Polvoreira na Asia Central

Apartados xeográficos Ásia ARQUIVO
Idiomas Galego

Tres escenarios definen as tensións existentes en Asia Central: o mortal ataque contra membros da Garda Revolucionaria iraniana; o afianzamento das ofensivas paquistanís contra as milicias talibán; e a aceptación do presidente afgán Hamid Karzai de celebrar unha segunda volta presidencial tralos polémicos comicios de agosto pasado. Todo isto confirma a este espazo centroasiático como un latente epicentro de inestabilidade. n

O caso iraniano aínda non foi clarexado. A morte dunha trintena de comandantes da Garda Revolucionaria, consolidado como o principal órgano de poder en Teherán, no marco dunha ofensiva na fronteira con Afganistán presuntamente perpetrada por unha milicia islamita e separatista, da a entender unha estratéxica acción contra este corpo militar, con conexións que poderían identificarse dentro e fóra do país persa.

A conxuntura é delicada debido a que se ben Teherán acusaba directamente a EEUU e Gran Bretaña de estar detrás deste ataque, as negociacións entre a ONU e Irán sobre o seu programa nuclear, recentemente celebradas en Xenebra, confirmaba a posibilidade de avances nas inspeccións da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA). Paralelamente, incrementábanse as denuncias das ONGs de dereitos humanos sobre a perpetuación da represión gobernamental cara os sectores disidentes.  

Aínda por clarexar a situación real en Teherán, os escenarios afgán e paquistaní ocupan a atención, revelando os dilemas de Washington e os seus aliados na consecución dun marco de estabilidade pro-occidental en Asia Central. A aceptación de Karzai de celebrar unha segunda volta electoral, atendendo a principal demanda do seu rival opositor Abdullah Abdullah, é un síntoma inequívoco de recoñecemento da falta de transparencia e do máis que probable fraude electoral cometido en diversas rexións afganas durante os comicios presidenciais de agosto pasado.

Pode que nesta conxuntura e a diferenza do seu antecesor George W. Bush, o presidente estadounidense Barack Obama xa non pense en Karzai como o seu principal aliado en Cabul.

Paralelamente, o fortalecemento da ofensiva militar paquistaní contra as milicias talibán e diversas comunidades tribais na rexión de Waziristán, fronteiriza con Afganistán, consolida a estratexia de Obama de reverter o curso dos acontecementos en Asia Central dentro dunha nova perspectiva baseada nos mesmos imperativos de seguridade emanados da administración Bush.

Con estes tres escenarios, Obama outea un complexo xadrez xeopolítico que, inevitablemente, obrigaralle a ampliar a súa visión multilateral, contando cunha maior implicación de Rusia, China e India na estabilidade de Asia Central. Así, porase a proba o seu talante diplomático, gabado recentemente con ese Premio Nobel da Paz.