Non deixa de ser relevante a recente aparición de Osama ben Laden nun vídeo ofrecido pola cadea qatarí Al Jazeera, considerada a verdadeira correa de transmisión das mensaxes do líder de Al Qaeda. Máis dun ano de silenzo que dispararon todo tipo de conxeturas sobre a situación dentro da organización terrorista e o estado de saúde do "home máis buscado do mundo", esta aparición coincide en momentos nos que a atención política mundial se ubica noutras crises e escenarios, afastados da chamada ameaza terrorista global.
Tanto como revelador, a cinta coa gravación de Osama ben Laden tamén reflicte un panorama intrigante. Aínda que a CIA e os cuestionados servizos de intelixencia estadounidenses se apresuraron a detallar a gravación no mes de novembro, a súa autenticidade temporal segue a ser unha incógnita. Só se escoita a voz do líder de Al Qaeda, pero non se observa a súa imaxe. ¿Material máis que suficiente para continuar especulando sobre o seu verdadeiro estado de saúde ou, inclusive, a súa integridade física e os consecuentes manexos de poder dentro de Al Qaeda?
Con este panorama, é posible que exista unha calculada intención en facer "reaparecer" publicamente a Osama ben Laden. A fracasada e sanguinaria ofensiva da CIA na fronteira entre Afganistán e Paquistán, na busca do o exipcio Aywan al Zawahiri, considerado o nº 2 de Al Qaeda, presuntamente refuxiado na rexión de Damadola, expandiu as protestas do mundo musulmán cara as accións de Washington. Isto incluso co elevado risco de provocar unha rebelión social nun aliado militar e nuclear occidental tan estratéxico como Paquistán e posibilitar unha silenciosa reaparición, no escenario afgano, dos sectores talibáns.
Este novo fracaso da intelixencia estadounidense revela tamén as deficiencias no combate contra o terrorismo global e as consecuencias políticas e sociais destas accións indiscriminadas, consideradas cinicamente como "danos colaterais". Tanto en Washington como dentro de Al Qaeda semella necesario regular a aparición do terrorismo global como a principal ameaza á seguridade internacional. Pero tamén semella necesario revelar que, a pesar da realidade, a guerra contra o terrorismo se está gañando. Velaí a presunta oferta de Osama de iniciar unha "tregua" con EEUU, en "condicións xustas", desexando incluso "ver reconstruídos Afganistán e Iraq", escenario que carece de certa credibilidade e que levantou apresurados sentimentos de optimismo na Casa Branca e o Pentágono.
Esta ameaza de Al Qaeda debe ser permanente, como revela a presunta voz de Osama ben Laden de continuar, proximamente, con maiores ataques "no solo estadounidense". Unha evidencia desta situación probablemente se deduza da tradución das primeiras palabras en árabe da cinta, onde se di que "a guerra contra EEUU e os seus aliados non se limitará a Iraq".
Osama ben Laden reaparece na escena internacional en momentos en que EEUU, Europa, a ONU, Rusia e China puxan incansablemente co programa nuclear iraniano. Para Occidente, un Irán nuclear nun mundo tan caótico como o actual, sen pautas sistémicas de relación, agrandaría aínda máis a actuación do terrorismo global e alentaría aos movementos e grupos afiliados á ideoloxía do "yihadismo salafista", próxima a Al Qaeda. Coa crise de Irán no seu punto mais álxido, a cinta de Osama ben Laden constitúe tamén un bálsamo para os "falcóns" transatlánticos.
O xornalista británico Robert Fisk, un dos mellores coñecedores de Al Qaeda e entrevistador de Osama ben Laden, considera que, constituído en mito, a captura do principal terrorista global semella entón irrelevante. O verdadeiro problema se limita á estrutura e acción de Al Qaeda, así como a súa descentralizada expansión global, aparentemente identificable e incontrolable. Deste xeito, en termos de atención pública, Osama ben Laden semella obter o seu obxectivo máis apetecido: seguir sendo noticia. Tan só falta que as súas agresivas palabras volvan a converterse en terrorífica realidade.