20070126 wef davos felipe calderon hinojosa

Seguros contra populismos

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Idiomas Galego
 Felipe Calderón Hinojosa, clic para aumentar
Nin sequera os baixos salarios laborais dos mexicanos son un seguro para a captación de investimentos internacionais, a fórmula máxica para construír a Calderolandia idílica. (Foto: Felipe Calderón durante a súa intervención no Foro Económico Mundial de Davos, o 26 de xaneiro de 2007).
 

O presidente de México, prometera, días antes de acudir ao selecto Foro de Davos, que ía traer 4.000 millóns de dólares en investimentos.

"México é un seguro contra dos populismos… México no caso de que non sexa a terra prometida, si é a terra do futuro… noutros países as actuacións do Estado afectan aos investimentos, como en Arxentina, Bolivia ou Venezuela" sentenciou no elitista Club.

Quizais foi a presión das súas promesas, ou a inexperiencia en asuntos internacionais, o que o levou a cometer excesos verbais que poden dificultar a súa inserción no emerxente mapa político latinoamericano.

Nese mesmo acto estaba presente como relator o presidente brasileiro, Luíz Inacio Lula da Silva, quen sentíndose aludido, axiña tomou a palabra para defender os procesos de cambio que están a vivir diferentes países de Latinomérica.

FCH (Felipe Calderón Hinojosa) foi branco dos mesmos argumentos teóricos que Lula leva esgrimindo na última década, no Brasil, contra FHC (Fernando Henrique Cardoso).

FCH retoma os vellos argumentos do Consenso de Washington, que fracasou na década dos 90. Argumentos que, coa perspectiva do ano 2007, non se sustentan nin dende a perspectiva económica.

En México a masa salarial é o 33% do PIB, exactamente a mesma que en 1961. A alimentación consume o 30% do orzamento familiar e o 20% da poboación concentra o 59,4% da riqueza.

A diferencia doutros países con presidentes acusados de populistas e citados por Calderón como Arxentina, Bolivia, Brasil ou Venezuela, durante os seus mandatos produciuse unha transferencia de riqueza cara aos sectores máis pobres, e unha recuperación do poder adquisitivo neses segmentos sociais, sen afectar negativamente as grandes liñas macroeconómicas das respectivas economías.

Pola contra, o país situado ao sur do Río Grande, a pesar de ser productor de petróleo, de recibir case 20.000 millóns de dólares anuais en remesas de emigrantes, está mergullado no medio dunha parálise económica, falta de circulante monetario, perda do valor do peso, consumo privado limitado, aumento do desemprego, inflación descontrolada especialmente nos productos básicos como a tortilla de millo, o leite… e incremento da pobreza.

Pasou máis dunha década dende o "tequilazo", o Crac económico de 1994, sen grandes convulsións nin sobresaltos de crises, pero sen conseguir reverter as vellas desigualdades, nin a crónica pobreza.

As optimistas previsións dun discreto crecemento económico do 3,8% para o 2007, non significarán un cambio de tendencias.Tampouco está prevista una reforma fiscal que contribúa a reforzar o papel do estado para investir en infraestructuras, servizos sociais e capital humano. Mentres en Brasil a recadación tributaria representa o 29% do PIB, en México a penas chega ao 10%.

Nin sequera os baixos salarios laborais dos mexicanos son un seguro para a captación de investimentos internacionais, a fórmula máxica para construír a Calderolandia idílica. Non poucas industrias mexicanas están a escoller para os seus investimentos, localidades fronteirizas situadas en EEUU como Edinburb, El Paso, McAllen ou Laredo en Texas, onde teñen mellores taxas financeiras para comprar inmobles, mellores infraestructuras, seguridade física e xurídica, menor corrupción e custes competitivos en electricidade, gas ou teléfono.

Calderón está a procurar na súa rolda internacional unha lexitimidade cuestionada polo difuso proceso electoral que o levou á presidencia, escurecida pola sombra de Oaxaca, estado no que unha misión internacional asegura que se aplicou unha estratexia policiaco-militar para amedrentar a poboación civil, e documentou 23 asasinatos ou varias desaparicións.

Se México reincide en modelos esgotados, cedo ou tarde, vai chegar un presidente que conduza un proceso de cambio que compaxine crecemento con redistribución.

A política económica de Calderón posta en práctica ate agora é un seguro para acelerar a chegada dun presidente cun perfil dos que define como populista.