A primeira xira exterior de Joseph Ratzinger, o papa Bieito XVI, non ten a mesma repercusión mediática que o seu antecesor. Este factor ten moita relevancia para o Vaticano desde que Xoan Paulo II fixera das xiras mundiais e o labor comunicativo os dous vértices do seu papado. No caso de Ratzinger, a situación obriga a unha atención máis detida, xa que non se agarda unha dinámica axenda exterior durante o seu papado, senón visitas máis selectivas.
Para Ratzinger, a quen a opinión pública e probablemente a maioría dos fieis católicos coñecen mellor polo seu verdadeiro nome que pola elección da súa nominación papal, comezar polo seu país de orixe revela un estilo e un obxectivo diferente. Neste estreo, o papa alemán recalca o estilo de austeridade e rigorosidade relixiosa, dous elementos que espera imprimir ao longo do seu papado. Revela igualmente unha notoria diferenza con respecto ás congregacións masivas e a espectacularidade nos medios utilizados por Karol Wojtyla.
O papa Bieito XVI chega a un país históricamente fragmentado polas divisións entre católicos e protestantes, aínda que agora penetrado pola presenza dun sentimento agnóstico e un certo baleiro espiritual nas diferentes capas sociais. Do mesmo xeito, as relacións entre Alemaña e o Vaticano sempre foron difíciles, marcadas polas diferenzas ecuménicas e políticas. A Iglesia católica alemá amosa tamén sinais de afrouxamento, cunha perda de 100.000 fieis anuais. Velaí a intención de incluír á mocidade como elemento principal da xira, dentro das Xornadas Mundiais dos Mozos que se celebrarán en Colonia, un dos centros do catolicismo alemán xunto a Baviera.
Na Europa "laica e relativista" que tanto criticara Ratzinger, a súa figura e mensaxe non semella espertar elevadas expectativas. Alén da súa elevada idade (78 anos), as razóns relacionanse cunha traxectoria e un pensamento particular, preto do dogmatismo e a severidade coas alternativas sociais da Igrexa. Tamén inflúen os dilemas morais e relixiosos dentro dunhas sociedades cada vez menos influídas pola arcaica estrutura eclesiástica vaticana, incapaz de responder ao avance dun pensamento máis liberal.
Alemaña é tamén un obxectivo político concreto para o Vaticano, aínda que isto non se evidencie directamente coma unha clave nesta xira de Ratzinger. O país preparase para uns comicios electorais onde o período social-demócrata iniciado en 1998 por Gerhard Schröder está a piques de rematar. Neste sentido, preparase para un posible goberno demócrata-cristiá con Ánxela Merkel coma chanceler.
Casualmente, foi en Colonia, capital do länder de Renania do Norte de Wetsfalia, o mais poboado do país, onde os socialdemócratas sufriron a súa derradeira gran derrota electoral, en maio pasado, e onde Schröder anunciou a súa intención de adiantar os comicios.
Polo tanto, un goberno de centro-dereita en Berlín máis afecto ás políticas vaticanas, reforzaría a posición de Ratzinger en temas polémicos como o matrimonio homosexual, o aborto, o uso do preservativo, o financiamento das misións católicas e as relacións entre a Igrexa e o Estado. O Vaticano non quere ver en Alemaña unha repetición do conflito entre Igrexa e goberno, como na España de Zapatero.
Outro aspecto de interese ten que ver coa situación das relacións entre as relixións e as civilizacións mundiais, ante os sinais contradictorios sobre o temido "choque de civilizacións" entre o Occidente cristiá, o Islam e o avance das relixións orientais. Alemaña, coma o resto de Europa, reflicte un mosaico dese panorama: presenza de comunidades católicas, protestantes, musulmáns, budistas, etc. A diferenza de Karol Wojtyla, aínda é incerto se Ratzinger exhibirá unha política aperturista cara outras relixións. Polo momento, o patriarca da Igrexa Ortodoxa rusa, Alexei II, declarou estar á espera de xestos nese sentido por parte de Roma.
Un bispo alemá participante na visita de Ratzinger insistiu na necesidade de reforzar o carácter cristián de Alemaña "ante o avance dos turcos musulmáns". O propio Ratzinger xa manifestara abertamente a súa posición contraria ao ingreso de Turquía na Unión Europea. Schröder apoia o ingreso turco mais Merkel está abertamente en contra. Bruxelas e Ankara esperan iniciar as súas negociacións de ingreso en outubro. Por iso tamén Alemaña é o primeiro destino de Ratzinger.