O economista neoliberal Paul Krugman(1) afirma que as relacións comerciais e, en xeral, as relacións entre estados, nacen de forma natural entre aquelas rexións que se atopan próximas xeograficamente. Así, España mantén unha relación de ‘socio natural’ cos países da Unión Europea, proceso no que está inmerso, pero tamén con aqueles da conca do Mediterráneo. Así mesmo, existe un vínculo social e cultural con Marrocos, Estado co que as relacións políticas mantéñense con fluidez, a pesar de cuestións comprometidas para ambos como as migracións internacionais ou o terrorismo(2). Igualmente, outro territorio co que existe un gran vínculo, neste caso histórico(3), é o Sahara Occidental, considerado pola Organización das Nacións Unidas (ONU) ‘Territorio non Autónomo’(4) dende 1963 e que conta cun estatus especial(5), que lle garante o apoio de España como a súa supervisora ou potencia administradora(6) até que logre a autodeterminación, única saída recoñecida polo dereito internacional(7). Este feito non pode obviar a necesidade de manter unha relación, polo menos formal, con este territorio que foi desocupado hai 32 anos. Con todo, as relacións entrambos territorios son escasas. Cando España abandonou o Sahara, asumiu non ter ningunha responsabilidade sobre o territorio que descolonizaba, entre tanto cedía de facto os poderes soberanos a Mauritania e a Marrocos(8), ambos estados sen ningún dereito(9) sobre este territorio de acordo a lexislación internacional. A pesar disto, estes países magrebís emprenderon unha nova colonización que os enfrontou á poboación local, diferendo que aínda hoxe os mantén enfrontados con Marrocos.
As motivacións para a ocupación do Sahara radicaron, e radican, na importancia xeoestratéxica das súas coordenadas e nos recursos naturais, especialmente pesqueiros e petroleiros(10), de que dispón. Non alleo a esta circunstancia, no Estado español se fala, desde hai xa varios anos, de “débeda histórica co Sahara Occidental(11)”, un discurso que tamén recolle, por exemplo, a cooperación internacional da comunidade galega(12). Con todo, o abandono previo agravouse co paso do tempo, só minorado polas accións de cooperación sen tomar unha decisión política firme e responsable(13), sobre todo logo da invasión, literal, da rexión por Marrocos, que xa non só se conforma con xestionar no seu beneficio os recursos saharauís ou con construír un muro de división neste territorio(14); senón que comunica á Organización das Nacións Unidas (ONU) que non aceptará a autodeterminación deste pobo(15). O estado alauí só recoñecerá esta extensión como unha provincia pertencente á súa administración.
A este panorama político debemos engadirlle a violencia exercida sobre a poboación local(16), que se viu obrigada a fuxir cara Alxeria, onde conviven máis de 200.000 refuxiados en catro campamentos da provincia de Tindhouf(17). Denunciados sistemáticamente por diferentes organizacións non gobernamentais(18), e advertidos polas institucións internacionais, as autoridades marroquís fan caso omiso de toda recomendación e continúan exercendo a súa soberanía sobre un territorio que conta cun status especial. Segundo este, todo Territorio non Autónomo debe ser protexido pola súa potencia administradora, circunstancia que só variará no momento que alcance a libre determinación(19). Do mesmo xeito, a única opción recoñecida logo de ser unha rexión non autónoma é a autodeterminación.
Tamén violados estes dereitos, a poboación saharauí precisa da solidariedade exterior. Aínda que no ámbito político existen diferentes interpretacións da legalidade internacional, dende o ámbito da axuda ao desenvolvemento, a sociedade aposta pola mellora das condicións de vida desta cidadanía(20). Neste exercicio tamén se atopa a comunidade galega que, desde 2003, coordina as súas accións de axuda(21). A través dos plans directores, establece as actuacións que levarán a cabo nesta materia que, por relacións históricas, sempre estiveron orientadas cara a América Latina(22).
Existe un factor determinante que vincula á sociedade galega coa saharauí. En ambos casos, a tradición pesqueira como forma de vida botou raíces. Con todo, a situación de ambas é diferente. Para comezar, son, precisamente, un gran número de embarcacións galegas as que faenan en augas saharauís(23), non por decisión ou acordo mutuo, senón pola mediación de Marrocos, que sen estar habilitado para operar cos recursos saharauís no seu beneficio, continúa facéndoo(24). Con todo, os vínculos establecidos por esta relación comercial e o coñecemento da realidade saharauí fixeron que os esforzos humanitarios teñan como prioridade o extremo oeste do Sahara(25). Aínda que non existe un número elevado de accións da cooperación galega, si se pode establecer o aumento no grao de importancia pois a maioría están destinadas a cubrir as necesidades básicas da poboación: desde a creación de canles de auga para facilitar o seu acceso no medio do deserto, ata a construción de centros educativos nos campamentos de refuxiados ou o envío de comida para a supervivencia.
Así, en 2004 e 2005 desenvolvéronse programas de sensibilización para que os/as nenos/as galegos/as coñecesen a realidade da poboación saharauí. Nunha destas iniciativas participou Solidaridade Internacional de Galicia levando obradoiros e conta-contos a un total de 16 centros educativos da xeografía rexional. Ao ano seguinte, Solidaridade Galega convocou un concurso de curtametraxes tamén dirixido a un público infantil, de secundaria. Ademais, no mesmo ano 2005, a cooperación traspasou fronteiras e chegou aos campamentos de refuxiados de Tindhouf, en Alxeria, para capacitar e dotar aos 200.000 saharauís de recursos hídricos no deserto. Nesta iniciativa participou a Universidade de Santiago de Compostela. A axuda de emerxencia tamén está presente na cooperación galega: en 2006, a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e a Media Lúa Vermella Saharauí enviaron axuda directa a Tindhouf. Asemade, neste ano perfeccionouse a rede hidráulica de Tindhouf, un proxecto no que tamén participa a ONGD Enxeñeiros Sen Fronteiras.
Por outra banda, a cooperación galega, aínda que tamén escasa, diríxese a Marrocos xa que, a pesar de violar os dereitos básicos dos saharauís, a súa poboación ten un índice de desenvolvemento humano (IDH) medio, ocupando o posto número 132 dunha listaxe de 178 estados(26). O seu posto no ranking de débeda externa é o 67(27), unha cifra que tampouco quere dicir moito por si soa –os países ricos lideran esta lista(28)– pero tendo en conta o IDH e o índice de pobreza humana do Estado(29), evidencia unha difícil situación para a sociedade marroquí. Por este motivo, os labores de cooperación están centradas en estudos e axuda a tribos locais en situación de desvantaxe(30), así como a construción de centros educativos ou no envío de axuda humanitaria, sobre todo en ocasións especiais, como cando se rexistrou o terremoto de Alhucemas en 2004.
De acordo cos sectores cos que Galicia desenvolveu actividades de cooperación, demóstrase que o fin desta solidariedade exterior é contribuír a que a sociedade civil poida defenderse e conte coas capacidades necesarias para afrontar as dificultades que se lle presente, máis aló da inxeción de recursos financeiros.
Sen embargo, e pese ás boas intencións xa recollidas nas memorias, as actuacións son poucas e teñen escasa transcendencia. A rede operativa no Sáhara occidental apenas ten cobertura mediática. Por outra banda, a capacidade de emprender proxectos está non só limitada polo descoñecemento, senón tamén polas propias autoridades marroquís. Así, na memoria 2006 do Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade –na que se expresa o apoio á causa saharaui– infórmase da prohibición da visita dunha comitiva galega ao Sáhara e Tindhouf por parte das forzas alauís.
Hai varios muros contra os que loitar, primeiro contra aqueles que crean barreiras físicas, e despois contra os que impoñen barreiras ao coñecemento do mundo global. A información, como xa apuntaron os estudosos de comunicación, constitúe o cuarto poder. E pode facer abanear todos os demais.
Notas:
(1) Economista e colaborador do New York Times que enunciou que os países próximos xeograficamente establecen relacións de forma natural –artigos ‘socios naturais’.
(2) As cifras de entrada de embarcacións polas costas do Sur en España e os atentados de, por exemplo de Casablanca, ocupan as axendas da diplomacia de ambos Estados.
(3) España ocupou o Sáhara en 1934, e en 1976 abandonou a colonia.
(4) Á listaxe das Nacións Unidas de Territorios Non Autónomos inclúe ao Sáhara Occidental.
(5) Ditame da oficina xurídica do Consello de Seguridade sobre o estatuto de territorio non autónomo do Sáhara Occidental.
(6) Declaración de outorgamento de independencia aos países e pobos colonizados (Resolución 1514 (XV) da Asemblea Xeral).
(7) Ditame da oficina xurídica do Consello de Seguridade sobre o estatuto de territorio non autónomo do Sáhara Occidental.
(8) Acordos de Madrid, 1975.
(9) "Marrocos non é Potencia administradora do Sáhara na listaxe de Territorios-Non-Autogobernados da Nacións Unidas, Centro de Informacións das NNUU.
(10) Diferentes potencias internacionais entre as que figura España, extraen recursos marítimos deste territorio.
(11) ONGD´s como Sodepaz, Arso e outras asociación pro-saharauís.
(12) Memoria do 2006 da Cooperación ao Desenvolvemento da Xunta de Galicia.
(13) Nos “Acordos de Madrid”-1975- España non recoñece responsabilidades e abre paso á ocupación de Marrocos e Mauritania.
(14) En 1980 Marrocos comeza a construir un muro para o asedio da poboación marroquí, que está rodeado de minas anti persoas –Sahara Press Service–.
(15) Mohamed VI afirmou a finais de xullo que Marrocos non aceptará outra solución ao conflito do Sahara Occidental que non sexa o proxecto de autonomía "consensuada" baixo a soberanía de Rabat.
(16) Informes de Amnistía Internacional a partir dos observadores que residen neste territorio.
(17) Axencia africana de noticias Afrol –datos Acnur–.
(18) Amnistía Intenracional e Intermón Oxfan elaboran informes anuais onde se recolle esta denuncia.
(19) Ditame da oficina xurídica do Consello de Seguridade sobre o estatuto de territorio non autónomo do Sáhara Occidental.
(20) Numerosas organizacións de todo o mundo manifestan o seu compromiso co Sahara occidental e denuncian a súa situación: Sahara libre, Intermon Oxfam, Amnistía Internacional, ARSO…
(21) Lei 3/2003, de 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.
(22) O secretario xeral da UXT en Galicia, José Antonio Gómez, cifrou en 151.154 galegos en América Latina, emigrados entre 1946 e 1956. (La Región Internacional 22/01/2007).
(23) A Consellería de Pesca da Xunta de Galicia cifra en 150 o total de embarcacións que faenan no caladoiro marroquí –o mar saharauí está incluido nesta delimitación territorial.
(24) Denunciado polas Nacións Unidas e recollido no Ditame sobre o estatuto internacional de territorio non autónomo do Sáhara. O Goberno marroquí acaba de negociar con Iberdrola a instalación dun parque eólico en AL Auin, capital do Sáhara.
(25) A cooperación galega inclúe os territorios saharauis na listaxe de prioridades xeográficas.
(26) ONU: unha medición por país, elaborada para o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD).
(27) Segundo The World Factbook.
(28) Segundo The World Factbook, EEUU, Reino Unido e Alemaña lideran esta listaxe.
(29) O Índice de pobreza humana para países en desenvolvemento (IPH-1) é un indicador social elaborado para os países en vías de desenvolvemento que mide a pobreza en tres aspectos: unha vida larga e saudable, a educación, e o nivel de vida digno. Segundo os datos do PNUD de 2005, Marrocos ocupa o número 59 da lista, dun total de 103 –o máis pobre.
(30) O sindicato CCOO realizou varias actuacións para mellorar a vida da tribu Idausemlal, que poboa a parte norte de Marrocos..