, ao meu ver, no contexto de acelerado deterioro das relacións bilaterais entre dous Estados veciños que comparten numerosos intereses e preocupacións en común.

¿Qué mosca lle picou ao señor Piqué?, titulaba o pasado día 8 de xullo Kamal Lahlou, en La Gazette du Maroc, ao tempo que denunciaba a política de chantaxe alentada polo goberno español e instrumentalizada a través dos diferentes medios de comunicación, próximos e non tan próximos á Moncloa, para desacreditar a Rabat aos ollos da opinión pública europea e internacional.

¿Está xustificada a crítica marroquí? Os intentos da diplomacia española de aproveitar a súa presidencia de turno da Unión para aprobar en Sevilla unha resolución que contemplaba a imposición de castigos aos países que non controlen os seus fluxos migratorios, mesmo asimilando en determinados casos emigración clandestina e terrorismo; a suxestión formulada a El-Rei para que non respondera á presunta invitación de Mohammed VI para asistir ás festividades do seu matrimonio en tanto Marrocos non repuxera ao seu embaixador en Madrid; a autorización concedida a Repsol-Ypf para realizar prospeccións petrolíferas nas inmediacións das illas Canarias en augas que Marrocos reivindica como propias; a dura posición española nas negociacións de Bruxelas con Rabat a propósito do dossier agrícola; a invariable persistencia da actitude española en Nacións Unidas arredor do problema do Sáhara; mesmo a risa contida auspiciada dende algúns medios ante o anuncio de Rabat da detención dunha célula durminte de Al Qaida que estaba instalada no seu territorio, configuran un escenario hostil, de acurrulamento, de Marrocos. Mesmo o feito de que nas negociacións de España co Reino Unido a propósito de Xibraltar se produzan avances na liña do establecemento da soberanía compartida sobre o enclave, indignan a Benaïssa ante o que se califica, acertadamente, como unha doble vara de medir –que sen embargo distorsionan á hora do Sáhara–. Non hai xestos de España na mesa liña en relación a Sebta e Mélilla.

A reacción, sen embargo, de Rabat, é un xesto carente de sentido. No comunicado de prensa do día 12 de xullo alúdese a tres elementos cruciais das relacións bilaterais: antiterrorismo, represión da emigración clandestina e reivindicación das augas territoriais. Non se pode falar do asunto Leila-Perejil ignorando todo o demais, conflictos pendentes de enorme entidade sobre os que non se fala dende hai nove meses. A escasas semanas de se produciren eleccións en Rabat, ambas partes semellan obrigadas a realizar un esforzo por repensar as relacións bilaterais.

Que facer co Perejil ou Taura como lle din os árabes? Non está mal a proposta da Cátedra UNESCO da Universidade Autónoma de Barcelona: que o convirtan nun parque natural cunha administración compartida que garanta a vida sen estrés desas encabritadas cabras, agora sometidas ao implacable dominio da Lexión.