Sarkozy, de fracaso en fracaso

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Son moitos, e moi sinalados, os seus fracasos como gobernante e poucos os seus éxitos. O que, coas eleccións á vista, se ve que o pon fóra de si –algo para o que, no seu caso, non se precisa moito aguillón. É máis, o seu hiperactivismo vaise mudando a unha sorte de carreira atolada e sen fin.

Un dos seus maiores fracasos está no mal que acometeu a reforma constitucional de xullo do 2008, en especial en canto permite que calquera litigante impugne a constitucionalidade dunha lei que se procura anular, co que conseguiu que o Consello Constitucional  pasase de garante da constitucionalidade das leis a garda dos dereitos e as liberdades nos procedementos xudiciais, coa conseguinte complicación destes.

A policía séntese utilizada polo Xefe do Estado, ten que aturar o descontento sobre a custodia dos detidos e pensa que foi politizada por aquel. No tocante á xustiza puxo en contra del a todos os profesionais do dereito. E algunha das leis máis importantes (como a da custodia pola policía) foron modificadas polo Consello Constitucional.

A reforma do Estado, para reducir o gasto e o déficit, levou á perda e eliminación de catrocentos mil postos de traballo; e na orde social, de todos é coñecido que a sociedade refuga o aumento da idade legal para cobrar pensión, impoñendo ás persoas maiores que traballen máis. E a súa política europea é tan nacionalista como a de Angela Merkel, ou sexa, o menos europea que cabe imaxinar.

Con verdadeira torpeza política se encarou co tema da laicidade do Estado, creando problemas onde nos os había, e non digamos sobre o tema das identidade nacional. Diríase que ten unha certa capacidade natural ou innata para embarullar as cousas. Pero como os votos están pendurados dun cabelo, inxecta grandeur á súa política exterior  -acción  en Libia- e morbo rosa na súa vida doméstica –embarazo de Carla Bruni-, ao parecer dúas posibles fontes de votos.  Unha verdadeira tristura.