20060424 rabat hu jintao e mohammed vi01

Sahara: clamar no deserto?


 Hu Jintao e Mohammed VI, clic para aumentar
Durante a recente visita a Marrocos do presidente chinés, Hu Jintao, puido pactarse a presentación deste novo informe. China preside actualmente o Consello de Seguridade e o líder chinés entrevistouse co presidente do consello consultivo para asuntos saharauís, a quen lle manifestou a súa “comprensión” polo empeño na “unificación”. Hu, confundindo os desertos coas illas, equiparaba o contencioso de Taiwán co problema do Sahara. Non teñen nada que ver o un co outro, pero a reciprocidade é un valor político que cimenta máis solidamente as alargadas expectativas comerciais de ambos países. (Foto: Hu Jintao e Mohammed VI en Rabat o 24 de abril de 2006).
 

O drama saharauí complícase de novo. O informe que Kofi Annan ven de presentar ao Consello de Seguridade concreta unha viraxe en redondo a favor das teses marroquís. Despois de 30 anos de bloqueo e 15 de cese de hostilidades, Annan da por inaplicable o plan do referendo e insta á apertura de negociacións directas entre as partes. Se en 2003, o principio de acordo consistía en establecer a autonomía durante cinco anos para dar paso a un referendo de autodeterminación, a ONU vai camiño agora de desdicirse de si mesma, pendente unicamente de premer un pouco máis en Mauritania e, sobre todo, en Alxeria, para poder dar carpetazo ao asunto.

En Rabat non se disimula a alegría. Durante a recente visita a Marrocos do presidente chinés, Hu Jintao, puido pactarse a presentación deste novo informe. China preside actualmente o Consello de Seguridade e o líder chinés entrevistouse co presidente do consello consultivo para asuntos saharauís, a quen lle manifestou a súa “comprensión” polo empeño na “unificación”. Hu, confundindo os desertos coas illas, equiparaba o contencioso de Taiwán co problema do Sahara. Non teñen nada que ver o un co outro, pero a reciprocidade é un valor político que cimenta máis solidamente as alargadas expectativas comerciais de ambos países. O ministro chinés de exteriores visita estes días Mauritania.

Mentres os aliados de Marrocos gozan dunha crecente influenza e as súas teses van gañando peso cada día que pasa, o POLISARIO, un tanto desconcertado no novo contexto internacional, quédase sen amizades. Alxeria clama no deserto, e Marrocos fai oidos xordos. Cada emisario persoal de Annan que visita a zona para elaborar o seu respectivo informe, agrava os prognósticos do anterior. E van trinta relatorios en quince anos. O último, elaborado por un diplomático holandés, Peter van Walsum, deixa poucas opcións. Poida que este tampouco sirva para moito, pero o tempo da outra volta de rosca para ir en contra das teses saharauis. EEUU xa deu o seu apoio á autonomía e Rabat está decidido a presentar nuns meses un plan concreto nas Nacións Unidas. Ata Ben Bella, o antigo presidente alxeriano que anda a predicar a liberación dos pobos do Sur e arremetendo contra os colonialismos, amósase partidario dunha autonomía definitiva. No reverso da moeda atópase Driss Basri, ex ministro de interior marroquí e exiliado en París, quen rexeita a autonomía pero porque está convencido de que Rabat pode gañar o referendo. En suma, e en calquera caso, os saharauís nunca sairían gañando.