Mapa histórico do Curdistán, cunha estensión de aproximadamente 550.000 km2.

Quo vadis, Curdistán?

Cunha Siria convulsionada pola implicación de intereses externos e internos que amplían cada vez mais o seu radio de actuación cara a veciña Líbano, compre observar con atención a intensificación doutro conflito latente en Oriente Próximo, como é o caso do Curdistán, o maior pobo a nivel mundial sen un Estado oficialmente constituído.

Apartados xeográficos Oriente Médio
Idiomas Galego

Cunha Siria convulsionada pola implicación de intereses externos e internos que amplían cada vez mais o seu radio de actuación cara a veciña Líbano, compre observar con atención a intensificación doutro conflito latente en Oriente Próximo, como é o caso do Curdistán, o maior pobo a nivel mundial sen un Estado oficialmente constituído.

Nas derradeiras semanas estase observando unha renovación do conflito no Curdistán turco que, obviamente, terá serias repercusións na situación das comunidades curdas no Norte de Iraq (onde mantén unha autonomía de facto desde 2003) e Siria. Neste sentido, apreciase cómo a guerrilla do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) decidiu retornar á loita armada cunha serie de atentados contra postos de seguridade no sueste turco, coa obvia intención de reabrir unha nova etapa nas reclamacións soberanistas curdas.

Por tanto, remover o avespeiro curdo suporía unha especie de “balcanización” que implicaría escenarios de maior tensión e risco actual contexto político de Oriente Próximo. O actual conflito en Siria semella estar dando alas ao PKK e outras guerrillas curdas a nivel rexional para intensificar as súas accións.

Mapa histórico do Curdistán, cunha estensión de aproximadamente 550.000 km2.Así e todo, tamén obsérvanse discrepancias e divisións dentro dos curdos: as autoridades do Curdistán iraquí, en especial o seu presidente Mahmud Barzani, non estarían dispostos a secundar esta estratexia do PKK, non só traducidos por rivalidades de orde político senón moi probablemente para garantir ese status autonómico no Norte de Iraq alcanzado con grandes sacrificios pero basicamente posibilitado pola unilateral e ilegal intervención militar estadounidense en Iraq a partir de 2003. Ao mesmo tempo, o goberno autonómico no Curdistán iraquí buscaría evitar unha confrontación coa veciña Turquía que, a todas luces, complicaría un panorama altamente convulsionado na rexión.

Neste sentido, a visita a finais de xullo do primeiro ministro turco Ahmet Davitoglu a Irbil, capital do Curdistán iraquí, buscaba precisamente garantir ese aparente distanciamento das autoridades curdas co respecto á posibilidade dun espallamento da violencia no Curdistán turco e sirio. Non obstante, as autoridades turcas ameazaron a mediados de agosto con invadir militarmente o  Curdistán iraquí para acabar coa implicación das guerrillas do PKK nos recentes atentados no sueste turco.

Desde comezos de agosto, as autoridades do Curdistán iraquí están inmersos nunha forte disputa política con Bagdad polo control dos estratéxicos recursos petroleiros do Norte do país árabe que, incluso, levou a que o primeiro ministro iraquí Nourri al Maliki, anunciara a prohibición de utilización das bandeiras curdas nas institucións oficiais([1]).

Unha guerra encuberta?

Con todo, as milicias curdas na fronteira siria con Turquía e Iraq semellan estar conformando unha especie de “cordón sanitario” aparentemente distante do conflito interno que leva a cabo o réxime de Bashar al Asad cos rebeldes apoiados dende o exterior, entre eles precisamente Turquía.

Ata agora, estas milicias curdas en Siria non tomaron posición sobre o conflito sirio, en gran medida para evitar unha confrontación maior co réxime de Bashar , con quen manteñen unha especie de “pacto de non agresión”. Desde o espallamento do conflito interno en Siria e, principalmente, tralo posicionamento turco contra o réxime de Bashar, os curdos sirios calculan prudentemente as súas estratexias moi probablemente coa finalidade de evitar unha eventual intervención militar turca na fronteira con Siria.

Deste modo, a aparente anarquización e baleiro de poder na fronteira siria permite ás milicias curdas manter unha especie de “corredor loxístico” cos seus brazos armados no sueste turco e no Norte de Iraq, escenario que posibilita esta renovación de ataques armados no Curdistán turco.

Isto coloca a Turquía ante unha delicada situación, tomando en conta as recentes presións do poderoso estamento militar turco con intervir no Norte de Iraq e na fronteira con Siria, a fin de evitar a radicalización da loita armada curda. Seriamente implicado no conflito sirio a favor dos rebeldes e fortemente premido polo seu estamento militar, o goberno de Recep Tayyip Erdogan tenta manter un fráxil equilibrio que ameaza con estalar no caso dunha resposta militar turca contra as guerrillas curdas.

Situación igualmente complexa para outros actores involucrados no conflito curdo e sirio, como son EUA, Irán e Israel, os cales observaría un inédito panorama xeopolítico no caso de que o conflito do Curdistán se converta nunha eventual guerra aberta en Oriente Próximo. Nas derradeiras semanas observase unha intensa cooperación entre os servizos de intelixencia turco e iraniano sobre as movidas e obxectivos das guerrillas curdas lideradas polo PKK. Irán igualmente teme unha revitalización do conflito no Norte do seu país, fronteirizo con Iraq e Turquía, onde habita a principal comunidade curda iraniana.

Pola súa banda, EUA e Israel observan con maior celeridade cara onde pode espallarse un eventual conflito rexional polo Curdistán. Tacitamente, Washington e Tel Aviv observarían con beneplácito a hipotética conformación dun Curdistán independente no Norte de Iraq que, obviamente, debilitaría o peso xeopolítico rexional de Irán e Turquía, así como certificaría esa especie de “protectorado occidental” na rexión.

Non obstante, e a pesar do aparente distanciamento diplomático entre Istambul, Washington e Tel Aviv, tanto para EUA como para Israel resulta estratexicamente imprescindible garantir a súa alianza xeopolítica e militar con Turquía, coa finalidade de acabar co réxime de Bashar en Siria. Un escenario que se complicaría no caso dunha renovación do conflito curdo e das súas implicacións xeopolíticas no convulsionado mapa de Oriente Próximo. Así, o Curdistán mergúllese nun labirinto onde as súas históricas demandas vense, de novo, determinadas por intereses alleos.

 


([1]) ZULAL, Shwan, “Kurdish flag controversy raises tensions as KRG redirects oil exports”, IKJ News, Independent Kurdistan Journalism, 20 de agosto de 2012. Ver en: http://ikjnews.com/?p=2060