Unha análise de Martín Boado Carro (estudante en prácticas da USC)

Rémoras de guerra en Nagorno Karabaj

O pasado 4 de decembro de 2015 comezou unha nova escalada de violencia que volveu a ser a dramática protagonista na liña fronteiriza que separa a rexión independente de Nagorno Karabaj e Acerbaixán. Co recente cumprimento do 24º aniversario da declaración de independencia da República de Nagorno Karabaj, ata 18 soldados armenios resultaron mortos e outros 20 feridos no último mes tras un novo fogo cruzado que vulnerou, por enésima vez, o cesamento do fogo firmado no 1994 entre Armenia e Acerbaixán.

Apartados xeográficos Nacionalismos
Palabras chave Conflito Nagorno Karabaj
Idiomas Galego

O pasado 4 de decembro de 2015 comezou unha nova escalada de violencia que volveu a ser a dramática protagonista na liña fronteiriza que separa a rexión independente de Nagorno Karabaj e Acerbaixán. Co recente cumprimento do 24º aniversario da declaración de independencia da República de Nagorno Karabaj, ata 18 soldados armenios resultaron mortos e outros 20 feridos no último mes tras un novo fogo cruzado que vulnerou, por enésima vez, o cesamento do fogo firmado no 1994 entre Armenia e Acerbaixán.

A denominada “Frozen war” estase a desxear. A erupción do conflito na rexión de Nagorno Karabaj e, consecuentemente, entre Acerbaixán e Armenia, remóntase aos derradeiros anos da Unión Soviética, particularmente a partires de 1988, e culminou cun gran conflito entre estas primeiro repúblicas soviéticas e posteriormente nacións independentes a partir de 1991, trala desintegración da URSS. Pese a dito cesamento no ano 1994, as constantes provocacións militares entre ambos bandos provocaron que o número de vítimas mortais triplicárase dende o 2013, afectando non só a soldados, senón tamén a civís. En 2014 o número de vítimas sumou 64 baixas militares por 8 cidadás e, neste último ano, a cifra roldou os 60 falecidos. É, polo tanto, bastante obvio que aínda que sexa off the record, a guerra segue vixente entre ambos países pola soberanía e control do territorio.

Á vista dos recentes acontecementos semella que os esforzos diplomáticos son apartados a un segundo plano en detrimento da violencia. O certo é que as últimas accións bélicas veñen precedidas da reunión entre os presidentes de ambos países en Berna, Suíza, o día 19 do mes pasado, con motivo da mediación do Grupo de Minsk formado por representantes dos EUA, Rusia e Francia. A pesar do acordo de manter o diálogo durante o 2016 que permita o achegamento entre as dúas posturas, o encontro foi tal decepción que nin tan sequera conseguiuse o obxectivo de rebaixar a tensión do conflito. Ademais, un dos aspectos máis preocupantes é o crecente uso de armas como os lanzagranadas ou os morteiros, que presentan un maior perigo non so para os militares directamente implicados no conflito, senón tamén para toda a poboación civil da rexión.

Pese á promesa diplomática de ambos líderes, as posturas na negociación pola paz seguen moi afastadas. Pola súa banda, Armenia e, consecuentemente, Nagorno Karabaj ven no dereito internacional da autodeterminación dos pobos a súa guía a seguir e pola que loitar. Mentres, o goberno de Acerbaixán escúdase no principio competente de integridade territorial dos Estados. Estas dúas diferentes e afastadas posturas diplomáticas, amparadas no dereito internacional, aumentan o xa alto grado de frustración na negociación de paz, o que provoca un desdén xeneralizado cara o proceso diplomático.

Outros dos factores que explica a falta de acordo ten que ver coas decisións políticas tomadas por ambos gobernos. Unhas políticas internas cada vez máis nacionalistas en resposta as constantes provocacións afectan ao endurecemento do discurso por parte das autoridades armenias, que xa tratan o conflito en termos bélicos. Pola súa banda, Acerbaixán conseguiu expandir o conflito máis aló de Nagorno Karabaj ata zonas propias do Estado armenio, coa finalidade de provocar unha resposta aínda máis esmagadora, o cal pon nun serio risco unha masiva escalada de violencia entre ambos bandos.

Con todo, o papel de varios actores internacionais pode resultar transcendente. Rusia é un dos tres países que integran o grupo encargado de mediar no conflito, mais o seu papel é moi controvertido. Para empezar, trátase dun dos principais subministradores de armas a ambas partes, especialmente a Armenia. O seu incesante interese na zona do Sur do Cáucaso fai cuestionar a súa verdadeira intención na solución do conflito, que pode estar máis centrado no desexo de ser un actor realmente influínte na rexión.

Pola contra, o enfrontamento entre Rusia e Turquía é máis que tanxible, especialmente trala crise diplomática establecida polos efectos da guerra en Siria e o abatemento de dous cazas rusos cando sobrevoaban o espazo aéreo turco en novembro pasado. Turquía, membro da OTAN e ultimamente virando a súa política exterior máis próximo a países occidentais como EUA ou Francia, xoga un papel chave, historicamente atribuído polas secuelas do xenocidio armenio cometido polo Imperio Otomán a principios do pasado século, e igualmente pola tácita posición pro-acerí das autoridades turcas.

Pódese dicir que a profunda desconfianza entre Armenia e Acerbaixán, engadido ao alto grao de corrupción e un notable déficit democrático, particularmente no caso de Acerbaixán, favorecen o xogo xeopolítico de terceiros actores no conflito, como son os casos de Rusia e, con menor aínda que non menos importante intensidade, de Irán, que conta con importantes intereses xeopolíticos e enerxéticos no Cáucaso. Paralelamente, non se debe esquecer a implicación de EUA e da Unión Europea, aínda que mais circunscritos dentro da Organización de Seguridade e Cooperación Europea (OSCE) e do Grupo de Minsk.

Son moitos os factores tanto internos como externos que marcan un dos poucos conflitos etnopolíticos no espazo postsoviético, polo que, á vista das marcadas diferenzas entre as posturas de ambos países, cabe considerar a posibilidade de que a guerra fágase novamente oficial. Aínda que isto pase, son moitos os autores que alertan da incapacidade de ningún dos bandos de resolver o conflito, nin tan sequera con axuda internacional: “o conflito de Nagorno Karabaj (…) non ten simplemente solución pacífica nin militar. Acerbaixán nunca recoñecerá a independencia de Nagorno Karabaj e Armenia nunca o entregará á xurisdición de Acerbaixán, por moito que discutan os expertos e os políticos no marco da CEI, da ONU, ou en todas as demais organización internacionais e rexionais”. Así de rotundo realiza a súa reflexión sobre o tema Hakob Symonian no Informe Mundial de Estados de Feito (IMEF), elaborado polo IGADI en 2011 e 2013.

Estamos chegando a unha fase perigosa do conflito. Tras o cesamento do fogo asinado no 1994, ambos países semellan preferir a vía armada por diante da diplomática como medio resolutivo. A falta de concorde no marco da negociación de paz, sumado a unha pronunciada falta de vontade política por ambas partes, fainos pensar que a escalada de tensión e a espiral ascendente de violencia estase a converter nunha tendencia perigosa que tan so nos achega cada vez máis a que se propicie de novo unha “guerra por accidente” inminente. É obrigado manter alomenos un ollo ben aberto sobre un conflito mediaticamente esquecido como é o de Nagorno Karabaj.