onu vista desde queens

Reinventar a ONU

 Edificio da ONU, clic para aumentar
Ata onde a reforma? Probablemente ata onde consinta EEUU, a única superpotencia, que é o principal contribuínte e o máis crítico con ela, sobre todo cando non secunda a cegas as súas pretensións, por exemplo, a agresión a Iraq. Washington non vai aceptar límites ao seu poder e iso, na práctica, significa sabotar os procedementos de NNUU, onde habería que contar coa opinión dos outros 190 membros. Washington ten experiencia dabondo en utilizar unha ONU á carta, mesmo cando reduce a súa cota para non financiar aqueles programas ou organismos que non son do seu agrado, mesmo algúns en aparencia tan inofensivos como o Departamento de Información Pública que explican o que a ONU está a facer e que obrigou a pechar en medio mundo.
 

O informe Volcker, relativo á investigación do caso de corrupción no marco do programa Petróleo por Alimentos, que denuncia a tolerancia do Consello de Seguridade e dos Estados que integran o organismo mundial con prácticas que o propio secretario xeral da ONU, Kofi Annan, cualificou de vergoñentas, estendeu o seu manto de sombra sobre o Cumio que se celebra esta semana en Nova York, convocado para pactar a introdución de cambios diversos nunha entidade claramente desfasada, tanto en termos xerenciais como estruturais e políticos para un tempo que garda cada vez menos paralelismos co momento de seu nacemento.

Pero que a ONU é unha organización que pertence a outra época, que non está deseñada para o mundo actual e que por iso mesmo precisa de reformas, podería ser o único punto de encontro entre os seus membros. Annan, a quen os ultraconservadores de EEUU, que non cren na organización, esixen a inmediata dimisión "o seu mandato remata a finais de 2006", creou unha comisión con amplos poderes para adiantar propostas que modernizaran a maquinaria interna, fortaleceran o seu papel no manexo das crises e asegurasen a un tempo un reequilibrio no Consello de Seguridade que reflectise os cambios experimentados na balanza de poder mundial. Non obstante, as rivalidades históricas e xeopolíticas e o empeño en fixar novos membros permanentes, é dicir, vitalicios "o cal non deixa de ser moi pouco democrático" vai dificultar o logro de acordos. A democracia avanza, din, en todo o mundo, menos, de ser así, na organización mundial por excelencia.

O cumio desta semana foi convocado inicialmente para tratar do in-cumprimento dos Obxectivos do Milenio "e para entender o mal que vai basta acceder ao último informe de desenvolvemento humano do PNUD", pero a reforma promete centrar gran parte dos debates, sen que as expectativas de éxito, tanto nun tema como no outro, sexan especialmente favorables. EEUU, que non investiga a implicación da súa propia Administración e da empresa Halliburton no pingüe e tétrico negocio que supón a guerra do Iraq, clama ó ceo contra Annan e trata de erixirse en paladín dunha reforma que evite estas prácticas. John Bolton, o novo embaixador de EEUU ante a ONU, preme para introducir cambios importantes na Declaración Final. Aos conservadores de EEUU non lles gusta a ONU en absoluto e preferirían ver o mundo manexado desde Washington, como afirma James Paul, do Foro de Políticas Globais de NY. Mellorar a eficiencia e acabar coa corrupción é só un discurso formal que agocha outras intencións.

Ata onde a reforma? Probablemente ata onde consinta EEUU, a única superpotencia, que é o principal contribuínte e o máis crítico con ela, sobre todo cando non secunda a cegas as súas pretensións, por exemplo, a agresión a Iraq. Washington non vai aceptar límites ao seu poder e iso, na práctica, significa sabotar os procedementos de NNUU, onde habería que contar coa opinión dos outros 190 membros. Washington ten experiencia dabondo en utilizar unha ONU á carta, mesmo cando reduce a súa cota para non financiar aqueles programas ou organismos que non son do seu agrado, mesmo algúns en aparencia tan inofensivos como o Departamento de Información Pública que explican o que a ONU está a facer e que obrigou a pechar en medio mundo. E por desgraza, así vai seguir sendo, resista ou non Annan, mesmo despois do vaticinado fracaso deste Cumio.