A serie "Abraiante Galicia" achega desde os ollos de Isabel Stanganelli, espazos, historias e outros elementos que non deixarán de causar asombro. Arredor das conexións de Galicia co resto do mundo...
Cruceiro do Burgo (SXVI, Pontevedra) Fonte: Wikiepdia, Autor: Juan Mejuto

Abraiante Galicia (VIII) Símbolo das terras galegas: os cruceiros

Ao pouco tempo e ao meu paso por Melide, no Camiño francés como peregrina, souben por un grupo de camiñantes que alí podía contemplar o cruceiro máis antigo en pé de Galicia. Confeso que non sabía moito sobre eles nese momento. Este cruceiro, erixido ao redor do ano 1300, contaba cun crucifixo nun lado e a Virxe María no outro.
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Palabras chave Galicia cultura Cruceiros

Por definición, os cruceiros son construcións moi específicas, orixinalmente obra de destacados canteiros. Contan cunha base ou pedestal, un fuste ou columna e sobre ela un capitel. Nestes compoñentes adoitan atoparse decoracións ou símbolos relixiosos. Na parte superior destaca a cruz como elemento central, xeralmente acompañada pola Virxe María ou outra figura relixiosa1.

Pero é o seu significado o que os transforma nun elemento único na paisaxe galega. Se se atopan en cruces de camiños podía ser indicio da fe imperante no territorio ao que se ingresa. Pero non só existen en roteiros ou carreiros. A súa presenza noutras localizacións adoita estar relacionada cunha perda dolorosa, un pedido ou un agradecemento ante un milagre. Son frecuentes en pazos, aldeas, cemiterios, igrexas, prazas, como testemuño da fe maioritaria en Galicia. Expertos nestas manifestacións artísiticas e relixiosas documentaron a existencia duns 10.000 cruceiros públicos en Galicia coas súas respectivas localizacións xeográficas e sinalan que esa cifra podería facilmente verse duplicada de terse en conta cruceiros privados2. Adoitan ser centro de cerimonias e encontros locais.

As construcións modernas tamén son parte da cultura galega pois xeralmente son obra de destacados escultores locais como Francisco Pazos Martínez. Un lugar relevante en canto a novos cruceiros dentro e fóra de Galicia está reservado á prolífica Escola de Canteiros de Poio.

Ante tan arraigada tradición pregunteime se a importante diáspora galega no mundo replicaba estes testemuños para lembrar as súas raíces. Comecei a lembrar a presenza destas construcións en Buenos Aires-Arxentina (en Terra do Lume atópase o cruceiro máis austral do mundo, de granito galego e con cinco metros de altura) e en Montevideo-Uruguai. E de súpeto como en abano despregouse diante de min a existencia de cruceiros en moitos países do mundo. Cuba, os Estados Unidos (Alaska, Nova York, Miami), México, Venezuela, Brasil, Suíza, Filipinas. Onde se instalou unha comunidade galega, houbo polo menos un cruceiro -aínda que non sempre puido mostrarse publicamente-. Obviamente a existencia destes testemuños da identidade galega no mundo garda relación coa relixión do país de acollida da diáspora galega. Existen menos obstáculos para erixilos en países que contan con poboación católica.

O máis notorio cruceiro dos últimos tempos atópase en Miami. É o máis alto do mundo, mide 8,79 metros e trátase dunha réplica en granito do cruceiro do Hío de Cangas de Morrazo, construído en Galicia por Santiago Besada e trasladado 6.640 km a través do océano Atlántico ata o seu emprazamento actual. Representa a Cristo desencravado da cruz e entregado a San Juan, a Virxe María e María Magdalena 3. Este cruceiro é unha homenaxe da comunidade galega do Estado de Florida con motivo do ano Xacobeo 2021/22, inaugurado en novembro 2023.

Nota do autora: “Non recibín ningún tipo de compensación (financeira ou doutro tipo) por escribir este artigo, non teño ningunha conexión material coas marcas, produtos ou servizos que mencionei e a miña opinión é independente”.


  • 1 Pódense atopar estruturas similares en Portugal, os “calvários” e as “cruces de termo” noutras partes de España.
  • 2 Para información detallada véxase www.cruceirosdegalicia.xyz
  • 3 Trátase do primeiro cruceiro desencravado localizado fóra de Galicia.