sherezade

Sherezade

Discurso na entrega do III Premio Mundiario de Xornalismo, Oleiros, 23 de xaneiro do 2025.
Palabras chave Galicia feminismos

“O meu temperamento non é social. Dáseme moi ben estar soa ou en pequenos espazos de afecto e confianza e cústame actuar con xente descoñecida ou en eventos masificados … Gábome dicindo que eu fun moi pouco muller. Aínda hoxe, cando o feminismo é xa unha vaga imparable que se espalla por todo o planeta, esta afirmación ten o seu aquel de provocación e rebeldía…” Así pensaba María García, a protagonista da novela Os anos tranquilos, de Llerena Perozo Porteiro, e dela me sirvo para sintetizar a percepción de tantas mulleres que non saben que ser “moi pouco muller” equivale case sempre a ser “moi feminista”, pois este concepto puxo as cousas no seu sitio. Rachou co estereotipo marcado pola cultura masculina e abriu as portas a todas as formas posibles de sermos mulleres “saídas do marco”.

Será por iso, talvez, que este esgrevio e xentil xurado fíxome a honra de outorgarme este III Premio Mundiario de Xornalismo, que agradezo de corazón e cunha certa sensación de infiltrada nun Parnaso onde xamais pensei que podería estar (xa saben) polo coñecido Síndrome da impostora. 

Daquela, fico ben agradecida a un proxecto tan ilusionante e coherente como Mundiario, representado polo seu editor, director e amigo benquerido, José Luis Gómez con quen levo tantos anos compartindo e colaborando nos seus proxectos editoriais, e aos membros do Xurado:  

O meu colega, economista e vicepresidente da Fundación EuroAmérica, Carsten Moser. 

O catedrático emérito da Universidade da Coruña –especialmente querido– Fernando González Laxe. 

A miña admirada e prezada amiga, María Cadaval Sampedro, profesora de economía da Universidade de Santiago. 

A Santiago Lago Peñas, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela. 

Aos meus colegas Antonio Sangiao, adxunto ao Editor; Judith Muñoz, directora de Mundiediciones, e a Mónica Martínez, adxunta ao Editor, secretaria do xurado, e magnífica condutora deste acto. 

Agradecida, pois, a todas as persoas que promoveron e se solidarizaron con esta decisión, e con quen hoxe nos acompañades, vou entrar en materia sen máis protocolos, e comezar a disparar falando da materia sobre a que máis teño traballado no meu labor como xornalista: o feminismo e a defensa da verdade. Fágoo baixo a premisa de que máis feminismo equivale a máis democracia, e de que se non reaccionamos contra a mentira e as manipulacións que as novas tecnoloxías da información e comunicación impoñen, imos cara a desaparición das sociedades humanitarias.

Manuel Castells, ex ministro, sociólogo e catedrático da Universitat Oberta de Catalunya, dicía xa en 2019, que o ascenso da ultradereita en Europa e o continente americano no seu conxunto responde a un obxectivo predeterminado de restaurar o patriarcado tradicional, eliminando os dereitos das mulleres, nun proxecto coordinado e financiado por unha rede de millonarios xenófobos e racistas que ven nel a súa derradeira esperanza de supremacía. E eu, acredito.

A reflexión sobre a relación que as mulleres vimos mantendo co pensamento, a súa elaboración, expresión e difusión a través da palabra oral e escrita no discurso público, onde o xornalismo é a actividade máis representativa e visible deste fenómeno, vén motivada pola constatación de que no decurso da Historia a nosa participación e intervención nos ámbitos colectivos estivo prohibida e penalizada, e, como causa e consecuencia directa e primordial, estivemos excluídas da esfera pública e da posibilidade de coñecer e procurar as ferramentas e as habilidades discursivas imprescindibles para a comunicación e intervención social. 

Daquela, na historia do pensamento e da súa expresión a través da palabra oral e escrita, apenas apareceron ata hai ben pouco –en termos históricos–, exemplos de mulleres. Para a construción dun discurso público propio foi preciso conquistar o dereito á educación e a normalización do acceso á expresión oral, literaria, artística, como pasos previos á máis recente participación no ámbito da moral (laica ou relixiosa), do coñecemento, a cultura, a economía, o mundo laboral e a política. Ou o que é o mesmo: da influencia, do prestixio e do poder. Só nos dous últimos douscentos anos produciuse un cambio que muda radicalmente as sociedades e se consolida cando as mulleres comezamos a participar na construción dun discurso incluínte de, e desde o xénero, nos incorporamos –a empurróns– ao escenario público (ese onde desenvolvín toda a miña carreira profesional como parte dunha minoría ben escasa de compañeiras). Chamo a atención sobre este punto porque, se ben o feminismo é a nova revolución en marcha, unha das barreiras máis resistentes a mudar é a linguaxe, esa materia coa que no xornalismo facemos o noso traballo. Se só fose por razóns lingüísticas, o debate estaría gabiado porque hai camiños para abordalo, pero na súa persistencia está a discriminación que consolida o feminino como secundario respecto do masculino.

Os gardiáns do templo da misoxinia aseguran que a lingua non pode cambiar, pero o galego, o portugués ou o español que hoxe falamos 800 millóns de persoas, son a proba de que si. Cando convén, as súas academias incorporan sen dificultade estranxeirismos, vulgarismos, ou adaptacións territoriais como o español-arxentino. E por que? Pois pola forza da evidencia de que o que non se nomea, non existe. Cando actividades consideradas femininas son asumidas por varóns, masculinízanse axiña e, mesmo, revalorízanse: modisto, cociñeiro, enfermeiro. Pero cando comezamos a falar de médicas, xuízas ou enxeñeiras saltan os resortes que nacen da idea de que o feminino se crea a partir do masculino (Eva é creada dunha costela de Adán), conferíndolle ao varón a primacía para as actividades que se desempeñan fóra das paredes do fogar. Velaí a  resistencia a incorporar unha linguaxe adaptada as novas realidades sociais, pois as linguas romances permiten a flexión de xénero. Mais, se se lle poñen límites por prexuízos sociais ficaremos con linguas fosilizadas, estáticas, inflexibles.

Constátase unha reacción revulsiva contra o feminismo. Asistimos a unha campaña de descualificación e aniquilamento como se houbese unha homologación do feminismo co machismo, como se estivésemos a considerar só unha variante nominal dunha mesma actitude en sentido inverso. Isto acontece coa colaboración eficaz e necesaria da cultura de masas (e das Academias) que difunde e fai penetrar a idea do feminismo como entelequia e a normalización da violencia por resposta. É preciso e urxente contrarrestar a misoxinia como algo xeneralizado e aceptado socialmente, tanto cando se dirixe contra persoas individuais, unha a unha –con consecuencia de violencia que pode chegar ata o asasinato– coma cando se dirixe contra o que somos socialmente, o que somos como xénero, tentando amortecer un proxecto que se rebela contra a estrutura de poder predominante desde o principio dos tempos.

Un xeito de agresión que non sempre se percibe desde fóra é a dificultade para accedermos á praza pública, os atrancos para participarmos na elaboración das ideas e na emisión dos discursos que as reflicten. Non é por acaso, pois a nosa falla de visibilidade está no cerne das causas aceptadas para a violencia de xénero e produce, en consecuencia, unha morte social. Unha exclusión histórica da esfera pública que nos encheu de inseguridades, nos privou de modelos, limitou as nosas posibilidades de adquirir experiencia e impediunos ter a preparación e o adestramento naturais que reciben desde a nenez quen son educados para gañar, competir, e ser líderes. Xogamos, polo xeral, cunha fonda desvantaxe comparativa. Daquela, ademais de nos reclamar como seres individuais, precisamos facelo tamén como representantes dun xénero que nunca máis aceptará perpetuarse no secundario, no residual -mesmo, invisible- sabéndonos capaces e capacitadas para ocuparmos as rúas e as tribunas e para nos reclamar como mulleres públicas, mudando o sentido pexorativo que o dicionario lle dá a esta circunstancia, tan honorable cando se aplica a un varón.

As importantes lexislacións democráticas para garantir a non discriminación por razón de sexo que marcan as Constitucións non abonda para resolver a inxustiza da desigualdade. Se ben é certo que as ideas feministas atopan, máis doadamente, espazo e complicidade nas ideoloxías chamadas progresistas, as formacións deste espectro ideolóxico non se libran de comportamentos machistas no seu día a día: menor visibilidade, manipulación, paternalismo e dificultade para que as mulleres gañemos experiencia política por utilizársenos como recambio das cotas femininas. Confírmase a tendencia a dar paso a liderados femininos en situacións de crise cando o éxito semella pouco probable, e confírmase tamén que nesas situacións adoita acontecer que a solución pasa por mulleres que se poñen á fronte sen suscitar entusiasmo das clases dirixentes. E compre reflexionar, tamén,  sobre a dureza -e mesmo falla de sororidade ou empatía- con que as mulleres políticas adoitan atoparse ao seren xulgadas polas compañeiras que, militando ou non, se consideran feministas.

Os datos son impresionantes: Na Asamblea Parlamentaria do Consello de Europa dos once postos representativos, todos están ocupados por homes. Chegaron a ser cinco as mulleres que tiveron algunha presidencia ademais da Secretaría Xeral do Consello que fora a segunda muller en ocupar este cargo. Foron mulleres (e por vez primeira) a Presidencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, a Comisaría de Dereitos Humanos, a Representación especial sobre migración e refuxiados, e Eurimages… Pero falábamos en pasado porque a nula presencia de mulleres nos postos de máis poder na institución, está a acontecer agora, cando se veñen de facer 75 anos da creación deste organismo e se homenaxea a 75 mulleres que traballaron na organización nese tempo. No relevo dos once postos de dirección houbo homes que substituíron a outros homes máis ningunha muller sucedeu a outra muller ou a ningún un home. Daquela, desde decembro de 2024, dáse o caso insólito de que  todos os representantes das institucións e os once cargos máis importantes están ocupados por homes [1].

Compre lembrar o camiño percorrido e as súas innegables dificultades. A cuarta vaga do feminismo, que se sitúa en 2018, e o estoupido de mobilizacións en todo o mundo cando o 8 de marzo, retransmitidas por todos os medios de comunicación en simultáneo, mostraron a millóns de mulleres de todas as etnias, nacionalidades e circunstancias coreando as mesmas consignas. Era un fenómeno inédito na historia das grandes transformacións sociais que podemos considerar revolucionarias, porque, en efecto, estamos perante unha revolución: a feminista, entendida -si- como movemento transformador, e non como unha guerra que procure a aniquilación de ninguén. Porén, está sendo contrarrestada cunha durísima resposta -tamén globalizada- para evitar que academos o noso obxectivo de subverter a poderosa –mais caduca– orde patriarcal. Unha orde que é, tamén, un fenómeno mundializado que non entende de ideoloxías, de sistemas nin de réximes. Hai múltiples manifestacións do retroceso simultáneo dos dereitos humanos das mulleres nas reformas contra os nosos dereitos. Véxanse Estados Unidos, Hungría, Polonia, Irán, China, Corea do Norte, Rusia… ou, máis recentemente, o recruar en países como Afganistán onde se nos prohibe falar en público.

A isto únese o imperio da tecnoloxía da mentira e da desinformación. Asistimos nestes momentos ao reforzamento das ideoloxías ultra conservadoras que atopan no feminismo un dos principais inimigos a exterminar co case imbatible recurso das novas tecnoloxías da información e da comunicación, auténticos clústeres internacionais cun poder económico e político incomparables. É a chamada “trampa do clic” que explica as alarmantes verdades que se esconden tras a economía da publicidade e a programación dixital, valorada en centos de miles de millóns de dólares, e amosa o impacto transcendental que esta ten nas nosas vidas, tanto dentro como fóra da Internet. A nova tecnoloxía publicitaria, monopolizada polas grandes empresas tecnolóxicas, converteu o odio e a desinformación nunha oportunidade de negocio rendible, da que tamén se aproveitan ciber estafadores e politicastros de todo o mundo. A pregunta é se saberemos construír no futuro un modelo informativo e publicitario dixital máis seguro, xusto e transparente, cando a verdade deixa de ser o fundamento de ambas accións e a mentira se consolida coma un recurso aceptable e aceptado.

Xa nos anos 70 a filósofa Hanna Harendt advertía de que «o obxectivo non é facer que a xente crea unha mentira, senón garantir que xa ninguén crea en nada» e que «un pobo que xa non pode distinguir entre a verdade e a mentira non pode distinguir entre o ben e o mal». Que «un pobo privado do poder de pensar e xulgar, está, sen sabelo nin querelo, completamente sometido ao imperio da mentira”.  Con xente así -dixo Harendt- podes facer o que queiras.

Velaquí o grande reto da nosa profesión nesta altura. Os mediadores entre a política e a sociedade somos, en grande medida, as xornalistas, os comunicadores, quen utilizamos esas novas ferramentas que se conciben –non só– para idiotizar e manipular. Rebatamos, ata o esgotamento, a mentira que considera unha ameaza a liberación e os dereitos das mulleres, a que consolida a división da sociedade en favorecidos e desclasados, a que aplaude o negacionismo do cambio climático, a quen consideran que os transmigrantes, os máis pobres, son unha ameaza para as sociedades privilexiadas, e non deamos eco a idea de que que mentir constantemente non ten como obxectivo facer que a xente crea unha mentira, senón garantir que xa ninguén crea en nada, que non poda distinguir entre o ben e o mal, porque un pobo así, privado do poder de pensar e xulgar, está, sen sabelo nin querelo, completamente sometido ao imperio da mentira. Cun pobo así poden facer o que lles pete.

Hoxe, máis ca nunca, temos de defender a igualdade de dereitos para todos os seres humanos, de calquera sexo, raza, orixe, condición… e denunciar, excluír e rematar cos delincuentes que gardan os tesouros gañados con estafas e mentiras, nas covas tecnolóxicas dos ladróns de Alí Babá, porque, como advertiron Victoria Camps e Luis Antonio Espino, “a falta de castigo aos gobernantes que menten erosiona a confianza pública e fomenta unha cultura de impunidade porque a mentira como arma do poder, é especialmente perigosa en contextos populistas, onde se utilizan sistematicamente para dividir e confundir á sociedade”.

Dito o cal, deixo enriba da mesa de quen estades en exercicio profesional, o fixardes isto como unha prioridade nas investigacións académicas, no traballo informativo, nos debates laborais, na preocupación dos sindicatos e corporacións profesionais, pois, do contrario, en pouco tempo xa non poderemos facer acontecementos coma estes porque, malgrè nous, non teremos nada que celebrar. A non ser que sexamos quen de darlle a volta á Historia e, como Sherezade, cando a luz do abrente nos sorprenda, rematemos as nosas historias dicindo: “Se a próxima noite aínda sigo con vida e a súa maxestade, o Rei, dáme permiso, contareivos o resto que é moito máis sorprendente aínda…”


[1] 1/ Secretario xeral. 2/ Secretario xeral adxunto. 3/ Presidencia do Comité de Ministros (Presidencia luxemburguesa). 4/ Presidencia da Asemblea Parlamentaria. 5/ Presidencia do Congreso de Poderes Locais e Rexionais. 6/ Presidencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH). 7/ Comisario de Dereitos Humanos. 8/ Presidencia da Conferencia de NGOs. 9/ Representante Especial sobre Migración e Refuxiados. 10/ Representante especial sobre a intolerancia relixiosa e os delitos motivados polo odio antisemita e antimusulmán.

Podes ver fotografías do evento na web de Mundiario