nenos celebran evacuacion asentamento netzarim

Sharon e Gaza

 Resistencia xudea, clic para aumentar
Nenos palestinos celebran evacuación, clic para aumentar
No plano histórico, o plan de desconexión de Gaza ten similitude coa cesión da península de Sinaí a favor de Exipto en 1978 (para potenciar os acordos de Camp David) e a retirada militar israelí do sur de Líbano en 2000, baixo as ordes do entón primeiro ministro, Ehud Barak. Neste último aspecto, o grupo libanés Hezbollah atribuíuse coma unha victoria a retirada militar israelí tras 18 anos de presenza. Hoxe, o grupo islamista palestiniano Hamas contempla un cálculo similar en Gaza, aínda que a súa dirixencia amosa unha posición mais prudente. (Fotos: 1. Tropas israelíes asaltan un dos últimos bastións da resistencia xudea na Franxa de Gaza. 2. Nenos palestinos celebran a evacuanción do asentamento de Netzarim).
 

A "realpolitk" de Ariel Sharon obriga a tomar en consideración perspectivas ata agora impensables no conflito entre palestinianos e israelís. Que o principal instigador e protector do movemento dos colonos xudeus na franxa de Gaza sexa agora o encargado de rematar coa presenza israelí neses asentamentos, non amosa un sinxelo cambio de actitude senón de tácticas e estratexias, propias da natureza militar.

A histórica retirada dos colonos israelís de Gaza e partes de Cisxordania constitúe unha cuestión clave para determinar o futuro das relacións entre palestinianos e israelís e dos mecanismos políticos para a consecución da paz. Cómpre ter en conta que a decisión de Sharon (tan unilateral que se fixo sen consultar coa Autoridade Nacional Palestiniana), contou cun maioritario consenso dentro da sociedade israelí e, paradoxalmente, da comunidade xudea de EEUU, a principal fomentadora do sionismo e dos colonos xudeus.

Isto significou unha traumática derrota para o movemento político dos colonos, cun apoio político que provén dos sectores máis relixiosos e da ultradereita israelí. A modo preliminar, a decisión de Sharon evidenciou a necesidade de impoñer os referentes laicos sobre os imperativos relixiosos dun movemento dominado polo rabinato. Neste sentido, os prognósticos catastrofistas dunha posíbel "guerra civil" interna mostraron a súa debilidade.

Pero tamén é certo que esta realidade non asegura a solución do problema dentro da sociedade e na política israelí. Aínda queda por saber se esta medida pasará ou non factura política a Sharon, de cara ás eleccións do próximo ano. Polo de agora, a renuncia ministerial de Binyamin Netanyahu, en expresión de apoio á causa dos colonos, define un novo escenario político e electoral.

Pola súa banda, os palestinianos (que coñecían a decisión de Sharon a pesar de non ser consultados), observan cunha mestura de esperanza e escepticismo a retirada israelí, entre escenas de xúbilo polo retorno a Gaza. Recuperan un territorio do que foran desaloxados hai 38 anos, durante a Guerra dos Seis Días, pero a realidade política amosa un escenario distinto: os obxectivos israelís concentranse agora no reforzamento das súas posicións en Cisxordania (onde habitan 240.000 colonos) e Xerusalén, reubicando nestes territorios aos colonos desaloxados de Gaza.

Con esta táctica, Sharon asegura a obstrución da viabilidade futura dun Estado palestiniano e provoca un novo reacomodo demográfico que lle permita iniciar negociacións en termos mais asequíbeis aos intereses israelís. Pola súa banda, os colonos xudeus recibiron entre 200.000 e 300.000 dólares de compensación dun plan de desconexión cun custe de 2.000 millóns de dólares para o Estado israelí.

No plano histórico, o plan de desconexión de Gaza ten similitude coa cesión da península de Sinaí a favor de Exipto en 1978 (para potenciar os acordos de Camp David) e a retirada militar israelí do sur de Líbano en 2000, baixo as ordes do entón primeiro ministro, Ehud Barak. Neste último aspecto, o grupo libanés Hezbollah atribuíuse coma unha victoria a retirada militar israelí tras 18 anos de presenza. Hoxe, o grupo islamista palestiniano Hamas contempla un cálculo similar en Gaza, aínda que a súa dirixencia amosa unha posición mais prudente.

A razón débese ás posíbeis ganancias políticas para Hamas unha vez se completara a retirada militar e dos colonos israelís de Gaza. Este territorio é o berce do grupo islamista e onde manifesta maior fortaleza e popularidade. A desigual distribución demográfica e socioeconómica dun territorio de 362 km2, ata agora dominado polos privilexiados colonos xudeus, e onde habitaban 1,3 millóns de palestinianos, roldando o limiar da pobreza, pode verse agora afectada pola chegada de milleiros de refuxiados palestinianos dende Xordania e Exipto. Estes gobernos tamén observaron con agrado a retirada israelí de Gaza porque, coa saída dos refuxiados palestinianos, minoran un agudo problema social.

O "factor Hamas" revela tamén outra clave do plan de desconexión de Gaza: os líderes do movemento islamista aceptaron participar nas eleccións lexislativas palestinianas, en principio previstas para xullo pasado pero postergadas para xaneiro de 2006, ante o plan de retirada dos colonos xudeus. Esta decisión non equivale a unha vontade do movemento de finalizar os atentados contra obxectivos israelís. Velaí o seu baixo perfil durante a retirada israelí de Gaza, mantendo unha actitude de espera vixilante.

Para o presidente palestiniano Mahmud Abbas, o plan de desconexión en Gaza permitiulle gañar tempo ante o que sería unha case segura derrota do seu partido, Al Fatah, nos comicios lexislativos de xullo. Ao aplacar a Hamas e atraelo ao circuíto político interno, a posición de Abbas tamén se reforza de cara á comunidade internacional. Pero o descontento e a frustración da poboación palestiniana vai en ascenso e xa hai quen avisa da aparición dunha "terceira intifada" pero, nesta oportunidade, non contra Israel senón contra os dirixentes da Autoridade Nacional Palestiniana.