Putin na Habana

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

O pasado domingo Vladimir Putin, abandonaba La Habana logo de catro días na illa, tentando quencer as tépedas relacións que arrefriaron, xusto cando rematou a guerra fría. Daqueles tempos de cordiais, quentes e fluídos vínculos coa antiga URRS, aínda perdura unha débeda de 11.000 millóns de dólares, que o primeiro mandatario ruso, que visita a illa dende a caída do muro, non esquece; pero que sitúa en segundo plano, por detrás da reconquista do terreo industrial perdido ou do mantemento dos Centros de observación direccionados cara aos EE UU.

Dende os EE UU son cada vez máis as voces que lamentan a política exterior illacionista, a respecto de Cuba. As portas entreabertas dos investimentos en Cuba foron aproveitadas polos europeos para chantar as súas empresas nos sectores con mellor proxección. Das 370 sociedades mixtas instaladas en Cuba, só unha é rusa. Putin trata de incorporar a Rusia en importantes proxectos industriais que o fin da época soviética frustrou e que deixou, a Cuba, coa economía semiparalizada. Tal como acontece coa central nuclear de Jaragua, situada na provincia de Cienfuegos, na que o goberno cubano tiña depositadas enormes esperanzas para abastecer de enerxía a un país ao que xa non flúe, xenerosamente, o cru soviético. Dende 1992, a construcción desta central nuclear está interrompida por mor da falta de 600 millóns de dólares para rematala. Outros importantes proxectos inacabados, como a refinería de Cienfuegos ou a fábrica, do abundante níquel isleño, en Las Cariocas, agardan tempos mellores, anque informacións tiradas da prensa rusa, aseguran que a Compañía Norlisk Nikel, xa ten reservados 300 millóns de dólares para rematar coa obra paralizada en 1991.

Pero se hai un proxecto no que Rusia estea altamente interesada, ese non é outro que a conservación do centro de espionaxe de Lourdes, nos arrabaldes de La Habana. Ter un xeoestratéxico centro de control, ollando cara aos EEUU, nun país que dista menos de 150 das costas norteamericanas é un privilexio que están dispostos a costearse, a pesar das enormes presións que EEUU exerce para forzar o desmantelamento da instalación secreta, crucial para a interceptación das comunicacións norteamericanas.

As novas relacións Rusia-Cuba xa non se cimentan sobre a “Solidariedade socialista”, senón que está presidida polo egoísta interese mutuo: xa sexa… petróleo por mantemento do centro de espionaxe, xa sexa… por mutuo interese comercial. O socio privilexiado ten caído ata o cuarto posto do comercio internacional coa illa, por detrás de Canadá, España e Venezuela. Só dende 1989 a 1992 o comercio coa área do antigo CAME (Consello de Asistencia Mutua Económica) caeu ata o 7% do que significaba tres anos antes.

Cuba está a vencer dous dos lastres que lle deixou o derrube da URRS: a súa economía subvencionada dependente da órbita soviética, e, o inxustificable bloqueo internacional propiciado pola potencia do norte. É o momento esquecerse dos prezos subvencionados do petróleo que recibiu, de cobrar o cuádruple da cotización de mercado polo azucre producido…É a hora de diversificar a economía, de aumentar a productividade, de inserirse nas esferas internacionais aproveitando o buraco que se abre contra da globalización e que propugna a multipolaridade. Chávez e Putin poden ser chanzos sobre os que avanzar nesta dirección.

Catro intensos días, sen resultados aparentes, agachan importantes aproximacións. Os acordos asinados nos campos da saúde, o dereito ou no troco de azucre por petróleo, só son a tapadeira de movemento de maior calado.

O frío e inexpresivo Pútin, toma rumbo a Canadá, deixando pistas para as novas relacións bilaterais que deberemos seguir, con atención, nos próximos meses.