Pragmatismo, realpolitik e ideoloxía nas relacións entre Brasil e Cuba

Apartados xeográficos Nacionalismos
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

A recente e primeira visita a Cuba realizada pola presidenta brasileira Dilma Rousseff (30-31 de xaneiro de 2012) confirmou o avance das relacións bilaterais entre La Habana e Brasilia que, no apartado comercial, alcanzou en 2011 un nivel récord de intercambios, calculados en US$ 642 millóns, cun aumento do 31% con respecto ao 2010, especificamente en materia de infraestruturas, cooperación agrícola e educación(), segundo datos do Ministerio de Industria e Comercio do Brasil.

Esta preponderancia do aspecto económico e comercial verifica a saudable evolución nas relacións bilaterais cubano-brasileiras. No quinquenio 2006-2011, este intercambio comercial rexistrou un crecemento superior ao 30%, pasando de US$ 376 millóns a US$ 550 millóns, segundo datos oficiais da Agência Brasileira de Promoção de Exportações e Investimentos (APEX)().

A APEX Brasil mantén desde 2002 unha oficina permanente na Habana e, desde 2008, un Centro de Negocios como ente regulador dos investimentos brasileiros na illa caribeña, especialmente no relativo á participación de empresas brasileiras en foros e feiras en Cuba, principalmente na Feira Internacional de La Habana (FIHAV). Fortalecendo o seu rol asesor, unhas 500 empresas brasileiras e internacionais utilizan os servizos do Centro de Negocios da APEX na capital cubana, para observar as posibilidades de investimentos neste mercado en alza.

Unha asimétrica balanza comercial

Tras Venezuela, Brasil ocupa o segundo lugar entre os principais socios comerciais de Cuba, cun elevado incremento das súas exportacións e unha balanza comercial favorable, con vendas excedentes valoradas en US$ 458 millóns(), principalmente de produtos agrícolas como aceite de soia, millo, polo, arroz, carne e café. Pola súa banda, Cuba exporta a Brasil ingredientes de medicamentos e cemento.

Estes datos imprimen unha maior importancia á visita de Rousseff ao mesmo tempo que Brasilia afina a súa estratexia de continuar abrindo canais de diálogo co goberno cubano, posición anteriormente consolidada durante a presidencia de Lula da Silva (2003-2011), nas que realizou catro visitas oficiais á illa. Non obstante, son os axentes empresariais e as entidades brasileiras de promoción de exportacións e investimentos, tales como a APEX e o Banco Nacional de Desenvolvemento Económico e Social (BNDES), os que ocupan o lugar primordial na confección de políticas de achegamento entre Brasilia e La Habana.

Nun informe elaborado en 2008 sobre oportunidades de negocios en Cuba, a APEX identificou varios sectores relevantes para investir, tales como o enerxético, minería, construción, industria pecuaria (carne de res e porco), moda, agroindustria, lácteos, maquinaria, moblería, calzado, industria química e xeradores eléctricos, entre outros(). Anualmente, o BNDES aplica unha liña de crédito de US$ 150 millóns para investimentos brasileiros en Cuba(), situación que confirma o interese brasileiro polo mercado cubano incluso á hora de formalizar empresas mixtas, como é o caso da empresa cubano-brasileira BRASCUBA, líder na venda de tabaco no mercado cubano de divisas.

Así e todo, certo nivel de diverxencia vense manifestando nos derradeiros anos, toda vez as autoridades cubanas manifestaron a súa contrariedade pola asimetría no fluxo comercial con Brasil, alertando dun eventual aumento do seu déficit comercial e das dificultades financeiras que isto xeraría no futuro(). Alén destas diverxencias na balanza comercial, a relación entre Brasilia e La Habana avanza decididamente co paso dos anos. En 2004, Cuba asinou un acordo de cooperación técnica coa Empresa Brasileira de Investigación Agropecuaria (EMBRAPA) para o cultivo de soia e unha asociación agroindustrial que inclúe potenciar unha maior produción de azucre, a adaptación no cultivo de etanol e a transferencia tecnolóxica de Brasil con miras a outros mercados no Caribe, América Central e EUA(). Igual perspectiva amósase no sector petroleiro: durante a visita a Cuba do ex mandatario brasileiro Lula da Silva, en outubro de 2008, a empresa brasileira PETROBRAS asinou un acordo de asociación coas súa similar cubana CUPET para a prospección e explotación de petróleo no bloque 37 no Golfo de México, ao norte de Cuba, proxecto concibido cunha duración de 32 anos.

Paralelamente, nunha conxuntura determinada polo ascenso de Brasil como actor emerxente nun sistema global en transición, defendendo posicións multipolares e multilaterais non hexemónicas, así como do particular (e non menos incerto) proceso de transición en Cuba iniciado a partir de 2006, trala paulatina retirada de Fidel Castro das máximas instancias de poder a favor do seu irmá Raúl Castro, as relacións cubano-brasileiras cobran unha especial importancia non só dentro do contexto da cooperación Sur-Sur senón da inserción cubana nos organismos de integración hemisféricos. Brasilia mantén unha posición firme a favor da reinserción hemisférica da Habana na Organización de Estados Americanos (OEA), da que a illa caribeña foi expulsada en 1962. Igualmente, o inicial boicot ao ingreso de Cuba no Grupo de Río, organismo creado en 1986, foi finalmente superado coa decisión do goberno de Lula de admitir a Cuba neste organismo a partir de decembro de 2008.

O pragmatismo de Rousseff

Como proxecto clave que explica o interese comercial bilateral na visita de Rousseff está a modernización do porto cubano de Mariel, a 45 quilómetros ao oeste da Habana, que levará a cabo a empresa brasileira Odebrecht co financiamento do Banco Brasileiro de Desenvolvemento por valor de US$ 800 millóns.

O proxecto de Mariel, previsto a rematar en 2013, é considerado como o mais importante en materia de investimentos de infraestrutura na illa caribeña, estratexicamente concibido para ampliar a capacidade de comercio bilateral cubano co exterior e, igualmente, de cara aos proxectos de exploración e explotación de xacementos petrolíferos cubanos en torno a súa Zona Económica Exclusiva no Golfo de México, proxectos onde a empresa enerxética brasileira PETROBRAS posúe unha importante presenza. Estes proxectos comezaron a fraguarse a partir de 1988 pero coa chegada de Lula á presidencia en Brasilia en 2003, PETROBRAS incrementou a súa actividade de exploración e prospección nas augas cubanas no Golfo de México, con acordos de cooperación coa empresa estatal Compañía Cubana de Petróleo().

Dende unha perspectiva estratéxica, o proxecto de modernización do porto de Mariel suporá igualmente unha posta en escena por parte de Brasil como socio comercial primordial no eventual caso de suspensión do embargo económico a Cuba por parte de Washington e dunha hipotética apertura diplomática e comercial cubano-estadounidense. A proximidade de Mariel ás costas de Florida (140 quilómetros) permitiría ás empresas brasileiras ocupar un importante peso comercial no caso de certificarse un eventual fin do embargo e unha maior apertura económica en Cuba.

Paralelamente, Brasilia asesora a Cuba en proxectos de produción en soia e millo, impulsados no marco dos prolíficos acordos bilaterais de cooperación subscritos anteriormente, durante a visita a Cuba do ex presidente brasileiro Lula da Silva en decembro de 2008(). Por tanto, Brasil constitúe un socio comercial vital para o desenvolvemento cubano, nun aspecto similar aos acordos de cooperación estratéxicos establecidos pola Habana co goberno da República Bolivariana de Venezuela a partir de outubro de 2000, e que foron prorrogados por dez anos ata o 2020, durante unha visita do mandatario venezolano Hugo Chávez ao seu homólogo Raúl Castro en decembro de 2010.

Brasil, por tanto, eríxese como un actor exterior de importancia ante o particular momento que vive Cuba, especialmente no marco das súas reformas económicas de carácter aperturista, ampliando ao mesmo tempo a perspectiva da Habana de concretar lazos de cooperación con países emerxentes como Brasil, China e Rusia, que lle permitan diminuír os efectos do embargo estadounidense na illa caribeña. Se ben esta posición de reinserción cubana nos organismos hemisféricos xa foi impulsada con anterioridade polo presidente venezolano Chávez desde 2000 e, particularmente, coa creación da Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA) entre Cuba e Venezuela a partir de 2004, o papel de Brasil é amplamente relevante neste sentido, tal e como se demostrou trala inserción de Cuba na Comunidade de Estados de América Latina e o Caribe (CELAC), creada en Caracas en decembro de 2011.

Deste modo, para Cuba resulta esencial deseñar un marco de aceptación exterior que lle permita reinserirse nos novos procesos de integración hemisféricos, tales como a ALBA e a CELAC, escenarios onde as alianzas estratéxicas con Venezuela e Brasil ocupan o lugar primordial. Este factor minguaría os efectos do embargo estadounidense e os novos mecanismos de integración eventualmente substituirían a outros organismos máis obsoletos, residuos incluso da “guerra fría”, como a propia OEA.

Este énfase no acento económico da visita de Rousseff amortece calquera expectativa de carácter político, especialmente en materia de defensa dos dereitos humanos. O propio ministro de Exteriores brasileiro, Antonio Patriota, deixou claro que os dereitos humanos “non constituían unha prioridade” da visita de Rousseff(). Días antes desta visita, o goberno brasileiro concedeu un visado de turista á disidente cubana Yoani Sánchez, coñecida mundialmente pola súa crítica actividade como blogueira contra o goberno cubano. Sánchez foi convidada ao estreo en Brasil do seu documental “Conexión Cuba-Honduras”, onde trata a represión ás liberdades públicas no seu país.

Paralelamente, esta visita de Rousseff ven precedida pola morte por prolongada folga de fame, do disidente cubano Wilman Villar, da ilegalizada Unión Patriótica de Cuba, suceso ocorrido o pasado 20 de xaneiro. Un feito similar ao acaecido durante a visita de Lula a Cuba en febreiro de 2010, precedida entón pola morte do disidente Orlando Zapata por folga de fame.

Consciente da importancia do factor político que podería emanar da súa visita, Rousseff apostou por unha visión pragmática e táctica. Antes de visitar Cuba, e por segundo ano consecutivo, a mandataria brasileira non acudiu ao Foro Económico Global de Davos (Suíza), preferindo nesta ocasión asistir ao Foro de Porto Alegre, tradicional escenario de reunión das tendencias alternativas de esquerda. Neste marco ideolóxico e político, previo á súa primeira visita oficial a Cuba, Rousseff realizou unha notable defensa do desenvolvemento sustentable de cara a manter unha posición crítica con respecto á Conferencia de Río+20, a celebrarse na cidade brasileira a finais de xuño próximo.

En clave política interna, esta presenza de Rousseff no Foro de Porto Alegre tenta non contrariar a posición ideolóxica simpatizante coa Revolución cubana por parte do seu partido, o actualmente gobernante Partido dos Traballadores (PT), así como para non amosar fisuras políticas internas de cara aos comicios municipais brasileiros previstos para o próximo 1º de outubro. Non obstante, Rousseff recibiu fortes presións dende diversos sectores políticos e de opinión pública dentro e fóra de Brasil, a fin de manter unha posición máis dura co goberno cubano en materia de dereitos humanos().

Pero o pragmatismo define a visita de Rousseff a Cuba. Brasilia opta por unha táctica toma de contacto sobre o acontecer cubano, coincidindo coa Conferencia Nacional do Partido Comunista de Cuba (que comezou o pasado 28 xaneiro e prolongará as súas discusións ata o próximo 19 de febreiro), con perspectivas de dar curso a longo prazo á renovación dos cadros dirixentes do seu Comité Central e apuntar calculados pasos de apertura económica, política e informativa.

Neste contexto, Brasilia tenta evitar friccións coas autoridades cubanas a través dalgunha eventual reunión de Rousseff con grupos disidentes, evitando así reproducir os roces rexistrados entre Brasilia e La Habana durante a celebración dos Xogos Panamericanos de 2007 en Río de Janeiro, cando o entón goberno de Lula concedeu asilo político a artistas e desertores cubanos, implicando a delegación deportiva dese país().

Tras visitar Cuba, Rousseff estivo en Haití, onde Brasil lidera a forza militar de pacificación da ONU (MINUSTAH), conferíndolle unha posición de alto valor estratéxico na Conca do Caribe.

Brasil e Cuba: historias paralelas

Cuba e Brasil iniciaron relacións diplomáticas en 1943, en plena II Guerra Mundial. Eran os tempos da presidencia de Getúlio Vargas en Brasilia, caracterizado polo seu réxime corporativista e nacionalista emanado da concepción do Estado Novo fraguado tralo golpe de Estado de 1937; así como do primeiro período da presidencia do xeneral Fulgencio Batista na Habana (1940-1945). Como dato curioso, que cobra certa transcendencia ante a evolución política e ideolóxica de ambos países nas décadas posteriores, foi precisamente en 1943 cando Batista legalizou as actividades do Partido Comunista de Cuba.

A pesar da aparentemente tardía apertura de relacións diplomáticas entre ambos países, que ben puido concibirse grazas aos imperativos xeopolíticos das potencias aliadas (e particularmente de EUA) durante a II Guerra Mundial, en especial coa visión de fomentar focos anticomunistas no hemisferio occidental, existen relevantes similitudes de carácter histórico, cultural, económico e ata racial entre ambas sociedades. Cunha forte presenza de comunidades de orixe africana emanadas do comercio escravista desde o século XVII, así como da mestizaxe coas poboacións aborixes, Brasil e Cuba coincidiron en ser os dous últimos países do hemisferio en abolir a escravitude (1888), ao mesmo tempo que inseríronse como actores periféricos do sistema capitalista no século XIX a través da produción de materias primas como o azucre, o café e o cacao.

O triunfo da Revolución en Cuba en xaneiro de 1959 posibilitou diversos apoios políticos e sociais en Brasil, que se manifestaron igualmente de forma oficial coa visita a Cuba en 1960 do entón presidente brasileiro Jãnio Quadros (1960-1961), impulsor da denominada “política exterior independente”, unha posición autónoma con respecto aos imperativos de Washington en tempos da “guerra fría”.

Posteriormente, Ernesto “Che” Guevara visitou Brasil en 1961, nun momento en que Brasilia amosou publicamente ante a ONU o seu rexeitamento polo embargo estadounidense a Cuba e, consecuentemente, da súa expulsión da OEA en 1962, xa con João Goulart na presidencia brasileira (1961-1964)(). Esta posición a favor da reinserción de Cuba na OEA, así como a abstención de Brasilia de condenar a Cuba en materia de dereitos humanos nas votacións na Asemblea Xeral da ONU, foi defendida polos sucesivos gobernos democráticos brasileiros(), posición abruptamente paralizada tralo golpe militar contra Goulart en maio de 1964, que deu paso á suspensión das relacións diplomáticas con Cuba a partir do 13 de maio dese ano, mantendo a xunta militar brasileira unha posición de aliñamento cos intereses xeopolíticos de Washington. Deste modo, Brasil e Cuba suspenderon as súas relacións diplomáticas oficiais durante 22 anos, que coincidiron co período de mandato da ditadura militar brasileira (1964-1985) ata a súa definitiva transición democrática en 1986.

Así e todo, as simpatías en Brasil coa Revolución cubana deron paso, a partir de 1961, a diversos convenios educativos e de cooperación técnica. Cuba contribuíu a graduar a máis de 600 mozos brasileiros, mentres que case 700 continúan aínda os seus estudos na illa caribeña(). A suspensión de relacións diplomáticas tralo golpe militar brasileiro de 1964 deu paso á intensificación dende Brasilia (a instancias de Washington) de afianzar sancións hemisféricas contra Cuba e dun distanciamento ideolóxico e político coa illa caribeña, o cal deu paso a que La Habana ofrecera adestramento militar a militantes da guerrilla de esquerda brasileira (á que pertenceu nesa época a actual presidenta Rousseff) e tamén exilio a líderes políticos e sindicais brasileiros que fuxiron do réxime militar().

Dentro do escenario político brasileiro, a conexión cubana viña determinada polas fluídas relacións co Partido Comunista de Brasil (PCB), o Partido dos Traballadores (PT, de Lula e Rousseff), e o Movemento Revolucionario 8 de Outubro (MR-8), potenciando a solidariedade e simpatía ideolóxica brasileira coa Revolución cubana.

Por tanto, durante o período de suspensión de relacións diplomáticas (1964-1986), os contactos informais oficiais entre Brasil e Cuba só se limitaron ás súas respectivas participacións en foros internacionais, tales como as reunións anuais do Grupo de Países Latinoamericanos e Brasileiros Exportadores de Azucre (GEPLACEA), dentro das asembleas xerais da ONU ou en determinados aspectos relativos a certo nivel de pragmatismo diplomático por parte dos militares brasileiros en áreas de influencia lusófona, como Angola a finais da década de 1970, e na que tamén participou Cuba a través do seu activismo revolucionario e militar no entón chamado Terceiro Mundo().

O peso do sector empresarial brasileiro a partires da década de 1980 e o seu crecente interese por investir nun mercado cubano en progresión, especialmente no sector turístico, ofreceu un xiro acelerado por reconducir e propiciar a reapertura de relacións diplomáticas coa Habana. A pesar dos receos da institución militar brasileira, a transición cara a democracia nese país a partir de 1985, consolidada coa vitoria electoral de José Sarney nos comicios presidenciais, propiciou a reapertura de relacións diplomáticas con Cuba, compromiso asinado o 25 de xuño de 1986().

Por tanto, a presión e influencia do sector empresarial brasileiro resultou vital e decisiva para reconducir estas relacións, incluso convencendo as elites políticas, diplomáticas e militares brasileiras da necesidade desta reapertura dos contactos, e que os mesmos non estiveran supeditados a unha eventual reconciliación diplomática entre Cuba e EUA().

Unha nova etapa nas relacións bilaterais

Normalizadas as relacións en 1986, dende entón o pragmatismo impuxo aínda mais a súa lóxica nas relacións bilaterais entre Brasil e Cuba, incluso coa chegada á presidencia dun líder de esquerdas como Lula da Silva. Precisamente en 1986 creouse o Grupo de Río, organismo de conciliación de conflitos cunha importante influencia na pacificación dos conflitos armados en América Central. O ingreso de Cuba foi reiteradamente boicoteado, moi probablemente por instigación de Washington e ante o receo das elites brasileiras por facilitar esta admisión.

Estendendo unha axenda de cariz multilateral, a actualidade da relación bilateral entre Brasil e Cuba certifica un fluído intercambio comercial, de cooperación académica e científica e dunha estabilización das relacións políticas no nivel das organizacións internacionais(). Especial relevancia posúen os convenios de intercambio e cooperación académicos, técnicos e sanitarios, no que participan activamente, de parte brasileira, entidades como a Coordinación de Perfeccionamento de Persoal da Ensinanza Superior (CAPES), organismo dependente do Ministerio de Educación de Brasil, ou a Empresa Brasileira Agropecuaria (EMBRAPA). De parte cubana, é salientable o papel desempeñado pola Escola Latinoamericana de Medicina de La Habana, entidade onde se graduaron 900 médicos brasileiros que veñen homologando os seus títulos académicos no seu país().

Impulsando o pragmatismo diplomático nas súas relacións con Cuba, os gobernos de Lula e Rousseff establecen unha sólida presenza de Brasilia no proceso de apertura económica e diplomática que a illa caribeña está trazando na última década. De forma tanxencial, neste apartado é factible observar un nivel de fricción política e diplomática entre Brasil e Cuba coa preponderante posición estratéxica que ten Venezuela dentro do escenario cubano, como principal aliado hemisférico de Cuba, principalmente nos apartados ideolóxico, político, económico e enerxético. Caracas impulsa este rol a través do acordo estratéxico con Cuba subscrito en 2000, e que foi posteriormente ampliado coa creación conxunta da Alianza Bolivariana para as Américas (ALBA) en 2004.

Cunha diplomacia de claro matiz político e ideolóxico de parte venezolana, onde o factor petroleiro cobra importancia estratéxica, nos derradeiros anos tense rexistrado roces e friccións entre as compañías petroleiras brasileiras, en especial PETROBRAS, coa estatal Petróleos de Venezuela (PDVSA), na consecución de licencias de explotación por parte da Compañía Cubana de Petróleo. Se ben existe un marcado nivel de cordialidade nas relacións bilaterais entre Brasil e Venezuela, o choque dos seus respectivos intereses dentro do escenario cubano persuade a Brasilia a considerar que a “diplomacia petroleira” de Chávez constitúe un obstáculo á diplomacia pragmática brasileira().

Mentres observa prudentemente e dende a distancia a evolución do proceso de transición post-Fidel que vive actualmente Cuba, o pragmatismo diplomático e os intereses comerciais seguirán constituíndo a clave na óptica das relacións brasileiras con Cuba. Pero o peso dunhas empresas brasileiras cada vez más globalizadas no deseño das estratexias diplomáticas de Brasilia con respecto ao escenario cubano revela, igualmente, unha posible deficiencia de carácter científico e analítico sobre o que sucede na illa caribeña. Segundo explica Schmidt, “Brasil é, practicamente, un deserto de traballos científicos sobre Cuba e a rexión”(), un factor que obrigaría ás multinacionais e elites diplomáticas brasileiras á busca de novas fontes de información, basicamente orientadas de cara aos seus intereses.

Así e todo, a visita de Rousseff a Cuba certifica a fluidez dunha relación bilateral con preponderante acento económico. A evolución da mesma dependerá, en gran medida, do curso da transición política cubana, da cada vez maior inserción da Habana nos organismos hemisféricos de integración e, igualmente, dunha eventual e histórica apertura diplomática entre Cuba e EUA. Polo pronto, Brasil aposta decididamente por erixirse como actor clave dentro do escenario cubano.