En novembro do 2022, trala vitoria electoral, Benjamín Netanyahu, encargado de nomear goberno acadou un primeiro pacto o cal recollía que o líder do partido Itzma Yehudit (Poder Xudeo), Itamar Ben Gvir, sería nomeado máximo responsable do Ministerio de Seguridade Nacional. Esta carteira, de nova creación, asume as competencias do antigo Ministerio de Seguridade Pública, que dirixe los corpos policiais en Israel, pero ampliadas co control da Policía Fronteiriza en Cisxordania, ata entón en máns de Defensa.
Itamar Ben Gvir, ultradereitista relixioso e controvertida personaxe, na súa xuventude foi seguidor do Kach (Así). Este movemento, fundado polo rabino Mehir Kahane que buscaba unha sociedade xudía pura, permaneceu na lista de Organizacións Terroristas Estranxeiras do Departamento de Estado de EE. UU. dende 1994 ata maio do 2022 ao considerar que «xa non se adica ao terrorismo».
No 2019, Itamar Ben Gvir declarou sobre a poboación árabe: «Os que sexan leais ao estado, ahlan wa sahlan [fórmula árabe de benvida] pero os que non o sexan deben ser expulsados». Esta medida non se facía extensiva aos palestinos que viven en Cisxordania que non recibirían a cidadanía israelí baixo ningún concepto. Ben-Gvir dixo tamén que existían «diferenzas de estilo» entre e a súa formación política e o partido de Meir Kahane.
Meir Kahane quería crear unha organización que transformase ao xudeu «débil e vulnerable», visión que cría amplamente estendida, nun «loitador poderoso, que contraataca ferozmente aos tiranos”. Con ese pensamento, emigra coa súa familia a Israel no ano 1969 tras permanecer recluído nun centro penal de EE.UU. en cumprimento dunha condena de doce meses por conspiración para a fabricación de bombas.
Kahane sostiña que a intención última dos palestinos era a expulsión do conxunto dos xudeus de Israel, en base a iso, consideraba que a única solución viable ao conflito palestino-israelí era a expulsión forzosa de todos os palestinos polo que en 1971 fundou o partido Kach (Así).
No ano 1981 publicouse unha das súas obras máis controvertidas «They must go» (Eles deben irse) no que deixa claro eu pensamento: «¿É que en Israel xa non hai un Deus? ¿Confundimos de tal maneira o valor das cousas que non comprendemos a función histórica do Estado de Israel, unha función que asegura que nunca poderá ser destruído e que xa non será posible un novo exilio da nosa terra? ¿Por que non comprendemos que é precisamente a nosa negativa para tratar cos árabes dacordo coa obrigación da Halajá [conxunto de leis relixiosas que deben rexir a vida dos xudeus] o que nos causará terribles sufrimentos, mentres que a nosa coraxe para eliminalos será un dos principais factores que conseguirán alcanzar a redención final?».
Nas eleccións parlamentarias de 1984 a formación política de Meir Kahane obtivo un asento na Knesset [Parlamento de Israel] tras acadar 25.907 sufraxios. No período no que participou na actividade parlamentaria, entre 1984 e 1988, Meir Kahane, propuxo a anexión de Cisxordania e Gaza, aumentar a presenza dos asentamentos xudeus mesmo no interior das cidades palestinas, a loita contra as formacións políticas láicas de esquerdas e a «transferencia» da poboación árabe, eufemismo no que se camuflaba a súa intención de expulsar á poboación palestina á que describía como «os nosos inimigos».
No 1988 a Comisión Electoral Central anulou a candidatura do Kach a Knesset e en 1989 membros do Kach crearon grupo terrorista denominado Sicarii, que tomaba o nome dos sicarios (os armados con dagas curvas) que combateron ao poder romano en Xudea entre os anos 6 e 73 a.n.e. Palestinos e xudeus de esquerdas foron obxectivos dos Sicarii.
O 5 de novembro do 1990, Meir Kahane impartía unha conferencia no hotel New York Marriott East Side á que asistían uns 70 compoñentes da Zionists Emergency Evacuation Rescue Operation. Ao final a charla, cando Kahane saudaba á concorrencia, un individuo ataviado coma un xudeu ortodoxo achegóuselle e abriu fogo a curta distancia realizando dous disparos cun revólver do calibre 357. O autor do ataque era Sayyid Nosair, que posteriormente sería condenado pola súa participación no atentado contra o World Trade Center neoiorquino en 1993.
Pouco tempo despois Meir Kahane falecía como consecuencia das feridas recibidas. Contaba con 58 anos de idade. A violencia da súa morte non extinguiu a implantación do seu discurso violento que sobreviviu ao seu creador.
Binyamin Ze’ev Kahane, fillo de Kahane e rabino ortodoxo fundou un grupo chamado Kahane Chai (Kahane Vive). A esta organización atribúeselle varios atentados mortais contra os palestinos sendo o maior deles o protagonizado por Baruch Goldstein quen asasinou en Hebrón no 1994 a 29 musulmáns, ferindo ademais a varias ducias. O atentado cometeuse na Mesquita de Ibrahim-Tumba dos Patriarcas, lugar sagrado para musulmáns, cristiáns e xudeus. A tumba de Goldstein, situada precisamente nun parque adicado a Meir Kahane no asentamento de Kiryat Arba, en Cisjordania, é lugar de peregrinaxe para extremistas xudeus . A súa figura tamén é obxecto de reverencia como acredita unhas declaracións de Michal Rozin, parlamentaria do partido Meretz na Knesset, quen en 2019, coincidindo co 25 aniversario da masacre de Hebrón, sinalaba que Itamar Ben-Gvir tiña na súa casa un retrato de Baruch Goldstein.
Como dixo o veciño Saramago:
«Hai un dito que é tan común como falso: O pasado, pasado está, cremos. Pero o pasado non pasa nunca, se hai algo que non pasa é o pasado, o pasado está sempre, somos memoria de nós mesmos e dos demais, neste sentido somos de papel, somos papel onde se escribe todo o que sucede antes de nós, somos a memoria que temos».