Seísmo político en Belgrado

A rebelión serbia é o último empurrón a un réxime esmorecente. Non foi o resultado de tácticas de intelixencia sabiamente dispostas pola OTAN, senón a consecuencia dunha combinación de atrevemento político da oposición e ampla toma de conciencia do podredoiro en que se convertira o poder en Belgrado.

A pesar do fraude, as eleccións do pasado 24 de setembro evidenciaron o significativo recúo das forzas que apoian a Milosevic. Tanto nos comicios locais, como lexislativos, federais e ata nas eleccións provinciais en Voivodina, fixose evidente o amplo respaldo social da oposición. Nin o propio réxime foi quen de negalo. O cambio de escenario foi moi importante. Os radicais de Seselj e o Movemento de renovación de Draskovic foron varridos electoralmente. Na capital, Belgrado, a oposición obtiña cento cinco representantes dun total de cento dez. Draskovic, que viña controlando a capital, obtivo un único mandato. Seselj perdía Zemun, a única localidade que dirixían.Municipalidades tan significativas como Novi Sad, Kragujevac, Krusevac ou Nis, pasaban a mans da oposición. Nas eleccións lexislativas federais, o trunfo da oposición foi igual de abrumador, unicamente minorado polos resultados de Montenegro, onde os aliados de Milosevic obtiñan 47 escanos de 50 por mor do chamamento abstencionista do Presidente Djukanovic. Son cifras oficiais que evidencian o inmenso descalabro do réxime.

A maiores do desenlace final de Milosevic, Kostunica ten por diante outras incógnitas a despexar. En primeiro lugar, en Serbia, donde inicialmente debe cohabitar cun goberno e un parlamento controlado polos partidarios de Milosevic. En segundo lugar, en Montenegro e Kosovo, volcados no independentismo. Hoxe, formalmente, o poder federal é mínimo; o verdadeiro poder radica nas institucións republicanas. As posibilidades de renovar a política serbia nestas condicións son remotas. ¿Iniciarase un período constituínte? As próximas eleccións lexislativas en Serbia están previstas para o outono do 2001. Un horizonte demasiado lonxano.