O Bos Aires da post-crise 2001, ten debuxado unha particular paisaxe urbana na que o fenómeno piqueteiro, convertérase nun elemento consubstancial da cidade. Trazo distintivo que, agora, o Goberno Kirchner parece decidido a borrar dun brochazo. Pero, ¿por que tanta dureza, agora, a pouco máis dun mes das eleccións parlamentarias e non antes?
Dende hai varios anos, as enquisas detectaban que as nutridas marchas piqueteiras, os seus reiterados bloqueos de administracións públicas, os seus cortes de rúas e estradas, persistentes, arbitrarios, sen previo aviso…, amolaban a máis do 80% dos porteños, que, enrabechados, pedían a fin da impunidade bloqueadora. Non resultaba fácil entender como un goberno populista, tan pendente sempre da opinión pública, non quería escoitar este clamor popular.
Varias son as claves desta aparente contradición. Dende hai varias décadas, pero especialmente despois da crise do 2001, a sociedade arxentina foise fracturando en extractos socioeconómicos, separados por abismos na renda per cápita. Na Arxentina, segundo datos do INDEC (Instituto Nacional de Estatística e Censos) do segundo trimestre do 2005 , existen máis de 6 millóns de persoas que malviven con menos de 2 pesos diarios (57 céntimos de ). Outros 5 millóns de persoas sobreviven cun termo medio de 4,10 pesos por día (1,17). O salario medio é de 550 pesos/mes (157,14). Segundo un estudo do OIT e o Ministerio de Traballo arxentino, o salario real medio é un 60% máis baixo que o de 1970. Por tanto, abondan os motivos para entender a existencia de mobilizacións en demanda de traballo ou salarios dignos, entre a enorme masa de pauperizados do país.
Mais, tamén existen outros factores que se escapan a esta lóxica, e que teñen unha importancia determinante á hora de comprender o particular fenómeno piqueteiro arxentino. Un dos plans sociais gobernamentais, o denominado "Xefes e Xefas de Fogar", que pretende paliar a pobreza dos máis marxinados, outorga a cada parado/a con familia, unha renda mínima de 150 pesos (43â¬). Pero existe un mecanismo perverso na entrega do subsidio, xa que non é administrado polos Departamentos Sociais do Goberno, senón que se tutela directamente dende as organizacións sindicais e populares piqueteiras, creando unha rede clientelar, dependente dos dirixentes, que prima aos que se mobilizan ao son das súas directrices e castiga economicamente a aqueles que non seguen as consignas dos denominados Punteros (líderes con criterios políticos ou sindicais).
As organizacións son tan variadas como o arco da vella social e político arxentino. A ensalada de siglas piqueteiras responde ás diversas estratexias político-sindicais. Kirchner, en ano e medio de goberno, foi metendo no curruncho da marxinación aos máis radicais (MDT Aníbal Verón, Corrente Clasista Combativa, Fronte Popular Darío Santillán…), que foron perdendo militancia durante a súa presidencia. Son estas as que agora, a pouco máis dun mes das eleccións, reclaman un aumento do 233% no subsidio dos "Xefes de Xefas de Fogar", pasando de 150 pesos a 350. Son estas as organizacións que, dende a Casa Rosada, son sinaladas agora como satélites manipulados e manipuladores, na órbita dos partidos da oposición, que independentemente da súa adscrición ideolóxica (esquerdista, radical, xusticialista, dereitosa…), participan dunha mesma estratexia común para desgastar ao goberno. Non se debe esquecer que algúns dos que están na pugna electoral de outubro, compiten fratricidamente, contra o actual goberno. Responden ás diversas familias do xusticialismo apadriñadas por Menem, Duhalde, etc…
Por último, compre subliñar un dato esencial: O kirchnerismo tamén posúe o seu propio exército de piqueteiros, froito da propia estratexia de división do movemento, que é utilizado politicamente para tomar as rúas en apoio das medidas gobernamentais. Mentres as filas dos piqueteiros radicais están a desangrarse de militantes, os "brandos" observan con satisfacción como se engrosan as súas organizacións favorecidos polo trato privilexiado do Goberno cara os seus afiliados nos diversos planos sociais ou nos proxectos de construción de vivendas. Calculase que 60.000 persoas actúan fielmente baixo as consignas dos Punteros oficialistas, os tamén denominados "muchachos" kircheristas: Luís D´Elia, que comanda a Federación da Terra e da Vivenda; Jorge Ceballos, dirixente de Barrios de Pié; Emilio Pérsico, de MTD; Evita e Edgardo de Petri, o fundador da CTA, a quen Kirchner reservoulle un lugar nas listas con posibilidades reais de converterse no primeiro deputado nacional piqueteiro; da Fronte Transversal Nacional e Popular, teñen as portas abertas do Palacio Presidencial, e manteñen, alomenos, unha reunión semanal co secretario xeral da Presidencia, Óscar Parrilli.
O pasado 10 de marzo, só media hora despois de que o presidente Kirchner se pronunciase a favor do Boicot contra da compañía petroleira anglo-holandesa Shell, os piqueteiros oficialistas estaban facendo pintadas contra a multinacional, na súa sede central. Foron, tamén, os "punteros amigos" os encargados de organizar o bloqueo de 32 gasolineiras da Shell, diante da absoluta pasividade da Policía Federal.
Kirchner, semella agradecido de que os sectores duros pretendesen entrar violentamente na Rural, para boicotear un acto no que tiña prevista a asistencia o Ministro de Economía, Lavagna. Semella libre de ataduras e liberado da pantasmas paralizadoras dos piqueteiros Darío Santillan e Maximiliano Kosteki, mortos durante unha escura intervención policial no mandato de Duhalde. Este incidente permitiulle un cambio radical na estratexia de tratamento do fenómeno piqueteiro: sintonizar coa opinión publica e impedir con lexións de policías o corte das principais arterias de comunicación porteñas; presentar aos sectores radicalizados como violentos; endurecer as negociacións para negarse a calquera aumento no subsidio para os xefes e xefas de fogar, argumentando que un goberno democrático no pode tomar decisións presionado pola virulencia dos radicais; e deixar sen argumentos aos partidos que están detrás da estratexia de axitación previa ás eleccións de outubro.
Esta semana, goberno e piqueteiros radicais, medirán as súas forzas na rúas, pacífica ou violentamente, mais Kirchner xa non vai dar o brazo a torcer. Nin o precisa, nin se sinte obrigado, nin lle convén. Quen deberán comezar a reformular a súa forma de presenza e influencia social son os piqueteiros máis radicalizados.