Resaca europea

Toda a campaña electoral e as valoracións posteriores dos resultados das recentes eleccións parlamentarias europeas tiveron claves estatais como mínimo denominador común. A Europa realmente convocada a tan vasto exercicio democrático, paradoxalmente, estivo ausente. Ninguén falou de Europa, nin antes nin despois. A inmersión nas circunstancias políticas de cada un dos socios da Unión, agravada pola dimensión e os efectos da crise económica en curso, subtraeu o debate do que debería ser o seu espazo natural, amosando unha clara desorientación que reforza a confusión actual.  Nesta Europa nada é o que parece: nin a esquerda que retrocede, nin a dereita que avanza, nin a propia Europa como símil dunha obra política supraestatal. Por iso todos acaban lendo os escrutinios dende a perspectiva do seu significado para as políticas locais.

O retroceso experimentado nos últimos anos na construción europea dificilmente atopará unha expresión positiva cuns resultados que reflicten un mapa político pouco propicio a avances substanciais que permitan recuperar a ilusión polo proxecto. Sería agora, ante a crise, o mellor momento para exhibir as bondades da unión e as fortalezas inherentes á dimensión social que conforman a singularidade dunha UE virada para resolver aquelo que interesa ás persoas. Pero non semella ser o caso.

A ausencia de liderado efectivo, o predominio da frivolidade na política dos principais socios e a indeterminación mesma do futuro do proxecto europeo, agravada pola presenza de claros quintacolumnistas no seu seo, afondan o desconcerto dos suxeitos internacionais mais relevantes. A perda de ambición en que resulta o éxito, tantas veces gabado, concrétase nun significativo desvío do seu camiño natural e orixinal.

Tamén aquí é o tempo da política, de certa recuperación do ideal, para que todos, ademais de atender ao propio que tanto preocupa –cousa natural-, sexamos quen de entender a existencia doutros intereses sen os que a integración privaríase do contraditorio xenio que a fixo atractiva para propios e estraños.