Semella claro que a crise de poder provocada polo Presidente Boris Ieltsin ó destituir o goberno ruso en pleno non acocha un transfondo social, castrense ou estrictamente partidario. Asistimos mais ben a unha especie de nova reestructuración das elites gobernantes sen que iso implique en modo algún a introducción de cambios substanciais na política de reformas. Resulta polo mesmo difícil desgranar os diversos factores que habitan no subterráneo deste novo episodio da crónica inestabilidade da Rusia postsoviética.
A nova Rusia sigue envolta na súa interminable transición, sen ser capaz de vertebrarse nin como país nin como sociedade, sempre a expensas das elucubracións e intrigas que se cociñan nos aledaños dun poder cada día máis divorciado da problemática social. Os comportamentos políticos da era soviética non foron aínda substituidos por outros máis democráticos. Mesmo podería dicirse que, en mais dun sentido, regresamos ós tempos do zarismo pre-bolchevique.
Rusia é un país enleado. A economía industrial, as finanzas, os medios de comunicación, os partidos e os grupos de presión, correspondense en apariencia coas estructuras que podemos observar en calquer sociedade occidental. Sen embargo, todo forma parte dunha complexa rede con inocultables implicacións mafiosas que alenta permanentes e opacas reestructuracións das movedizas alianzas que conforman o aparello gobernamental.
Ieltsin deu o sinal de saída para as próximas eleccións presidenciais. Pese ós anuncios do contrario e da previsión constitucional que limita a dous os mandatos, o actual Presidente podería estar pensando en candidatarse á reelección, se a súa saúde llelo permite. A inicial aposta pola carreira do seu ex-primeiro ministro, Victor Chernomirdin, non parece creible. Difícilmente pode ser o candidato do poder cando é expulsado do Kremlin de xeito tan fulminante, ó tempo que confirma nos seus cargos ós principais membros do gabinete saínte. Tampouco se observa máis luz entre os hipotéticos sucesores (Kiriyenko, Nemtsov, Luzkov, etc). De non alterarse o calendario, quedan dous anos por diante. Toda unha eternidade na política rusa.
O futuro inmediato vai continuar inevitablemente salpicado de sobresaltos. Mais alá dos enigmas que poidan circundar o raciocinio dun Presidente megalómano, enfermo e paternalista, a razón última das crises da nova Rusia poderiamos situala na falta de confianza na sociedade e na debilidade das institucións, no predominio dunha concepción instrumental de ambas as dúas e mesmo no desprecio profundo que ambas provocan en numerosos e importantes ámbitos do actual poder.