Primarias en Portugal

Nun xantar cunha ducia de fundadores do Partido Socialista, un deles, Jaime Gama, apelou a un voto maioritario para José Sócrates, nas primarias socialistas que o enfrontaron durante a pasada semana a Joao Soares e a Manuel Alegre. É a primeira vez que a elección do candidato revestía este formato e a el se acudiu para tentar resolver a longa crise iniciada pola dimisión de Antonio Guterres, como consecuencia da derrota sufrida nas eleccións municipais de hai un par de anos e sucesivos escándalos e decepcións, de Ferro Rodrigues ao propio presidente Sampaio.

O apelo á maioría absoluta de Jaime Gama semella que funcionou. José Sócrates varreu na primeira volta e cunha participación histórica da militancia. Uns días antes, nunha entrevista concedida ao diario Público reclamaba que os adversarios calasen despois do congreso que vai desenvolverse este fin de semana en Guimaraes. Como anticipo dese silencio, un destacado deputado socialista, Vicente Jorge Silva, antigo director do citado diario, presentaba a súa demisión ao presidente do PS, Almeida Santos, desencantado co rumbo que pode adquirir o Partido a partir deste momento. Moitos votantes de Sócrates recoñecían votar co corazón partido: situado na ala centro dereita do partido, non era o candidato mais preferido, pero si o único en condicións de retirar a dereita do goberno. Antonio Campos, ex-eurodeputado soarista e un dos comensais a aquel xantar, resumía así a situación: "se o PS fose un clube de amigos, votaría por Joao Soares. Se fose un sector de pensamento, por Alegre, pero voto por Sócrates por ser un home determinado a gañar…".

Mentres Sócrates insiste en ubicarse na liña do progresismo democrático, destacando as converxencias cos demais candidatos e reivindicando a fidelidade á historia do PS, Alegre e Soares acúsano de practicar un discurso neutro que só favorece a outra esquerda. Sócrates, a diferencia dos outros candidatos, manifestase pesimista a respecto dun entendemento co PCP, tanto polo seu inmobilismo ideolóxico como pola necesidade de manter a autonomía estratéxica do propio PS.

Perde a orientación de esquerda no PS, mentres no PCP, en pleno debate preparatorio do Congreso que debe realizar en novembro próximo, afloran as "vellas" propostas. O renovador Lopes Guerreiro adianta numerosas propostas na edición da pasada semana do xornal "Avante", para democratizar a vida interna do Partido: posibilidade de que a base convoque un Congreso, listas alternativas, eliminación do centralismo democrático, etc., propostas todas elas que rivalizan co texto oficial que só contemplan alteracións mínimas. No parecer do Lopes Guerreiro, antigo presidente e actual vereador na Cámara Municipal do Alvito, cada día que pasa sen alteracións a este nivel é un día perdido para abrir o Partido á sociedade e principalmente aos mais mozos.

Os debates preelectorais nun e noutro partido, cun considerable nivel de participación, dan conta do rexurdir da discusión política, despois de anos en que todo se centrara no reparto de cargos e prebendas. O entusiasmo espertado por Manuel Alegre, cun proxecto recuperador do discurso da esquerda e asegurando que nada volverá a ser como antes, expresan ben o estado de ánimo en que desembocaron estas primarias socialistas portuguesas. Ás peticións de silencio despois do Congreso, Alegre opón a construcción da unidade dende a pluralidade.

En fin, un rico debate o que se está a dar nos partidos en Portugal. Igual que aquí (?).