20070214dar es salaam njongonkulu ndungane

Promesas incumpridas

 Paul Wolfowitz, clic para aumentar
African Monitor é unha organización surafricana creada en 2006 polo arcebispo do Cabo, Njongonkulu Ndungane (na foto), e que ten por obxectivo facer un seguimento destas promesas e analizar os progresos nos principais sectores económicos e sociais africanos.
 

As múltiples proclamas da comunidade internacional a propósito de activar a loita contra a pobreza coa mirada posta no cumprimento, en 2015, dos Obxectivos do Milenio, poden resumirse en promesas imposibles de corroborar polos feitos. Así o constata o informe anual de African Monitor (AM) que foi presentado a finais do pasado mes de maio. African Monitor é unha organización surafricana creada en 2006 polo arcebispo do Cabo, Njongonkulu Ndungane, e que ten por obxectivo facer un seguimento destas promesas e analizar os progresos nos principais sectores económicos e sociais africanos. O informe pódese consultar en www.africanmonitor.org. Nel destácase que entre as principais promesas incumpridas figura o aumento da axuda pública ao desenvolvemento. AM denuncia unha contracción do 5,1% do volume mundial en 2006, quedando situada en 103,9 mil millóns de dólares fronte aos 106,8 mil millóns do ano anterior. A mesma tendencia foi subliñada polo Banco Mundial no seu Global Development Finance 2007.

Este recuamento, que contrasta con factores como o crecemento económico mundial ou dos propios gastos militares, entre outros rubros, acentúa a redución dos fluxos económicos cara África "35 mil millóns de dólares en 2005", á contra dos compromisos contraídos hai dous anos polo G8, no cumio de Gleneagles, onde se acordou dobralos antes de 2010. Esta redución resulta máis contraditoria tendo en conta que nos últimos anos téñense multiplicado as iniciativas para poñer o continente negro entre as prioridades da axenda internacional, pois é nel onde a pobreza azouta con máis intensidade.

O pasado 15 de maio, en Berlín, no marco da presentación do informe anual da organización "Debt, Aids, Trade África" (DATA) que fai un seguimento dos acordos adoptados no cumio de Gleneagle, os cantantes irlandeses Bono e Bob Geldof demandaron aos países membros do citado grupo o respecto e cumprimento das promesas feitas entón. En Escocia, os países máis industrializados do planeta, e Rusia, comprometéronse a anular a débeda pública multilateral de trinta e cinco países dos máis pobres do mundo e aumentar en 25 mil millóns de dólares a axuda aos máis desfavorecidos antes de 2010. Pero segundo DATA, soamente o Reino Unido e o Xapón cumpriron coa súa palabra a día de hoxe.

Para African Monitor, a tendencia in crescendo que levou mesmo a falar de euforia en 2005 está cedendo. As contribucións dos países desenvolvidos van a menos. Coa excepción de Noruega, as contribucións dos países ricos están por debaixo do 0,7% do PIB. E, por outra banda, cada vez están máis concentradas en determinados países en función de criterios habitualmente afastados da vulnerabilidade das poboacións. En efecto, dez países africanos absorberon o 51% da axuda global durante o período 2003-2005. Os principais beneficiarios son a República Democrática do Congo (10%), seguida de Nixeria (8%), Etiopía (6%) e Tanzania (5%). O peso estratéxico e económico é o principal criterio que determina a elección destes países.

Respecto aos fluxos privados, AM constata no seu informe que presenta unha evolución favorable, pasando de 481 millóns de dólares en 2005 a 650 o ano pasado, cun incremento do 17%, pero concéntrase de forma significativa naqueles países exportadores de materias primas como Nixeria.