Que foi da Eurorrexión?

Naceu para unir ambas as dúas beiras do Miño aló polo 1991 co nome de Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. No ano 2008 constituíuse como Galicia-Norte de Portugal, Agrupación Europea de Cooperación Territorial (GNP-AECT), con personalidade xurídica propia e unha importante dotación económica para pór en marcha proxectos en ambas beiras do Miño. Cinco anos despois a pregunta é, Onde nos atopamos a día de hoxe?

Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Idiomas Galego

Naceu para unir ambas as dúas beiras do Miño aló polo 1991 co nome de Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. No ano 2008 constituíuse como Galicia-Norte de Portugal, Agrupación Europea de Cooperación Territorial (GNP-AECT), con personalidade xurídica propia e unha importante dotación económica para pór en marcha proxectos en ambas beiras do Miño. Cinco anos despois a pregunta é, Onde nos atopamos a día de hoxe?

En primeiro lugar, hei de destacar que Galicia no ano 2008 foi pioneira a nivel estatal ao desenvolver xunto co Norte de Portugal a primeira Eurorrexión peninsular e a terceira a nivel europeo. Con todo, hoxe en día semella que este proxecto foi esquecido. Os motivos parecen apuntar á crise económica actual que nos afecta e tamén á falta de liderado político.

A Eurorrexión naceu a comezos dos noventa, após da firma do Tratado de Maastricht, co obxectivo de eliminar as barreiras existentes entre dous territorios que levaban séculos dándose as costas por mor dunha fronteira política, cando existen máis valores que nos unen dos que nos diferencian.  Así e ntodo, a realidade actual ten sido ben diferente. A falta de suceso da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal non se lle pode atribuír simplemente a erros políticos. A sociedade civil tampouco ten demandado unha maior implicación para mellorar as relacións de beira a beira do Miño e en moitos casos descoñece a propia existencia da mesma ou tipo de servizo que presta ou que podería chegar a prestar.

A crise ten afectado en gran medida o desenvolvemento da rede transfronteiriza. Con todo, é importante por en destaque a falta de previsión política nos inicios da mesma. A GNP-AECT foi incapaz desde os inicios da crise de liderar políticas activas en favor dos cidadáns da Eurorrexión. Proxectos que puidesen mitigar o sufrimento social e económico de milleiros de familias galego-portuguesas. Neste sentido, a Eurorrexión ten mostrado as súas verdadeiras carencias. A falta de liderado político en temas tan importantes coma a promoción do emprego, a difusión e promoción das industrias culturais, o fomento do turismo rexional, a mellora das infraestruturas ou a cooperación para unha mellora do sistema de transportes, por mencionar algunhas, teñen cuestionado a existencia e utilidade do proxecto eurorrexional. Sen lugar a dúbidas, son motivos económicos que representan a razón principal do estancamento do proxecto eurorrexional. Porén, a falta de orzamento é o motivo máis razoábel, pero non é o único.

Aliás, no eido cultural non se fixeron avances significativos. Desde unha óptica galega, o pasado cultural e lingüístico común non se ten aproveitado para acercarmos á lusofonía, un espazo social e económico de máis de 200 millóns de persoas cos que se podería facer negocios, algo tan importante en tempos de crise e recesión. Seica aínda existen chanzos á esperanza máis as oportunidades pasan e a unidade de acción non chega.

O pasado 8 de Outubro facíase público o proxecto dun ‘’Erasmus galego-portugués’’ anunciado polo Presidente da Xunta de Galicia e mais o Presidente do Comissão de Coordenação e Desenvolvemento Regional do Norte (CCDRN), Emídio Gomes (Galicia Confidencial, 2013). Semella a primeira vista un proxecto ilusiónante e de interese, mais haberá que ver se sae adiante e en que termos xa que a Galicia do Século XX e XXI non se lle ensinou o portugués, o que supón unha contradición e unha barreira inexplicábel dende un punto de vista histórico e cultural. As oportunidades de comunicarse, comerciar ou mesmo buscar traballo nos países de fala portuguesa son moi elevadas e mais en tempos de crise, xa que estamos a falar da sexta lingua máis falada do mundo.

Desde 2009, a proxección de Galicia cara o exterior recuou considerabelmente, segundo o Goberno galego por mor da crise económica, a unha presenza pouco máis que simbólica en países con representación da diáspora galega, Bruxelas e mais Portugal. No 2010, o Presidente da Xunta presentou o proxecto da Macrorrexión peninsular, RESOE (Rexións do Suroeste Europeo) que unirá a Galicia, o Norte de Portugal con Castela e León. A RESOE naceu, en principio, co interese de captar o maior número de fondos económicos posíbeis para Galicia nos orzamentos europeos de 2014-2020 a través da creación dun novo concepto de unidade transrrexional, a Macrorrexión europea. Desta volta os vínculos sociais, culturais e lingüísticos non se tiveron en conta e si primou o interese económico e político coa unión castelán-leonesa. Isto non implica que a unión con Castela e León sexa negativa para os intereses  galegos e portugueses, máis qué papel xoga a GNP-AECT coa existencia dun ente territorial superior?

Tres anos despois da súa constitución, semella que o obxectivo da RESOE foi o de conseguir o maior financiamento posíbel para o país. O proxecto conta con puntos básicos de actuación en diferentes ámbitos rexionais como o das infraestruturas, o fomento do emprego, a educación ou patrimonio histórico entre outros. Ora ben, a RESOE carece de sitio web e conta cunha información moi escasa na Internet. Porén, o seu futuro logo de tres anos do seu nacemento parece atoparse no ár.

En cambio, o proxecto Eurorrexional galego-portugués segue adiante como pode. Se a Macrorrexión non conta cun sitio web, a información do sitio web da Eurorrexión atópase devagar pouco actualizada e con notábeis carencias que demostran a falla dun orzamento real que poida garantir a viabilidade do proxecto eurorrexional galego-portugués.

Para o próximo lustro 2014-2020, Galicia reterá financiamento europeo a través dos fondos de axuda ao desenvolvemento e cooperación rexional FEDER (Fondo Desenvolvemento Rexional) e FSE (Fondo Social Europeo). O vindeiro lustro porén, agárdase que sexa o da recuperación e o crecemento económico. A política galega tería que comezar a mirar novamente ao Sur e por extensión á lusofonía, como motor de cambio e do impulso económico e social que precisamos. Este impulso político ten que pasar en definitiva polo Brasil, o gran marxinado nas relacións Galicia-América. Galicia ten que aproveitar a súa vantaxe histórica e xeográfica para poder achegarse cun produto mais competitivo ao do resto do Estado, un produto que nos dea visibilidade nun dos mercados emerxentes do mundo e porén, precisamos de estreitar as ligazóns co noso Sur. Precisamos de traballar e fomentar a Eurorrexión. A unidade eurorrexional galego-portuguesa non pode significar mais que beneficios en ambas as beiras do Miño. Se algo ten mostrado o proceso de integración europea é que a cooperación territorial é un éxito a varios niveis sociais e económicos. Non pode ser que en pleno século XXI unha ferramenta para a cooperación política, económica, cultural e social non sexa o eixo central da política rexional galega e portuguesa a todos os niveis. Non é de recibo que o Miño sexa a día de hoxe unha fronteira política.

Referencias: