A pasada fin de semana, 4-6 abril, no Verbum-Casa das Palabras vigués, celebráronse as III Xornadas Estatais do proxecto “Vacacións en paz”. (Foto: ©Fernando Pol). | |
Se o Sáhara Occidental está partido en dous por un muro construído por Marrocos que vai de Norte a Sur, parece que un muro de silencio impide difundir como se merecen noticias relacionadas co Sáhara que teñen lugar estes días en Galicia.
Esta próxima fin de semana, 12 e 13 de abril, celebrarase no Parlamento de Galicia a XII Conferencia dos Intergrupos Parlamentarios “Paz y Libertad para el Pueblo Saharaui”. Esta noticia ven de sumarse a outro acto celebrado tamen no noso país, a pasada fin de semana, 4-6 abril, neste caso no Verbum-Casa das Palabras vigués, as III Xornadas Estatais do proxecto “Vacacións en paz”.
A reunion que terá lugar no noso Parlamento é extraordinariamente importante; non porque sexa tal vez a primeira vez que se celebre tal conferencia dos intergrupos parlamentarios autonómicos e das Cortes Xerais en Galicia. Non, é que agora –co novo goberno Zapatero en vías de comezar unha nova etapa– debe ser o momento da firmeza ante as continuas violacións dos dereitos humanos por parte de Marrocos, e impedindo a presenza regular de comisións de parlamentarios autonómicos nese territorio ocupado que todos levamos no corazón.
O presidente dos Intergrupos Parlamentarios en España, o senador valenciano e ex deputado autonómico Andrés Perelló, declarou recentemente que van a pedir ao presidente Zapatero que sexa “sensible e solidario con ese pobo, que tamén sofre como outros pobos da Terra cos que somos solidarios”. Na convención de parlamentarios, afirmou Perelló, coordinaranse “accións en pro dun pobo que leva 32 anos nun campo de refuxiados, da sua dignidade e das súas libertades nacionais”.
Programa da reunion do Intergrupo
A reunión comezará o sábado 12 coa presentación a cargo do presidente do Intergrupo, Andrés Perelló, e después haberá un informe do delegado da RASD en España, Bucharaia Hamudi, ao que seguirán outras comunicacións e o debate sobre a resolución final, onde agardamos que os parlamentarios galegos do BNG, PP e PSOE podan plasmar o sentimento de apoio que sente a inmensa maioría do pobo galego.
III Xornadas Estatais do proxecto “Vacacións en paz”
A outra noticia, ocorrida a semana pasada foi, como indicaba a reunion de representantes das centos de asociacións pro-Sáhara que hai no Estado español, dos delegados saharauis en cada comunidade autónoma, e de membros do goberno da RASD, neste caso o ministro de Xuventude e Deporte.
O programa Vacacións en Paz , iniciado xa hai 13 anos traerá a case 9.000 nenos de 7-12 anos desde os campamentos de Tinduf, para pasar 2 meses lonxe do deserto. Xa temos falado noutra occasion que hai luces e sombras neste programa, que ten fallos e que a acollida que facemos destes nenos ten causas coas que non estamos de acordo. Pero todo iso son miserias e pequeneces que non enturbian o obxectivo central que é amosar a solidariedade con estes nenos que viven no deserto en condición lamentables.
Nesta reunion de Vigo tivemos ocasiñon de coñecer a marcha da delegada saharaui en Galicia, Fathma, a “embaixadora” saharaui, tras anos de presenza en Galicia, para un novo destino en Euzkadi. Que o vento mareiro guie os seus pasos!
Tamén creo que o esforzo que fai a asociación galega, Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, neste proxecto merece salientarse: 800 nenos, case o 10% do total dos que se acollen no Estado, que reflexa o apoio que as administracións municipais e a sociedade galega manifestan á causa saharaui, pero tamen o grandísimo esforzo que os delegados da asociación, repartidos por toda Galicia fan de modo incansable.
Xa se sabe que centrar nun nome o agradecemento é sempre unha forma de esquecer aos demais, pero creo que ninguén da asociación se molestará se dou os parabéns a Bernardo Porto, presidente de Solidariedade Galego Pobo Saharahui, un exemplo para todos os que nos movemos no ámbito da solidariedade.
Finalizo, unha vez máis pedindo: Xustiza para o Sáhara!