Existen poucas dúbidas sobre o trunfo de Vladimir Putin nas eleccións presidenciais que Rusia celebrará o próximo domingo. Mesmo numerosos sondeos vaticinan unha victoria absoluta que lle evitaría a necesidade de acudir a unha segunda volta. As incertidumes afectan, sen embargo, a un ideario e programa políticos tan escuros aínda como as circunstancias que o empoleiraron no poder, primeiro, e nas preferencias da sociedade rusa, despois.
Vreme (Unidade), a formación "política" que lle serve de cobertura, gañou as practicamente os comicios lexislativos do pasado decembro, sen tan siquera presentar un programa electoral ou de goberno. De todas as forzas en litixio, era a única carente de propostas minimamente merecedoras de tal cualificación. As mensaxes, gañar en Chechenia, recuperar a grandeza de Rusia, converteronse nas referencias, simplistas pero eficaces, da súa victoria. A seguir, o pacto acadado co Partido de Guennadi Ziúganov para situar a un comunista, Guennadi Selezniov, á fronte da Duma, evidenciaba a inmensa capacidade de atracción que exerce o poder en Rusia. A fin de contas, ben podería concluírse que non estamos ante un sistema pluralista baseado no libre xogo de goberno-oposición, senón de participación simultánea e a diferente escala nun poder decadente pero omnímodo, que admite a sucesión pero non a alternancia. Colaborando con Putin na eliminación dos únicos rivais posibles (Primakov ou Luxkov), o partido de Ziúganov entregaballe a cambio a Presidencia do país.
O enigmático Putin é a personificación da Rusia de hoxe. De aspecto fráxil e enfermizo, pero aínda en forma para dar leccións de artes marciais ou efectuar exhibicións a bordo dun avión de combate sobre o ceo checheno, a falta de programa, nos meses transcurridos de exercicio como Presidente en funcións, improvisou con nitidez a súa primeira prioridade: a restauración do poder estatal a través da súa prolongación máis agresiva e determinante, o Exército. A guerra de Chechenia, desenvolvida excluíndo toda negociación cos líderes chechenos e financiada en boa medida cos dez mil millóns de dólares condonados polos bancos privados occidentais do Clube de Londres, constitúe, sen dúbida, unha referencia de primeira magnitude, pero non é a única. A reimplantación dos cursos de educación militar nas escolas; a restauración das células de espionaxe no seo do propio exército; a creación de gabinetes específicos para controlar a prensa, etcétera, indican con nitidez a paulatina emerxencia dun poder con claros reberetes autoritarios.