Qué paz para Palestina

Tras tres anos de ruptura, o recomezo en Washington das negociacións de paz entre Israel e a Autoridade Nacional Palestina (ANP), determina un contexto tecnicamente inviable á hora de garantir un proceso de paz continuo e consolidado, especialmente tomando en conta as conxunturas políticas e sociais en Israel e Palestina e, principalmente, das convulsións que vive Oriente Próximo desde a aparición da Primavera árabe a partir de 2011, escenario que obriga a modificar determinadas perspectivas de carácter xeopolítico, especialmente para EUA.

Apartados xeográficos Oriente Médio
Idiomas Galego

Tras tres anos de ruptura, o recomezo en Washington das negociacións de paz entre Israel e a Autoridade Nacional Palestina (ANP), determina un contexto tecnicamente inviable á hora de garantir un proceso de paz continuo e consolidado, especialmente tomando en conta as conxunturas políticas e sociais en Israel e Palestina e, principalmente, das convulsións que vive Oriente Próximo desde a aparición da Primavera árabe a partir de 2011, escenario que obriga a modificar determinadas perspectivas de carácter xeopolítico, especialmente para EUA.

Con case total probabilidade, o mais interesado en alcanzar un mínimo de condicións para as negociacións de paz entre israelís e palestinos é precisamente a administración de Barack Obama, en gran medida para potenciarse unha imaxe de benevolencia dentro do mundo árabe, especialmente tralo tácito apoio de Washington ao golpe exipcio e das súas contrariedades (e dobres varas de medir) sobre os cambios que ocorren na rexión.

Non obstante, e a pesar da implicación directa do Secretario de Estado John Kerry nestas negociacións, a garantía de completa “neutralidade” de Washington esvaécese ante a designación do seu negociador, Martin Indyk, a todas luces observado dende diversos sectores como un convencido “proisraelí”.

O lobby israelí impón o seu peso

De orixe australiano, Indyk, quen para darlle intensidade o seu labor chegou a declarar que estas negociacións suporían “a misión da súa vida”, foi anteriormente  embaixador estadounidense en Israel. En 1985 fundou un think tank conservador e visiblemente “proisraelí”, o Institute for Near East Policy(1).

Indyk formou igualmente parte do equipo negociador do ex presidente Bill Clinton durante os fracasados acordos de paz de Camp David en 2000, que durante dous meses reuniu ao ex primeiro ministro israelí Ehud Barak e ao desaparecido presidente da ANP, Yasir Arafat. Nos derradeiros anos, Indyk dedicouse a escribir as súas memorias sobre este proceso de paz(2) considerando que Washington aplicou unha política de “inxenuidade” nese proceso, advertindo que agora precisaría dunha posición mais “firme”.

Alén de calquera cábala política que permita descifrar a qué se refire Indyk coa “firmeza” da posición estadounidense, as perspectivas dun acordo realmente duradeiro entre israelís e palestinos igualmente amosan severas contradicións ante a designación de Tzipi Livni como negociadora por parte de Tel Aviv.

Actual ministra de Xustiza do goberno dereitista do partido Likud dirixido polo primeiro ministro Binyamin Netanyahu (tradicionalmente radical á hora de negociar cos palestinos), Livni foi a ministra israelí de Exteriores implicada directamente na brutal agresión israelí en Gaza decretada polo entón primeiro ministro Ehud Olmert entre decembro de 2008 e xaneiro de 2009 contra posicións do partido islamita palestino Hamás. Esta agresión implicou milleiros de vítimas civís palestinas e unha inédita indignación mundial contra Israel, cuxa acción só foi entón apoiada por unha administración Bush que estaba por transferir o goberno a Obama na Casa Branca.

Militante do Likud ata 2008 e férrea partidaria do ex primeiro ministro Ariel Sharon, Livni decidiu afiliarse ao partido Kadima, escisión do Likud liderada por Olmert, para erixirse como candidata nos comicios de febreiro de 2009 que lle deron a vitoria a Netanyahu. Tras estes comicios, a súa carreira política entrou nunha visible fase de certa defenestración, incluso formando un novo movemento de carácter liberal, o Hatnuá(3), co cal logrou ingresar no Knesset (Parlamento) tralos comicios lexislativos de xaneiro de 2013, os cales lle deron a reelección a Netanyahu. Pode incluso inferirse que a designación de Livni para estas negociacións signifique unha especie de “dourado retiro político”.

Crise, apatía e falta de consensos

Baixo este panorama, dificilmente o experimentado negociador palestino Saeb Erekat logrará imprimir con maior eficacia e viabilidade as propostas palestinas nestas negociacións en Washington. Ó mesmo tempo, Erekat é observado con receo en diversos sectores israelís debido ao seu rexeite en recoñecer a "condición xudea" do Estado de Israel, posición que obviamente prexudicaría os dereitos doutras comunidades, como a árabe, a palestina e as minorías cristiáns existentes neste Estado.

Paralelamente, estas negociacións aparecen nunha conxuntura difícil para o presidente da ANP, Mahmud Abbas, así como par ao seu partido Al Fatah. A esquerdista Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), movemento afiliado á Organización para a Liberación de Palestina (OLP), xa amosou o seu total rexeite a estas negociacións, tanto como a ruptura existente desde 2007 entre Al Fatah e os movementos islamitas Hamas e Yihad Islámica determinan a falta de consenso político de parte palestina á hora de acometer estas negociacións.

Precisamente, resulta necesario considerar cal é o contexto destas negociacións tanto para Israel, Palestina e Oriente Próximo. O goberno de Netanyahu comeza a observar con notable incidencia os efectos da crise económica dentro dun tecido social israelí cada vez mais atomizado e contestatario. Por tanto, recomezar as negociacións cos palestinos suporía gañar tempo e atención cara outras prioridades, desviando a eventualidade de protestas cidadáns por mor da crise.

Pola súa banda, para Abbas, o partido Al Fatah e a ANP, o contexto luce igualmente difícil. A frustración palestina pola incapacidade e a indiferenza da comunidade internacional á hora de potenciar unha paz visiblemente incompleta e inxusta coas súas demandas, percibe diversos escenarios que se deslizan entre a apatía e a indignación, potenciando as posibilidades dunha nova “Intifada”, fortalecida pola popularidade de Hamas como movemento de resistencia contra a ocupación militar israelí.

Neste contexto, precisamente a perspectiva dunha nova “Intifada” palestina potenciaría os intereses “militaristas” dos “falcóns” e dos sectores da liña dura da política e do estamento militar israelí (e por conseguinte dos seus aliados en Washington), visiblemente presente no actual goberno de Netanyahu. Isto “xustificaría” calquera eventual ruptura por parte israelí das negociacións coa ANP en caso hipotético dun atentado terrorista, lexitimando así unha reacción militarista da “liña dura” que veríase igualmente beneficiada polo recente golpe militar en Exipto.

A xeopolítica do golpe militar en Exipto

Aquí abórdase unha terceira perspectiva detrás destas negociacións de Washington: o contexto rexional, especialmente tralo golpe militar en Exipto, a inconclusa guerra interna en Siria e os vaivéns dunha Primavera árabe con notable fase de regresión e atomización, determinada pola reacción das elites árabes e dos seus aliados occidentais á hora de “domesticar” esta dinámica de cambios políticos.

Neste sentido, o golpe militar en Exipto clarifica varias destas perspectivas detrás das negociacións de paz en Palestina. Non é por tanto unha casualidade que Washington impulse agora estas negociacións tras tres anos de ruptura unha vez o estamento militar exipcio depuxera ao goberno islamita de Mohammed Morsi e dos Irmáns Musulmáns no Cairo, tomando en conta que este corresponde un aliado xeopolítico chave para un Hamas acondicionado na veciña Franxa de Gaza.

Os intereses xeopolíticos israelís e estadounidenses tralo golpe militar en Exipto supoñen unha variable para propiciar unha mecánica de afogo constante e eventualmente definitivo orientado a minar a fortaleza de Hamas en Gaza, illando aínda mais a este territorio palestino. Un obxectivo neste sentido corresponde a perpetuar o peche do corredor establecido en torno ao paso de Refah entre Gaza e Exipto, escenario de constante migración de palestinos cara o Magreb así como de intercambios bilaterais.

Con todo, non se debe menoscabar que a perpetuación da inestabilidade social e política exipcia por mor do golpe militar así como da represión posterior, dificultando así os mecanismos de “transición” tutelada polos militares, pode igualmente complicar estes intereses occidentais e israelís dentro dos escenario exipcio e palestino.

Para Tel Aviv e Washington, recomezar as negociacións de paz coa ANP significaría basicamente ofrecer un “espaldarazo” político para Abbas e Al Fatah, coa finalidade de contrarrestar calquera potencialidade e popularidade de Hamas, afianzando así maiores mecanismos de ilexitimidade contra un movemento considerado como “terrorista”.

Unha cuarta variable, mais indirecta, ten que ver coa crise siria. O fracaso dos rebeldes sirios á hora de desmontar ao réxime de Bashar al Asad, incluso atomizados polo apoio exterior (principalmente por parte de aliados occidentais como Arabia Saudita, Catar e Turquía) e a evidencia dunha falacia de unidade opositora fragmentada polo sectarismo e a proliferación e fortaleza de movementos islamitas radicais, implicaría para Washington a imperiosa necesidade de reverter este curso “pacificando”  o contexto rexional a través de Palestina. Con isto, a obvia pretensión de Washington enfócase en debilitar calquera correa de relación entre o réxime de Bashar al Asad e os seus aliados rexionais, Hamas e o movemento islamita libanés Hizbulá, este último un actor chave dentro do conflito sirio a favor do réxime de al Asad.

Paralelamente, o sorprendente triunfo do reformista moderado Hassan Rohani nas eleccións presidenciais iranianas de xuño pasado implica, de forma tentativa e temporal, unha ralentización da presenza de Teherán no contexto rexional, especialmente dentro do conflito sirio. Por tanto, o golpe militar exipcio cortou calquera tentativa emanada do presidente deposto Morsi e dos Irmáns Musulmáns por abrir canles de relación con Teherán, tanto como pode constituír, de forma incerta, unha advertencia para o réxime teocrático iraniano no relativo a formalizar un nivel de pragmatismo na súa política exterior, especialmente no plano das negociacións do seu programa nuclear.

Deste modo, o proceso de “domesticación” da Primavera árabe propiciado por EUA e Israel, cuxos orixes poden remontarse á caída do réxime de Muammar al Gadafi en Libia en setembro de 2011, da curso tralo golpe exipcio a unha visible pretensión de Washington por “domesticar” aínda mais o contexto palestino. Con todo, ningunha variable en xogo aparece como segura á hora de impor as súas condicións, tomando en conta a complexidade de escenarios que se presentan dende o Magreb ata Oriente Próximo.

 

             

 



(1) Consultar os artigos de GRESH, Alain, “Un processus de paix `vital’ pour...Israël”, Le Monde Diplomatique , 30 de xullo de 2013. Ver en : http://blog.mondediplo.net/2013-07-30-Un-processus-de-paix-vital-pour-Israel. Igualmente revelador é o artigo de BEININ, Joel, “Un ‘think tank’ au service du Likoud”, Le Monde Diplomatique, Xullo de 2003.

(2) “Quién es quién en las conversaciones de paz entre Israel y Palestina”, 20minutos, 30 de xullo de 2007. Ver en: http://www.20minutos.es/noticia/1884069/0/israel-palestina/conversaciones-de-paz/perfiles/

(3) Ibid.