Quedaramos por teléfono uns días antes e alí estabamos os dous, co sorriso posto e o espírito aberto, como é habitual nos primeiros encontros, para aumentar a nosa receptividade.
Puxéronnos dúas cañas e Xulio comezou a falarme do proxecto ao que dedicou a súa vida, IGADI, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional.
As miñas referencias sobre Xulio eran basicamente os seus libros sobre China: China ¿Superpotencia del Siglo XXI? (Icaria), China por dentro (Xerais), ou Hong Kong, camiño de volta (Laiovento), e algunhas significativas participacións en obras colectivas como: O conflicto dos Balcáns; Pensar a democracia; Rusia: das orixes á quebra dun modelo; ou Cuba, independencia e revolución.
Pero os retratos hai que facelos co modelo diante, e alí mesmo, na terraza da Carabela, comecei a darme conta de que Xulio era un home con amplos horizontes e metas a longo prazo, para as que se armara dunha infinita paciencia. Tamén era un home cun sentido do humor extraordinario, sen outro credo e militancia que a democracia ou, como diría un francés, os valores de La République.
Non me sorprendeu, polo tanto, a súa heterodoxia. Tanto a el coma a min fóranos asignada de serie. Ten a súa orixe nunha sabedoría profunda, moi galáica, que latexa no corazón dos labregos e mariñeiros galegos que viron pasar os séculos e navegar polos sete mares.
Para Xulio e para min, vivir nas certezas é quedar petrificado. A dúbida, como acostuma dicir o meu amigo Emilio Lledó, é a luz do pensamento, a lanterna que nos permite navegar por un mundo de tebras.
Sorprendeume máis a súa tenacidade pero, sobre todo, o temperado sosego co que afrontaba os retos aos que se enfrontaba o IGADI: retos económicos, retos de colaboración, retos de visibilidade e retos institucionais, que xuntos parecían todo un Himalaia. Nese sentido, o do sosego, somos moi opostos, como as dúas caras da mesma moeda. A min acéndeme a paixón, por dentro e por fóra, a Xulio nunca fun quen de velo irritado e, menos aínda, de facer espaventos. Pero camiñamos na mesma dirección, a marcada polos homes que intentaron facer do mundo un lugar máis libre, máis xusto, máis igualitario e máis habitable.
En certo modo, pola súa tenacidade e especial sentido do humor, lembroume a miña primeira entrevista con Isaac Díaz Pardo. O mesmo sosego, a mesma modestia, e a mesma ilusión. Xente que, sen apenas facer ruído, vai facendo cousas que contribúen, como dicía Xulio, a facer país e axudar a “pensar o mundo desde aquí”.
Bastaron uns poucos minutos para dicirlle que contase coa miña entusiasta participación no proxecto da súa vida, o IGADI, aínda que lle confesei que non esperase unha colaboración demasiado activa, porque sempre estou metido en demasiadas guerras. Xulio sorriu, con ese sorriso que o fai inconfundible, e despedímonos. Esa tarde abriuse o telón de dúas décadas de participación no IGADI e da miña amizade con Xulio.
Na memoria quedan aquelas reunións de Baiona, as sesións maratonianas nas que Xulio nos ía informando das novas colaboracións persoais e institucionais, esas comidas no Parador Conde de Gondomar, e aqueles paseos vespertinos pola volta da muralla, coa mirada perdida no océano infinito.
Queda tamén na memoria a singular socioloxía do que Xulio chamaba o Consello Asesor do IGADI.
Como esquecer persoeiros como o tristemente desaparecido Fernando Pérez-Barreiro Nolla, o noso tradutor do mandarín, que acudía dende o seu destino londiniense sempre con novas sobre China e o leste asiático que Xulio non deixaba de avaliar e sopesar. Creo que un dos proxectos de Xulio (Observatorio de la Política China), e a longa estadía de Xulio naquel país, deben moito á habilidade filolóxica e á paixón de Fernando. A ela se deben tamén publicacións como Política exterior de China (Bellaterra) ou Taiwán: el problema de China (La Catarata) e a tradución, quen me ía dicir, do ensaísta máis antigo sobre cuestións bélicas: Sun Tzu: A arte da guerra.
Tampouco debemos esquecer a personalidade do director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet, que chegaba cargado de información quente desde a capital francesa, aínda que, a dicir verdade, case non asistiu, polo que eu lembro, debido ás súas múltiples ocupacións, a máis dun encontro.
Os restantes membros do Consello, non por vellos coñecidos están menos presentes na miña memoria e na do IGADI.
Luís Pousa, que en tempos da ditadura foi represaliado por unha entrevista á miña muller, á que se lle ocorreu afirmar que o seu marido, daquela preso, concibía a Patria como un marco de convivencia democrática no que se respecten os dereitos humanos. Luís, a pesar da que está caendo, segue editando Tempos Novos, ofrecendo unha aguda mirada crítica sobre a situación do mundo e de Galicia.
Persoeiro singular, o máis entrañable do IGADI, é sen dúbida Xulián Maure, que ten unha mirada tan franca que é imposible imaxinalo tramando algún tipo de felonía. Ou o sindicalista heterodoxo, Manuel Mera, que grazas a esta heterodoxia serviu de ponte para a unificación sindical galega, que se asinou na miña casa de Lapamán. Ou o profesor Martínez Puñal, con quen compartín, como con Rodríguez Pardo, algúns debates socialistas de hai tempo.
Logo trasladámonos de Baiona á Illa de San Simón, acabada de restaurar por César Portela, onde estivemos dous ou tres anos, para recalar finalmente, grazas á xenerosa colaboración do alcalde da cidade, en Campolongo, Pontevedra, a un tiro de bésta da miña casa, no antigo colexio dos cegos e en tempos residencia de estudantes no Instituto Pontevedrés.
Neses anos trepidantes, nos que teriamos que sufrir o vendaval da crise do 2008, fóronse incorporando outros membros: algúns da miña xeración, como Franco Grande, outros da seguinte, como Víctor Freixanes. E con eles veu o que poderiamos chamar a brigada Lincoln do feminismo (ata entón unha pata coxa do IGADI) con mulleres da enteireza de María Xosé Agra ou María Xosé Porteiro.
Por desgraza, tamén foron chegando as baixas: primeiro Lois Tobío, logo Fernando Pérez-Barreiro, Franco Grande e Ramón Lugrís.
Pero o IGADI segue aí, pilotado por Daniel González Palau, que fixo un longo percorrido ao teu lado, vencendo a pandemia e a apatía institucional, reuníndose anualmente e sacando á luz regularmente a extraordinaria revista Tempo Exterior.
Podes decarregar os Libros Homenaxe a Xulio Ríos desde esta ligazón.

