A pesar diso, o dereito internacional permanece ancorado nun marco xurídico totalmente superado e segue sen recoñecer formalmente a figura do refuxiado climático. A Convención de Xenebra de 1951 recoñece como persoa refuxiada unicamente a que foxe por mor de persecución política, étnica ou relixiosa. Nada di sobre quen escapa da seca extrema, das inundacións ou da subida do nivel do mar. Así, millóns de persoas quedan fóra de calquera sistema legal de protección, atrapadas nun limbo normativo e humanitario sen dereitos recoñecidos nin protección efectiva.
Segundo o GlobalReportonInternal Displacement 2023 do IDMC, cada día arredor de 60.000 persoas vense obrigadas a abandonar os seus fogares por fenómenos climáticos extremos como inundacións, secas prolongadas, ciclóns ou incendios forestais. A maioría destes desprazamentos prodúcense dentro das fronteiras nacionais, mais unha parte cruza fronteiras sen acceder a ningún recoñecemento legal como refuxiadas e fican fóra dos mecanismos internacionais de protección, asistencia e garantía de dereitos fundamentais, atrapadas nun baleiro xurídico que agrava a súa vulnerabilidade.
En 2020, o Comité de Dereitos Humanos da ONU estudou o caso de Ioane Teitiota, cidadán de Kiribati que solicitara asilo en Nova Zelandia alegando a ameaza vital pola subida do mar. A pesar de recoñecer que o cambio climático pode afectar o dereito á vida, o Comité rexeitou a petición por non considerala urxente. Este precedente, aínda limitado, visibiliza as restricións dun sistema xurídico sen capacidade de responder con ambición ao desafío ambiental.
Popularizado no debate público e mediático, o termo “refuxiado climático” carece de recoñecemento no dereito internacional, o que perpetúa unha indefinición propia e que favorece a arbitrariedade administrativa, a exclusión e a cronificación da precariedade. Porén, organismos como ACNUR propuxeron marcos interpretativos non vinculantes para abordar esta realidade, mais sen unha reforma profunda do sistema internacional, a mobilización por causas ambientais seguirá tratándose como unha simple migración.
A desigualdade climática acentúa a inxustiza global: os países máis afectados por estes desprazamentos son precisamente os que menos contribuíron á crise climática. Estados insulares como Tuvalu ou Kiribati enfróntanse á desaparición física do seu territorio, mentres os principais emisores, eluden compromisos vinculantes en materia de reparación ou acollida.
A figura do refuxiado climático xa non pertence ao ámbito da especulación: é unha realidade innegable que interpela de xeito directo a capacidade do sistema internacional para adaptarse a novas formas de inxustiza. Crear un marco legal específico para quen foxe da destrución ambiental non é só un deber xurídico, senón unha proba crucial do noso compromiso real cos dereitos humanos no século XXI.
Referencias:
- InternationalOrganizationforMigration(IOM).(2023). Global Migration Report 2023: Climate Change, Migration and Displacement. Disponible en https://www.iom.int (consultado maio 2025).
- Internal Displacement Monitoring Centre (IDMC). (2023). Global Report on Internal Displacement 2023. Xenebra: IDMC.
- McAdam, J. (2012). Climate Change, Forced Migration, and International Law. Oxford University Press.

