rm stop israel nuclear

Stop Israel Nuclear

rm stop israel nuclear
Planta nuclear de Dimona, no deserto do Néguev (Israel)

Diversos colectivos galegos reunidos na plataforma “Stop Israel Nuclear” están actualmente impulsando unha campaña global que ten como obxectivo central conseguir que o Consello de Seguridade das Nacións Unidas esixa ao Estado de Israel a apertura das súas instalacións nucleares e súa a inspección por parte da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA).

Esta campaña en rede e de carácter horizontal focalízase na recolección de apoios a fin de axilizar os trámites necesarios para elevar esta petición ante a Asemblea Xeral e o Consello de Seguridade da ONU. O seu seguimento e actualización estará recollida na súa páxina web: www.stopisraelnuclear.org, baixo o lema “Un millón de voces na ONU”, coa intención de alcanzar un millón de firmas para a petición.

O momento e obxectivo desta campaña luce oportuno, tomando en conta a intensificación dunha eventual proliferación nuclear en Oriente Próximo, en especial con relación ás presións da AIEA, de EUA e Israel contra o programa nuclear iraniano. Esta presión revela os alicerces dunha política de marcada ambigüidade por parte da ONU e Occidente co respecto aos programas atómicos de dous rivais xeopolíticos na rexión, como son os casos de Israel e Irán.

As orixes: a “doutrina Ben Gurión”

Desde comezos da década de 1960 existe unha implícita ambigüidade sobre o programa nuclear israelí. Se ben a comunidade internacional e determinadas declaracións públicas de altos cargos israelís revelan que este país posúe capacidade atómica emanada da construción da súa central nuclear en Dimona, oficialmente o Estado de Israel mantén unha velada política de silencio sobre o seu programa nuclear.

O influente think tank Stockholm International Peace Research Institute (SIPRI) recoñece a Israel como un “Estado con armas nucleares non declaradas” e con capacidade atómica militar suficiente. A diferenza de Irán e Corea do Norte, e ao igual que outras potencias nucleares “declaradas” como India e Paquistán, Israel nunca asinou o Tratado de Non Proliferación Nuclear creado en 1968 e que entrou en vigor a partir de 1970. Na actualidade, e segundo diversas fontes, se cre que Israel posúe 200 mísiles nucleares tácticos.

Por tomar un exemplo que certifica como Israel posúe e desenvolve un programa nuclear desde fai máis de cinco décadas, o semanario alemán Der Spiegel, na súa edición de comezos de xuño de 2012(1), revela que xa desde 1961 a entón República Federal de Alemaña estaba informada dos plans atómicos israelís e que esa relación segue vixente ata hoxe.

Esta reportaxe informa dunha reunión en 1977 entre o entón chanceler alemá, o socialdemócrata Helmut Schmidt, e o ministro israelí de Exteriores, o mítico xeneral Moshé Dayán, onde se abordaron cuestións de carácter nuclear. Considerase nesta reportaxe que Berlín “coida con atención especial as súas relaciones con Israel  como parte da súa responsabilidade histórica cara ese Estado, e observa así mesmo unha extrema cautela fronte a calquera crítica a súa política”(2).

Os plans nucleares israelís cobraron forma entre as décadas de 1950 e 1970, principalmente a partir da visión do presidente e fundador do Estado de Israel, David Ben Gurión, de proverse dun programa nuclear avanzado de seguridade nacional para lograr manter “á raia” aos seus “hostís” veciños árabes. Por tomar un exemplo, en 1952 creouse a Comisión Israelí de Enerxía Atómica, encargada de levar a cabo unha cooperación secreta con Francia no relativo á transferencia de tecnoloxía nuclear(3).

Esta perspectiva de Ben Gurión confirma a tese do historiador revisionista israelí Avi Shlaim(4) sobre a preservación da doutrina de seguridade nacional coloquialmente denominada en Israel como “O Muro de Ferro”, unha visión que serviu de baluarte para a consolidación do Estado israelí e da necesidade de asegurarse a súa superioridade militar co respecto ao mundo árabe.

Estes plans nucleares israelís xa definidos en tempos de Ben Gurión contaron coa total anuencia de Washington, particularmente a través do goberno de John F. Kennedy. Ben Gurión observaba a EUA como un aliado estratéxico e militar esencial para Israel, co cal afanouse persoalmente en forxar unha relación inquebrantable que perdura ata o día de hoxe.

Un momento chave da concreción desta relación entre EUA e Israel foi a visita a Kennedy realizada pola entón ministra israelí de Exteriores, Golda Meir en Palm Beach (Florida) en decembro de 1962(5). Non obstante, xa desde 1960 algúns diarios estadounidenses, como The New York Times, así como o británico Daily Express, informaron que un “Estado non comunista” nin pertencente á OTAN desenvolvía un programa nuclear, identificando así a Israel(6), e que o mesmo contaba coa cooperación de Francia.

Compre salientar que a preocupación nuclear israelí e a concreción da súa relación estratéxica con Washington coincidiu nos momentos mais álxidos da “guerra fría”, tras a Crise dos Mísiles de Cuba (1962) e dentro dunha conxuntura en Oriente Próximo que identificaba a asunción do “panarabismo” impulsado dende Exipto polo presidente Gamel Abdel Nasser, e a súa consabida hostilidade cara Israel.

Por tanto, o desenvolvemento do programa nuclear israelí xa estaba en marcha. Tras coñecerse mundialmente a información en The New York Times, o propio Ben Gurión negou ante o Knesset ou Parlamento israelí que Israel estiveran construíndo un reactor nuclear con fins militares. As súas palabras foron reproducidas en 1963 polo entón ministro de Defensa Shimon Peres, actual presidente de Israel, quen informou que o seu país non sería o primeiro en introducir un programa nuclear en Oriente Próximo(7).

En realidade, todos estes desmentidos ocultaban a veracidade de que Israel estaba levando a cabo un programa nuclear. Foi entón a partir de 1968, durante o goberno de Golda Meir en Tel Aviv e de Richard Nixon en Washington, cando ambos países decidiron apoiar a concreción do programa nuclear israelí e manter a “doutrina do silencio” e da ambigüidade vixente ata hoxe(8).

Documentos recentemente desclasificados en Washington confirman que a CIA xa sabía que Israel construía unha central nuclear en Dimona desde 1958 e que, a partir de 1961, a central de intelixencia estadounidense consideraba que ao longo desa década, Israel tería finalizado ou ben avanzado o seu programa nuclear. Estas revelacións foron traducidas a través de diversos memorandos enviados en setembro de 1969 polo entón director da CIA, Richard M. Helms, e o secretario de Estado do goberno Nixon, Henry Kissinger(9), e que igualmente confirmaron, especialmente a partir de 1970, a non disposición israelí para asinar o Tratado de Non Proliferación Nuclear (TNP) de 1968.

Pero existe outra proba mais contundente sobre a existencia do programa nuclear israelí: a famosa polémica suscitada pola detención de Mordejai Vanonu, xudeu de orixe marroquí ex técnico do reactor de Dimona, quen desertou de Israel a Gran Bretaña e desvelou os segredos do programa nuclear israelí ao diario británico Sunday Times, entre eles que o Estado israelí podería posuír entre 100 e 2.000 oxivas nucleares(10). Vanonu foi secuestrado en Roma polo Mossad, o servizo israelí de intelixencia, e condenado en 1988 a 18 anos de prisión por espionaxe(11). Foi finalmente posto en liberdade en 2004.

A carón do “caso Vanonu”(12), Occidente e especialmente EUA, certificou a realidade de que Israel constituía unha potencia nuclear pero coidou de manter a súa cooperación co Estado israelí no relativo a preservar o silencio sobre o mesmo, a tenor dos imperativos de seguridade de Israel. O temor israelí era precisamente que o mundo árabe, e particularmente Irán, lograran facerse cos servizos e as revelacións de Vanonu.

O silencio sobre o programa nuclear israelí

Esta doutrina de persuasión e contención cara os países árabes emanada por Ben Gurión consolidou e ampliou a ambigüidade israelí co respecto ao seu programa nuclear, determinada polo que o profesor Avner Cohen, da Universidade de Maryland (EUA) denomina unha “estratexia profunda”(13) orientada a preservar a integridade nacional israelí.

Segundo Cohen, “Israel ten un monopolio (nuclear) silencioso no Medio Oriente. Esta política permitiu a case todos esquecerse deste tema e creou no mundo árabe a percepción de que con Israel non se pode. Esta política israelí deu un resultado fenomenal e logrou o seu obxectivo: preservar a superioridade e por ende a existencia de Israel na rexión”(14) así como a percepción a nivel mundial de que Israel non utilizará estas armas nucleares “a excepción de casos extremos na que vea ameazada a súa existencia”(15).

A pesar do éxito desta política de ambigüidade, Cohen considera que “Israel é o único país nuclear que nega con insistencia o seu status e trata o tema como un secreto inmodificable”(16), argumentando incluso que en Israel nunca houbo debates públicos serios sobre o seu programa nuclear, así como da eventual utilización do seu arsenal atómico en tarefas defensivas.

No escenario rexional actual, en especial ante o pulso occidental e israelí contra o programa nuclear de Irán, este persistente silencio oficial e a perspectiva de ocultar ante o mundo o seu programa nuclear “contradín a esencia democrática de Israel e, no rexional, lle da escusas a Irán para marchar por un mesmo e exclusivo camiño”(17), fomentando dalgunha forma e indirectamente a proliferación nuclear en Oriente Próximo.

Incluso, en Israel existe preocupación sobre o estado do seu aparentemente único reactor nuclear, o de Dimona, localizado no deserto do Néguev e que data a súa creación entre 1962 e 1964. Ao non asinar o TNP, Israel non ten dereito a acceder á compra de certos insumos nucleares debido a que o seu reactor de Dimona non está suxeito a supervisión internacional, un aspecto que afectaría outras áreas de desenvolvemento do programa nuclear israelí, como a medicina, a agricultura, a xeoloxía e especialmente a enerxía(18).

Aínda que o tema nuclear en Israel non se tratara a través dunha discusión pública con seriedade e profundidade, incluso manexándose como un “tema tabú”, é salientable considerar que existen pequenas voces académicas e grupos cívicos disidentes que demandan a suspensión do programa nuclear israelí e a súa supervisión por parte das organizacións internacionais.

A tensión nuclear en Oriente Próximo

Este misterio sobre o programa nuclear israelí acrecenta as tensións existentes en Oriente Próximo, principalmente por parte iraniana. Se ben Teherán defende oficialmente que o seu programa nuclear ten fins científicos e non militares, o cadro xeopolítico que se presenta para o país persa na súa contorna entre Oriente Próximo e Asia Central da conta dunha paulatina política de presión militar cara as súas fronteiras que, en clara perspectiva militar, acentuaría a necesidade de proverse dun programa atómico de defensa.

Estes factores de tensión e presión exterior cara Teherán se identifican na presenza da OTAN en Turquía; na intervención militar de EUA e dos seus aliados en Iraq e Afganistán; no acordo nuclear entre EUA e a India (2006) e as súas respectivas tensións cara Paquistán e China; na presenza naval militar estadounidense no Golfo Pérsico; e no tácito apoio de Washington por manter a política de “ambigüidade e silencio” co respecto ao programa nuclear israelí.

Como válvula de escape con incertas e ata agora infrutuosas repercusións a nivel internacional, Irán logrou en 2010 asinar un acordo con Turquía e Brasil a fin de preservar o seu dereito a manter un programa nuclear con fins pacíficos que, eventualmente, tentara contrarrestar os pulsos e presións emanados dende a AIEA e Washington sobre a integridade do seu programa nuclear.

A tensión entre Israel e Irán vese igualmente reflectida polos reiterados mensaxes que desde 2010 envían o actual goberno israelí de Benjamín Netanyahu e o poderoso estamento militar de Tel Aviv, sobre a concreción de plans militares de ataque unilaterais contra as instalacións nucleares iranianas, aínda sen existir respaldo do Consello de Seguridade da ONU nin de Washington. Como se sabe, Rusia e China manteñen a súa política de veto contra calquera tentativa de ataque contra Irán, socio enerxético, comercial e militar estratéxico para Moscova e Pequín.

Pero é precisamente a ambigüidade de enfoque e posición que a AIEA e Washington manteñen co respecto aos programas nucleares israelí e iraniano o factor que acrecenta esta tensión en Oriente Próximo. Outros países aliados de Washington na rexión, como Arabia Saudita e Qatar, manifestaron publicamente a súa intención de levar a cabo programas nucleares de defensa contra a presunta ameaza nuclear iraniana no Golfo Pérsico, un escenario que definiría unha eventual proliferación nuclear na rexión.

1) “Alemania participa en el programa nuclear de Israel con tres submarinos”, El Mundo (España), 3 de xuño de 2012. Ver en: http://www.elmundo.es/elmundo/2012/06/03/internacional/1338753219.html

2) Ibid

3) COHEN, Avner, Israel and the Bomb, Nova York, Columbia University Press, 1983. O profesor Avner Cohen é igualmente autor do libro The Worst-Kept Secret: Israel’s Bargain with the Bomb, Nova York, Columbia University Press. 2010. En ambos libros, Cohen afirma que o programa nuclear israelí xa estaba en fase decisiva nos momentos previos á “Guerra dos Seis Días” de 1967, na que Israel conquistou os territorios palestinos de Xerusalén Leste, Gaza e Cisxordania. Cohen argumenta que a ambigüidade israelí sobre o seu programa nuclear afianza unha política de “opacidade” e ocultamento do mesmo ante a opinión pública.

4) SHLAIM, Avi, El Muro de Hierro: Israel y el mundo árabe, Granada, Editorial Almed, 2011. Segunda edición ampliada e actualizada. ISBN: 978-84-15063-04-9

5) SEGEV, Tom, “Recycled Rethoric”, Haaretz (Israel), 12 de xuño de 2012. Ver en: http://www.haaretz.com/weekend/week-s-end/recycled-rhetoric-1.417507

6) LEIBOVICH, Sara, “El poder nuclear israelí: ¿un secreto a voces?”, Comunidades. Periódico Judío Independiente. Consultar na páxina web: http://www.delacole.com/cgi-perl/medios/vernota.cgi?medio=comunidades&numero=495&nota=495-9

7) Ibid

8) Ibid

9) COHEN, Avner e BURR, William, “The Untold History of Israel´s Bomb”, The Washington Post, 30 de abril de 2006. Ver en: http://www.washingtonpost.com/wp-dyn/content/article/2006/04/28/AR2006042801326.html

10) “Israel y su programa nuclear”, BBC en español, 23 de decembro de 2003. Ver en: http://news.bbc.co.uk/hi/spanish/international/newsid_3342000/3342997.stm

11) LEIBOVICH, Sara, “El poder nuclear israelí: ¿un secreto a voces?”, op.cit

12) Para coñecer os pormenores do “caso Vanonu”, remitirse ao libro de FRATTINI, Eric, Mossad. Historia del Instituto, Editorial EDAF, Madrid, 2006.

13) LEIBOVICH, Sara, “El poder nuclear israelí: ¿un secreto a voces?”, op.cit

14) Ibid

15) Ibid

16) Ibid

17) Ibid

18) Ibid